Paracetamol, convivencia con gatos e antecedentes familiares, entre as causas da dermatite

Os resultados da tese de Beatriz Aranegui Arteaga na Universidade de Santiago relacionan a dermatite atópica con diversos factores ambientais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/06/2018 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A presenza da dermatite e da dermatite grave na área de Pontevedra é lixeiramente superior á media doutras cidades españolas no grupo infantil e lixeiramente menor no grupo adolescente. Así o conclúe a tese doutoral de Beatriz Aranegui Arteaga na Universidade de Santiago, quen investigou os síntomas da dermatite atópica en Pontevedra. 

Dermatite atópica
Dermatite atópica | Fonte: Wikimedia.

A dermatite atópica é unha enfermidade cutánea con gran incidencia na poboación infantil e adolescente. A aparición desta doenza está relacionada con factores xenéticos e ambientais. Nas últimas décadas, detectouse un incremento da aparición de dermatite relacionado, en gran medida, con factores ambientais como a adopción dun estilo de vida occidental e a urbanización da sociedade.

Para levar a cabo a análise, Beatriz Aranegui Arteaga realizou un total de 3.064 cuestionarios en dous ámbitos, o grupo infantil con idades entre os 6-7 anos e o grupo adolescente con idades entre os 13-14 anos. Do total de cuestionarios realizados, obtivéronse 2.386 resultados válidos. 

Os cuestionarios preguntaban sobre síntomas de asma, rinite e dermatite, e posibles factores asociados a estas patoloxías. No grupo de idade infantil, detectouse unha presenza de dermatite do 7,4% e do 3,9% no grupo adolescente. A gravidade da enfermidade, medida en espertares polas noites, foi do 1,2% no grupo de idade 6-7 anos e do 0,8% no caso do grupo de 13-14 anos.

No sector infantil, a investigación asocia unha maior presenza de dermatite no caso de antecedentes familiares na nai ou no pai, e no caso de antecedente materno de rinoconxuntivite alérxica. Nesta idade, detéctase unha maior gravidade da enfermidade nos casos de antecedentes de dermatite atópica ou rinite no pai ou nos fogares nos que o pequenos conviviron cun gato durante o primeiro ano de vida. Ademais, tamén se descobre que a gravidade da dermatite está asociada a un consumo frecuente, de ao menos unha vez ao mes, de paracetamol no último ano.

No caso de adolescentes, atoparon unha relación entre a prevalencia da dermatite e diferentes factores como “o índice de masa corporal elevado, o nivel universitario de estudos maternos como reflexo do nivel socioeconómico familiar, o consumo frecuente de paracetamol e a ubicación da vivenda próxima a unha estrada con tráfico de vehículos pesados”, explica a doutora Aranegui Arteaga. Neste grupo de idade, detéctase unha maior gravidade da enfermidade nos casos de antecedente materno de dermatite e de rinite. Nestas idades, tamén está asociada a gravidade da patoloxía co consumo frecuente de paracetamol. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta