Poderían crearse mexillóns resistentes contra as mareas vermellas? A resposta está no ADN

Un equipo da USC liderado polo catedrático Paulino Martínez desenvolve liñas xenéticas de mexillón máis resistentes ás toxinas mariñas que paralizan a produción en Galicia. A clave: seleccionar os exemplares que acumulan menos ácido okadaico e mitigar así os efectos dun fenómeno agravado polo cambio climático.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 23/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cada certo tempo, como unha ameaza silenciosa que non avisa pero todo o detén, as mareas vermellas obrigan a pechar polígonos enteiros de cultivo de mexillón en Galicia. Non é unha alerta menor: detrás deses peches paralízase a produción, pérdense ingresos e desátase unha carreira contrarreloxo por recuperar o ritmo nunha das actividades máis emblemáticas do mar galego. A causa: toxinas mariñas que o mexillón acumula sen enfermar, pero que son altamente perigosas para o consumo humano. A máis común en Galicia é o ácido okadaico, causante do síndrome diarreico (DSP), unha toxina resistente á calor, imposible de eliminar cunha simple cocción.

Unha pequena marea vermella non tóxica preto da illa de Toralla, en Vigo
Unha pequena marea vermella non tóxica preto da illa de Toralla, en Vigo | Fonte: Centro Oceanográfico de Vigo - Arquivo

E aí é onde entra en escea un equipo de investigadores liderado por Paulino Martínez, catedrático de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que leva anos na procura dunha solución que non pase por mirar ao ceo e agardar. "A clave está na xenética", afirma Martínez. Porque así como hai familias de mexillóns que tenden a acumular máis toxina, tamén as hai que acumulan menos, o que abre a porta a un ambicioso plan de selección xenética para obter estirpes máis resistentes a estes episodios tóxicos que é inevitable que acontezan nas nosas rías.

QUE É EXACTAMENTE A MAREA VERMELLA?

Aínda que soe poético, a marea vermella é de todo menos inofensiva. O seu nome deriva da proliferación masiva de certas microalgas tóxicas --coma diatomeas ou dinoflaxelados-- que, nalgunhas ocasións, poden chegar a tinguir a auga dun ton avermellado, alaranxado ou amarronado. Non sempre a cor é visible, pero cando o é, é coma se unha mancha frotara no mar. Porén, a maior parte das veces, a toxicidade está presente sen que o ollo humano a detecte. Estas microalgas liberan toxinas que non afectan directamente ao mexillón, pero si se acumulan no seu organismo --especialmente no hepatopáncreas-- cando este filtra a auga para alimentarse. E aquí vén o problema: esa toxina é perigosa para as persoas, mesmo tras cocer co marisco. Pode provocar desde diarreas intensas ata cadros máis graves.

"A xente nota que acontece algo porque, de súpeto, pecha un polígono de cultivo enteiro", explica o catedrático da USC, que sinala que, a partir dese momento, "xa non se pode extraer nin vender mexillón ata que as análises semanais certifiquen que está libre de toxinas". É dicir, non hai sinais visibles, nin cheiro nin escuma na auga que avise aos consumidores a maior parte das veces, pero as consecuencias son moi reais: cancelacións de pedidos, perdas económicas e actividade en pausa. En Galicia, o control destes episodios realízao o INTECMAR, que analiza regularmente mostras en todos os polígonos bateeiros. O sistema de alerta funciona, pero a única forma real de evitar os peches sería ter mexillóns que acumulen toxinas por baixo do límite establecido para evitar gastroenterite.

Marea vermella causada por 'Alexandrium minutum' no verán de 2018 en Galicia
Marea vermella causada por 'Alexandrium minutum' no verán de 2018 en Galicia | Fonte: Francisco Rodríguez - IEO

UN PROXECTO PIONEIRO EN GALICIA

Por iso é tan prometedora a liña de investigación que lidera Paulino Martínez. Todo comezou co proxecto EPITOX, impulsado pola Consellería do Mar fai varios anos, en colaboración co Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) de Vilagarcía de Arousa e grupos de investigación da USC. O obxectivo: estudar tanto a avaliación de toxinas no consumo humano como as posibles vías de mitigación. Martínez e o seu equipo centráronse nun punto clave: investigar a base xenética e a herdabilidade da acumulación de toxinas no mexillón. "Nós traballamos coa toxina diarreica máis importante: o ácido okadaico", lembra. Para iso, someteron 200 familias de mexillóns a un episodio tóxico natural e avaliaron canto acumulaba cada unha.

A conclusión foi clara: a herdabilidade estaba arredor dun 0,40, unha cifra considerada moderada, pero suficientemente sólida como para comezar un programa de mellora xenética. Os resultados foron publicados na revista 'Aquaculture' no ano 2016, pero a historia non rematou aí. Grazas aos fondos Next Generation, o equipo retomou a liña de traballo dentro dun macroproxecto de ciencias mariñas con financiamento de 10 millóns de euros e participación de investigadores de toda Galicia.

