Máis de 5.000 persoas gozaron con Panorama e El Combo a ritmo de "se chove, pois que chova"

O tempo case invernal non restou afluencia a unha das festas máis masivas da fin de semana, a de Budiño (O Pino). 'Un beso en la discoteca', de El Combo, e 'Esto es pa' ti', de Panorama, os temas que puxeron a bailar a todos e todas.

Por Ángela Precedo | O Pino, A Coruña | 10/06/2018 | Actualizada ás 21:31

Comparte esta noticia

Esta noite de sábado non era a máis apetecible para saír. Agardábase a chegada dunha borrasca desas que nos fan pensar aos galegos: ‘quen nos roubou o verán e que fixemos nós para merecer isto?’. As ganas de festa na noite de onte diminuiron para moitos, que decidiron quedar na casa a escoitar a choiva no cristal da ventá e ter unha noite de películas, sofá e manta: o que ven sendo anticipar o plan do domingo.

Escenario de El Combo Dominicano en Budiño (O Pino)
Escenario de El Combo Dominicano en Budiño (O Pino)

Sen embargo, os que se atreveron a saír da casa elixiron unha das festas máis potentes no que vai da fin de semana, que reunía na parroquia coruñesa de Budiño (O Pino) ás orquestras Panorama e El Combo Dominicano. Como sempre, estas formacións musicais xa carrexan cada noite tras de sí aos seus fieis seguidores, independentemente de que chova, vente ou faga sol. E é que así é como se vive a verbena en Galicia, contra todo e frente a todo.

A festa comezou ás 23,00 horas, da man de El Combo, que garantizou algo pouco habitual nas festas estivais: a chegada da xente antes da medianoite – xeralmente, óptase por saír da casa máis tarde, porque as orquestras dos carteis soen estar ordenadas por criterios de importancia--. Así, ao levantarse o telón do palco da formación canaria xa había un centenar de persoas congregadas na carpa e debaixo da cantina, así como uns cantos valentes que, pola súa orquestra favorita, se atreveron a poñerse diante do palco á intemperie, con ou sen paraugas, eso era o de menos con tal de poder disfrutar desta ‘Revolution Tour 2018’.

Así, a ritmo de ‘Escápate’, canción de Elvis Crespo interpretada por Eulicer Aróstegui, comezou a festa. O público da noite, cada vez máis numeroso co paso das minutos, foise adentrando paseniñamente no ‘swing’ da orquestra canaria, cuxo obxectivo este ano, tal e como recolle o seu vídeo de presentación, baseado no filme ‘Jumanji’, é que a xente se esqueza dos seus problemas e se adentre “nun escondite de ritmo e sabor”. Deste xeito, o público coreou especialmente algunhas das novas cancións da orquestra, como foi o caso de ‘Mi forma de ser’, interpretada na voz de Néstor Peña –composición propia integrada por primera vez este ano no repertorio da formación e máis coñecida polo público como ‘Que hablen lo que quieran de mí’--.

Tamén tiveron especial acollida a canción orixinal de El Combo ‘Un beso en la discoteca’, cantada por Néstor Peña; a bachata de Romeo Santos ‘Sobredosis’, a cargo de Javi López; e a que rematou o primeiro pase, ‘Diva virtual’ –cover do clásico tema de reggaetón do portorriqueño Don Omar, na voz de Juan Carlos Balbuena, xa incorporado no repertorio do pasado ano--.

Tal foi a intensidade da actuación da formación canaria, con continuas referencias por parte dos cantantes ao dito popular “se chove, pois que chova”, que a xente se animou pese ao desastroso tempo e, cando rematou o primeiro pase, baixo a carpa xa había máis de tres mil persoas agardando o comezo da orquestra Panorama e a súa xira ‘Deluxe Tour 2018’.

PANORAMA, ESPÉCTACULO PURO

A orquestra Panorama é e sempre foi espectáculo puro, así como El Combo está asimilada polo público como unha formación máis para bailar e que interactúa en maior medida co público durante as súas cancións. Así, a posta en escena da formación galega máis demandada polo público é toda unha experiencia, na que se combinan as luces das decenas de pantallas que compoñen o escenario e unha representación teatralizada adaptada exactamente ao contido de cada canción, o que inclúe un ‘background’ con todos os elementos representativos dos videoclips e unha vestimenta que non repara en gastos para que a xente se sinta trasladada ao interior de cada tema.

