Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2018 | Actualizada ás 19:49
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou, sobre o futuro do PP após a moción de censura que levou á Moncloa ao socialista Pedro Sánchez, que os populares teñen "a obriga de escoitar a Mariano Rajoy", xa ex-presidente do Goberno pero aínda líder do seu partido.
Nunha entrevista na Radio Galega, Tellado, este sábado, apuntou ao comité executivo estatal convocado para a semana que vén, onde "se coñecerá a folla de ruta" de Rajoy, segundo indicou. "Eu creo que temos a obriga de escoitalo e coñecer que é o que pensa a persoa que liderou a recuperación de España nestes seis anos e medios", afirmou.
O número dous dos populares galegos asumiu que "claro" que os populares teñen que "facer autocrítica". "Do que fixemos como Goberno nestes anos, de como non soubemos afrontar debidamente os casos de corrupción que afectaron o noso partido", resolveu.
Pola súa banda, Miguel Tellado anticipou un período de inestabilidade política en España pola debilidade do novo Executivo de Sánchez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.