O XENOMA DO MEXILLÓN, AO DETALLE

A partir do material xenético xa dispoñible por EPITOX, o grupo ensamblou o xenoma completo do mexillón, un fito en si mesmo, que lles permitiu desenvolver millóns de marcadores xenéticos. Con ese arseal, aplicaron análises de asociación para detectar que xenes estaban vencellados cunha menor acumulación de toxina. "Xa identificamos unha rexión concreta do xenoma que explica boa parte desa variabilidade na acumulación de toxina", explica Martínez. O seguinte paso é propoñer unha estratexia de selección: unha liña xenética de mexillóns que acumule menos ácido okadaico. Unha ferrramenta clave para que, mesmo en caso de marea vermella, sexa posible seguir producindo sen os peches de polígonos masivos que hoxe paralizan a actividade.

Os expertos relacionan parte destes fenómenos de marea vermella co aumento de temperatura do mar e a alteración das correntes, que favorecen a proliferación de certas algas. De aí que o cambio climático se convertese nun factor de preocupación crecente. Cómpre lembrar, chegados a este punto, algúns episodios de marea vermella en Galicia que foron especialmente duros para o sector:

  • 2006: No mes de xuño todos os polígonos de cultivo de mexillón de Galicia foron pechados pola presenza de biotoxinas, algo sen precedentes ata entón. A toxina lipofílica extendeuse por todas as rías, dende Ferrol ata Vigo, obrigando a deter a actividade mexilloeira. O peche supuxo perdas económicas severas cifradas en ata 12 millóns de euros e puxo en risco a campaña de verán e outono. Aínda que a toxicidade non sempre era visible na auga, a actividade quedou paralizada durante semanas enteiras.
  • 2013: Un episodio especialmente virulento afectou a varias rías galegas, incluíndo Muros-Noia e Pontevedra, con peche masivo de polígonos de bateas. O INTECMAR cualificouno como 'extraordinario' por afectar tamén a mariscos infaunais como a ameixa ou o berberecho, non só ao mexillón. Uns 1.600 mariscadores quedaron fóra de faena por un tempo, e repetíronse controis diarios estritos. As perdas superaron o 20 % da produción, e o sector entrou en crise.
  • 2014-2016: Tras o incidente de 2013, a toxicidade reapareceu en veráns e primaveras posteriores. En 2014, o sector sufriu unha caída do 20 % na facturación; en 2015, a campaña xa estaba comprometida dende xullo. A maioría das bateas permaneceron pechadas e reclamaron maior transparencia no control, mesmo que os produtores fixesen as súas propias análises para reforzar a confianza.
  • 2018: A aparición de Alexandrium minutum na Ría de Vigo en maio provocou unha 'marea vermella histórica'. Dende o INTECMAR aseguraron que en 30 anos non viran algo semellante. A especie produce unha toxina paralizante que pode causar dende formigueo en extremidades ata parálise respiratoria. Pecháronse zonas completas para protexer ao consumidor.

MAREA VERMELLA, CAMBIO CLIMÁTICO E NOVOS DESAFÍOS

Pero a ameaza non é estable nin predicible. "O sistema de alerta funciona ben", matiza Martínez, pero tamén asegura que "os peches de polígonos, polo momento, seguen sendo inevitables". Ademais, o cambio climático podería intensificar aínda máis o problema: "Estamos vendo alteracións nos ecosistemas mariños; por exemplo, novos parásitos como Anisakis pegreffii, que antes eran exclusivos do Mediterráneo, agora tamén se detectan no Atlántico". As temperaturas da auga en lugares coma Bueu chegaron aos 20 graos este verán, sendo "óptimas para o baño, pero críticas para algunhas especies". Fronte a estes cambios, xa se teñen presentado proxectos a nivel nacional coas principais empresas de acuicultura para adaptar especies como o rodaballo, a robaliza ou a dourada ao quencemento global.

En todo este contexto, a resiliencia xenética do mexillón cobra aínda máis valor. O que antes semellaba ciencia ficción --seleccionar mexillóns "inmunes" á marea vermella-- hoxe é unha posibilidade real nos laboratorios galegos. A través de ferramentas xenómicas avanzadas e a colaboración entre universidades, centros tecnolóxicos e administracións, Galicia pode converterse en referente internacional na mellora xenética aplicada á acuicultura. "É un orgullo ver que os nosos proxectos contribúen a algo tan importante para o sector", di o catedrático da USC. E, aínda que quedan detalles técnicos por pulir antes de aplicar estas melloras de maneira comercial, a dirección está clara: protexer ao mexillón galego dende dentro, dende o seu propio ADN.

Paulino Martínez e o seu equipo
Paulino Martínez e o seu equipo | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta