Mobilizacións no Milladoiro contra os "problemas de tráfico" da súa avenida principal

A Plataforma pola humanización da estrada N550 convoca unha marcha para este xoves, 21 de xuño. Ademais, solicita reunións coa Xunta e con Fomento para dar solución aos "problemas de tráfico" da avenida Rosalía de Castro, que aseguran, "afectan á veciñanza do Milladoiro".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2018 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

A Plataforma pola humanización da estrada N550 ao seu paso polo Milladoiro convocou unha manifestación para este xoves, 21 de xuño, co obxectivo de realizar unha marcha pola avenida de Rosalía de Castro e cortar o tráfico. Baixo o lema “Que isto se mova... Depende de ti!”, a plataforma quere solucións para os "problemas de tráfico que afectan aos veciños e veciñas do Milladoiro, debido á gran cantidade de vehículos que circulan diariamente pola N-550, ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro".

O Milladoiro, en Ames, soporto un gran índice de circulación
O Milladoiro, en Ames, soporto un gran índice de circulación | Fonte: Radio Obradoiro

A marcha sairá dende a rúa de Castelao ás 20:00 horas. Os/as manifestantes baixarán pola avenida de Rosalía de Castro ata a rotonda que está na entrada do Milladoiro e volverá pola avenida de Rosalía de Castro ata a rúa da Madalena, lugar no que rematará. Dende a devandita plataforma solicitan a participación da veciñanza amesá para amosar o rexeitamento ao actual estado da N-550 e pedir a súa humanización.“Chegou o momento de saír a rúa, por iso a túa presenza é moi importante e necesaria para amosar o rexeitamento ao actual estado da N-550 e pedir a súa humanización”, aseguran.

O Concello de Ames xa realizou os trámites necesarios ante a Subdelegación do Goberno para autorizar a manifestación. A Policía Local de Ames e mailos membros da Agrupación de Protección Civil encargaranse da seguridade.

SOLICITUDE DE REUNIÓNS COA XUNTA E CON FOMENTO

Por outra banda, na asemblea xeral realizada o pasado 5 de xuño, a plataforma veciñal
N550 acordou solicitar unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas da Xunta de
Galicia, Ethel Vázquez, para abordar as medidas a curto prazo que se poden executar. Con todo, esta reunión aínda non se produciu.

Ademais, a Corporación municipal solicitará unha nova reunión con representante do
ministerio de Fomento, tras os cambios producidos no goberno do Estado. A plataforma veciñal recorda que "na xuntanza do pasado mes de marzo, o Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, a instancias dos representantes municipais, comprometeuse a incluír dentro dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o inicio do estudo da variante do Milladoiro para
desviar o tráfico da avenida de Rosalía de Castro. A realidade é que en ditos Orzamentos
non hai ningunha partida para tal fin".

Así mesmo, en dita asemblea deuse conta de que houbo novas incorporacións á Comisión
Xestora da Plataforma, que pasa a estar formada por 10 persoas. Tamén se creou unha
petición sobre esta reivindicación na plataforma Change.org e unha páxina de
Facebook para dar maior visibilidade ás actuacións que se están levando a cabo neste
eido. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta