Galaxias 'durmintes' nos comezos do Universo: "Apagáronse antes de tempo, pero quizais non para sempre"

No silencio escuro do universo primitivo, hai galaxias que se apagaron antes de tempo. Un equipo internacional con participación galega investiga por que algunhas estruturas cósmicas deixaron de formar estrelas só mil millóns de anos despois do Big Bang.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/08/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Durante séculos, a astronomía avanzou ao ritmo dos ollos humanos e dos seus instrumentos. Primeiro foron os telescopios ópticos, despois os radiotelescopios e, máis recentemente, observatorios espaciais como o Hubble, que abriu fiestras sobre un cosmos cheo de cor, forma e vida. Pero nada revolucionou tanto a comprensión do universo como o telescopio espacial James Webb, operativo desde 2021, que permite mirar máis lonxe --e, por tanto, máis atrás no tempo-- que nunca antes. Cunha sensibilidade extraordinaria para detectar o infravermello profundo, o James Webb está revelando un universo novo: galaxias que apenas están a nacer, estruturas estrañas, nebulosas que se formaron nos primeiros mil millóns de anos tras o Big Bang... E entre esas estruturas, un misterio fascinante: galaxias 'durmintes' que, contra todo pronóstico, deixaron de formar estrelas practicamente despois de nacer.

A galaxia xigante durmida no centro da imaxe está a 10.000 millóns de anos luz.ESA
A galaxia xigante durmida no centro da imaxe está a 10.000 millóns de anos luz.ESA | Fonte: Hubble & NASA, A. Newman, M.

Un equipo da Universidade de Xenebra, no que se atopa a astrofísica galega Alba Covelo Paz, leva meses tentando entender por que estas galaxias deixaron de formar estrelas. A través dun estudo pioneiro --xa publicado-- e unha nova observación programada para 2026, buscan respostas que poden mudar a nosa concepción da evolución galáctica. Alba, formada en Galicia e cunha traxectoria internacional en astrofísica extragaláctica, forma parte do Observatorio Astronómico da institución suíza, un dos centros máis prestixiosos de Europa. A súa investigación situáa á fronte dun proxecto pioneiro no estudo da evolución galáctica no universo primitivo, combinando grandes cantidades de datos coas ferramentas máis avanzadas na astrofísica actual. A súa achega non só é científica, senón tamén divulgativa: defende que, aínda tratándose de temas complexos, é fundamental achegalos á sociedade con claridade e entusiasmo.

O DESCUBRIMENTO INAGARDADO: "O QUE PENSABAMOS ANTES DE CONTAR CO JAMES WEBB DO UNIVERSO É MOI DISTINTO DO QUE SABEMOS AGORA"

"O que pensabamos antes de contar co James Webb do Universo é moi distinto do que sabemos agora", explica Alba. "Antes críase que as primeiras galaxias eran moi activas, que formaban moitísimas estrelas, que brillaban moito e que emitían moita luz ultravioleta", sinala, asegurando que "era o que se agardaba dun universo tan novo". Porén, o ano pasado, un grupo da Universidade de Cambridge descubriu a primeira galaxia 'durmida' no universo primitivo: unha estrutura que, contra toda lóxica, xa non estaba formando estrelas. Ese achado foi "unha tolemia", recoñece Alba, aínda fascinada. A pregunta inmediata foi se se trataba dunha excepción ou só da punta do iceberg. Co seu equipo, decidiu buscar en todos os datos recollidos polo James Webb para ver se había máis casos semellantes. E, mentres traballaban, outros grupos de investigación xa atoparon outras tres. Despois, eles descubriron outras 14 galaxias 'durmintes', elevando o total coñecido a 18. "Non son moitas comparadas coas milleiras e milleiras de galaxias que hai no universo, pero son suficientes para abrir unha nova liña de investigación", admite.

POR QUE SE APAGAN? "NON HAI UNHA SOA CAUSA DE POR QUE ESTAS GALAXIAS QUEDAN 'DURMIDAS': HAI MOITOS FACTORES"

A imaxe infravermella próxima da Nebulosa Pata de Gato, obtida polo Telescopio Espacial James Webb da NASA. Estrelas novas masivas están tallando o gas e o polvo, mentres que a súa brillante luz estelar produce un resplandor nebuloso. Co tempo, esta rexión turbulenta deterá a formación estelar
A imaxe infravermella próxima da Nebulosa Pata de Gato, obtida polo Telescopio Espacial James Webb da NASA. Estrelas novas masivas están tallando o gas e o polvo, mentres que a súa brillante luz estelar produce un resplandor nebuloso. Co tempo, esta rexión turbulenta deterá a formación estelar | Fonte: NASA, ESA, CSA, STScI.