Partindo desa base, a noite comezou a ritmo da canción de Katy Perry ‘Roar’, interpretada por Daira Monzón. A posta en escena neste caso consiste nunha serie de gladiadores no medio dunha pelea na selva, cuxas lanzas e casco se iluminan e proxectan escintileos cara o público. O ‘background’, neste caso, era unha pirámide de Exipto, e a cantante apareceu ataviada tamén como unha raíña exipcia. Ese mesmo escenario foi aproveitado para a segunda canción, ‘Ready to go’, de Ale Mendoza xunto a Dyland & Lenny, da man de Natalia Méndez, que incorporou un cabalo de Troia na posta en escena.

Sen embargo, a canción que realmente deu a notar que o público se motivou coa chegada de Panorama foi a terceira, clásica canción do grupo latino Santa Fe, ‘Esto es pa’ ti’ –sobrenome da xira da orquestra--, cunha versión propia interpretada por Lito Garrido e Mario Álvarez –gañador de Operación Triunfo en 2009--, e que levantou os gritos dos asistentes na carpa, que non podían parar de bailala, tamén aproveitando que o tempo deu unha tregua e parou de chover.

A xente tamén se motivou coas subidas de mans que demandaba o tradicional cantante e, ao mesmo tempo, presentador da orquestra, Lito Garrido. Especialmente, a súa aportación é fundamental coa chegada da coñecida ‘Hora loca de Panorama’ –recopilación dos temas do verán dos anos anteriores--, que este ano reúne cancións como a de ‘Sube la mano y grita gol’ (2012), de Cali y el Dandee; ‘Yo quiero Bailar’ (2001), de Sonia y Selena; ou ‘Sopa de Caracol’ (2010), de Banda Blanca, entre outras; así como a xa ensalzada como principal deste verán 2018: ‘Scooby Doo PaPá’.

Con todo, a parte máis emotiva da noite veu da man das rancheiras, como ‘La Bikina’, de Luis Miguel, cuxa frase “altanera, preciosa y orgullosa” fixo que o público rememorase algún momentos dos vividos nas galas de Operación Triunfo –a orquestra tamén incorpora un saúdo de Roi, Miriam e Luis, os galegos de OT 2018--. Este tema, grazas á súa posta en escena con imaxes proxectadas nas pantallas do filme de animación ‘Coco’ –que narra a historia dun neno mexicano que quería ser cantante e a súa familia non o deixaba, cunha importante reflexión arredor da enfermidade do alzhéimer—emocionou a máis de un.

Ao remate do seu primeiro pase, debido á inclemencia do tempo, o propio Lito, da orquestra Panorama, agradeceu á comisión de festas de Budiño o seu intenso traballo durante 5 anos, para conseguir que as festas desta pequena parroquia galega se convertisen nas "máis importantes" da comarca nos últimos anos.

Así foi como, pese ao mal estado do tempo, que a todas luces agardaba unha noite de choiva intensa sen interrupción, as orquestras Panorama e El Combo lograron que escampase e que para os segundos pases de cada formación quedase unha noite despexada, con apenas uns chubascos febles. Este é o poder da verbena galega, frente a todo e contra todo.

ESTADO METEOROLÓXICO DA NOITE

En Budiño, a comisión de festas tampouco estaba contenta co tempo. Sí, prevían o día de choiva; e sí, sabían que a carpa ía ser necesaria. Con todo, non é o mesmo instalar unha carpa para unhas mil persoas a instalala para algo máis de sete mil que estaban previstas coa contratación de dúas das orquestras máis importantes do mundo da verbena en Galicia: Panorama e El Combo Dominicano. Así, ás seis da tarde, como apuntou a comisión de festas de Budiño, visto que non ía deixar de chover, ampliouse a carpa, facendo todo o "humanamente posible" para que ambas orquestras puidesen actuar.

Ademais, o terreo onde se celebrou a festa era de herba, tal e como informaba o Combo aos seus seguidores nunha publicación emitida nas redes sociais xusto antes do comezo da festa, ás 23,00 horas. A herba, aparte de mollada pola choiva, convertiuse nun gran campo de lama que non permitiría ao público desfrutar da festa nin bailar, porque os pés hundíanse e quedaban soterrados.

Así mesmo, a zona da carpa, pese a ser ampla, non puido posicionarse adecuadamene cara a orquestra El Combo por mor do tempo e do aire, que podía facer que se mollasen os instrumentos e gran parte do palco. A comisión de festas, que tratou por todos os medios de que pese á inclemencia do tempo a festa saíse adiante, considerou que a mellor decisión era ladear a posición da orquestra, consensuando este feito coa propia dirección da formación, para que a festa puidese seguir adiante e non ter que suspenderse a última hora. Dende a propia comisión afirman que esto fíxose así para que o Combo non tivese que actuar de cara o vento, e que en ningún momento se lle quixo dar preferencia a unha orquestra fronte á outra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta