Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2018 | Actualizada ás 15:10
O Concello de Santiago atrasou 15 días a entrada en vigor da asunción directa do servizo da ORA e o guindastre para facilitar aos usuarios a transición cara ao novo sistema de pago co teléfono móbil, que cambia de plataforma e levará a cabo agora a través da aplicación 'Moviltik'.
O concelleiro Xan Duro --que asume desde este xoves as responsabilidades de Mobilidade pola baixa temporal do edil Jorge Duarte, que acaba de ser pai-- explicou o funcionamento do novo sistema de aplicación móbil para o pago do estacionamento na zona ORA, que substitúe ao actual após a remunicipalización do servizo, que será asumido pola empresa municipal Tussa a partir do día 15 de xuño.
Deste xeito, o consistorio atrasa 15 días a asunción definitiva da xestión dos servizos de ORA e guindastre municipal --estaba previsto que se producise este venres día 1-- para outorgar un prazo de adaptación ao novo sistema de pago a distancia, vía que utilizan un terzo dos usuarios.
Segundo indicou Duro, acompañado este xoves en rolda de prensa polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera; os usuarios terán dúas semanas para gastar o diñeiro do que dispoñan no moedeiro electrónico da actual aplicación ('Epark').
En caso de non esgotar o crédito, deberán porse en contacto directamente coa empresa que até agora desempeñaba o servizo, Setex Aparki, para reclamar a devolución do diñeiro que aínda teñan no moedeiro.
NOVA APLICACIÓN
Precisamente o sistema de cobro é unha das novidades que incorpora a nova aplicación, que asocia un cartón de crédito á conta persoal, de onde extrae o cobro. A aplicación que deixará de funcionar o 15 de xuño en Santiago funcionaba a través dun 'moedeiro electrónico'.
Ademais, como explicou o xerente de Tussa, a aplicación 'Moviltik' tamén permite a opción de "desaparcar", polo que os usuarios poderán pausar o pago do estacionamento no caso de que abandonen a praza en menor tempo do seleccionado.
Así as cousas, 'Moviltik' incluirá Santiago de Compostela nos seus "mapas" a partir da próxima semana, pero non será até o 15 de xuño cando entre en funcionamento e comece a ser a vía de pago telemático para o estacionamento en zona ORA.
CRÍTICAS DO BNG
Por outra banda, o portavoz do BNG de Santiago, Rubén Cela, cualificou de "oscurantista" e "falto de lealdade" o procedemento de remunicipalización da ORA e o guindastre, aprobado en sesión plenaria a mediados do pasado mes de marzo após case dous anos de proceso desde que o contrato da actual concesionaria (que desempeña o servizo desde finais do 2015 a través de prórrogas) fose anulado por unha sentenza do TSXG.
Rubén Cela censurou que o goberno local non convocase unha xunta de portavoces para informar da evolución do proceso a pesar de ser solicitada polo BNG "hai máis de 10 días" porque entenden que "se estaban incumprindo as datas" para a asunción do servizo por Tussa.
"Non só non se convocou, algo inaudito, senón que se filtrou información a un medio de comunicación que non se lle proporciona aos membros do Consello de Administración (de Tussa)", sinalou Cela, segundo recolle un comunicado emitido polo Bloque.
Nesta liña, criticou que o Concello de Santiago fixase como data para a entrada en funcionamento da remunicipalización o pasado 16 de abril, para logo atrasalo ao 1 de xuño e, agora, volver aprazalo outros 15 días.
O BNG deu o seu voto a favor da remunicipalización no pleno e o seu apoio foi clave para que saíse adiante a medida. Con todo, os edís frontistas sempre criticaron a maneira de xestionar o proceso por parte do goberno local de Compostela Aberta.
RESPOSTA DO GOBERNO
Cuestionado polas declaracións de Rubén Cela, o edil compostelán Xan Duro respondeu que a reunión do consello de administración de Tussa terá lugar a próxima semana e que alí se informará dos "procedementos administrativos".
Nesta liña, remarcou que o novo atraso de 15 días explicado na rolda de prensa deste xoves prodúcese por unha cuestión de "adaptación" ao novo sistema que non inflúe nos procedementos, senón que se realiza co obxectivo de facilitar a transición para os usuarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.