A investigación publicada polo equipo de investigadores liderado por Alba non só confirma que estas galaxias existen, senón que amosa a súa diversidade: hainas grandes e pequenas, compactas e extensas, illadas ou con veciñas que poderían estarlles "roubando gas". "Foi a primeira vez que se fixo un estudo poboacional, non só de casos illados deste tipo de galaxias", apunta a astrofísica galega, que resalta que "a conclusión foi que non hai unha soa causa de por que estas galaxias quedan 'durmidas': hai moitos factores distintos que poden facer que unha galaxia deixe de formar estrelas tan pronto". No universo actual é habitual atopar galaxias elípticas, vermellas e sen actividade, como a xigantesca galaxia do centro do cúmulo de Virgo, o máis próximo á Vía Láctea, protagonista da famosa foto do buraco negro que deu a volta ao mundo o pasado ano 2019.

DURMIDAS PARA SEMPRE? "AGORA TEMOS MOITAS GALAXIAS QUE XA GASTARON TODO O COMBUSTIBLE, PERO NO UNIVERSO PRIMITIVO ISO NON TEN SENTIDO"

A diferenza é que as galaxias actuais teñen xa moitos miles de millóns de anos. "No Universo actual temos moitas galaxias que xa están moi mortas, gastaron todo o combustible --o gas-- e non poden formar máis estrelas sen el; pero, no Universo primitivo, iso non ten sentido, porque as galaxias que había por aquel entón acababan de nacer", apunta. A hipótese que manexa o grupo de Alba é que estas galaxias 'durmintes' non están mortas para sempre, senón que só atravesan un período de pausa temporal. "É posible que unha explosión de supernova ou outro mecanismo astrofísico expulsase o seu gas cara fóra, pero que ese gas volva caer co tempo dentro e a galaxia retome a formación estelar", explica. Dese xeito, entenderíase que a evolución das galaxias non é liñal, senón que alterna períodos de actividade con períodos de descanso.

UN FUTURO CHEO DE DATOS (E DESAFÍOS): "HAI DEMASIADOS DATOS PROPORCIONADOS POLO JAMES WEBB E POUCA XENTE PARA PROCESALOS"

Para confirmar esta teoría, o equipo liderado por Alba Covelo e Pascal Oesch conseguiu que a NASA aprobase unha nova observación co telescopio James Webb, programada para abril de 2026. Esta vez, dirixirán o telescopio directamente a unha rexión específica do ceo buscando só galaxias 'durmintes', co obxectivo de facer un estudo aínda máis exhaustivo. Pero na actualidade hai un problema engadido, como detalla Alba: "hai demasiados datos proporcionados xa por este telescopio e pouca xente para procesalos". De feito, considera que "está a producirse un cambio na maneira de facer ciencia na actualidade: hai moita présa por publicar, e ás veces iso pode levar a erros". Aínda con todo, tamén se amosa convencida que estamos nunha época "moi emocionante: virán moitos descubrimentos nos próximos anos". E, aínda que ela traballa con galaxias, non pode ocultar a súa fascinación por un tipo de obxecto cósmico aínda máis antigo: as chamadas estrelas de Poboación III, as primeiras estrelas do universo, formadas só con hidróxeno e helio. "Aínda non as atopamos, pero estamos cada vez máis preto, e iso sería chegar á orixe, ao intre no que todo comezou", manifesta a astrofísica.

MIRAR AO PASADO PARA ENTENDER O PRESENTE: "EN 13.000 MILLÓNS DE ANOS PUIDO TER PASADO DE TODO"

Chegados a este punto, é importante facer unha reflexión: se esas galaxias foron observadas tal e como eran hai 13.000 millóns de anos, quen sabe como son a día de hoxe. Pode que xa non existan. Ou pode que, tras unha longa pausa, volveran acenderse e a formar estrelas, planetas e ata vida. Como di a astrofísica galega, "en 13.000 millóns de anos puido ter pasado de todo". E esa é, en realidade, a esencia da ciencia que practica: mirar ao pasado para reconstruír o presente, saborear o misterio sen necesidade de resolvelo de inmediato, recoñecer que no fondo das galaxias máis afastadas hai preguntas que tamén falan de nós. Porque, como lembra Alba, mirar cara o inicio do Universo é tamén buscar o noso propio lugar nel. E iso, quizáis, é o máis fermoso de todo. Unha incógnita que leva toda a existencia do ser humano atormentándoo e fascinándoo a partes iguais.

Telescopio James Webb, recreación
Telescopio James Webb, recreación | Fonte: NASA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta