O BNG urxe ao Goberno de Sánchez "decisións políticas" para "nacionalizar" a AP-9

A voceira do BNG, Ana Pontón, critica que a exención de peaxes anunciada por Fomento non inclúa á Autoestrada do Atlántico pero si a outras "da mesma etapa". Ademáis, a líder nacionalista pediu ao Executivo Central unha "auditoría" e un "expediente sancionador" á concesionaria Audasa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2018 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

Ana Pontón demandou ao Goberno de Sánchez "decisións políticas" para "nacionalizar" a AP-9 ante a "estafa" da concesionaria Audasa, xa que, segundo asegurou, a Autoestrada do Atlántico está xa "amortizada e requeteamortizada".

Ana Pontón en rolda de prensa.
Ana Pontón en rolda de prensa.

Nun acto en Vigo, a líder nacionalista cifrou que, desde a construción da AP-9, se recadaron "máis de 2.400 millóns de euros en peaxes", mentres a empresa "só investiu uns 1.400 millóns, máis outros 200 millóns da ampliación da Ponte de Rande". "Estamos a falar dun beneficio de máis de 800 millóns de euros", criticou.

"Todo o que pasou é unha mostra clara e evidente das estafas legalizadas que soportamos en Galiza. Falamos de discriminación porque esta situación nos escandaliza con razón", espetou Pontón. A continuación, a portavoz nacional do Bloque dixo que "non" lle parece "normal" que unha autoestrada "vertebral para Galiza" teña uns prezos "de absoluto escándalo" que fan que sexa "máis caro", segundo os seus números, cruzar a Comunidade que ir desde esta até Madrid.

Así mesmo, a nacionalista achacou esta situación a "responsabilidades políticas dos gobernos de turno do Estado, que foron ampliando as concesións". E é que, tal e como lembrou, o Executivo do expresidente José María Aznar ampliou no ano 2000 a concesión da AP-9 a Audasa até 2048, "coa complicidade de Alberto Núñez Feijóo --actual dirixente galego-- como responsable da Consellería de Política Territorial da Xunta".

Ademáis, Pontón apuntou que, en todo o Estado, "só existen tres autoestradas" que teñen o máximo de concesión que permite a lei --75 anos--. "Deses tres, dous están en Galiza: a AP-9 e a AP-53", sentenciou Pontón.

"UN AUTÉNTICO ESCÁNDALO"

A continuación, a portavoz nacional do BNG dixo que é "un auténtico escándalo" que o Ministerio de Fomento levante a peaxe en tres autoestradas que son "da mesma etapa" que a do Atlántico.

"Se hai diñeiro para nacionalizar e rescatar as radiais madrileñas, tamén hai diñeiro para as autoestradas galegas", esgrimiu Pontón. Así mesmo, a líder nacionalista pediu ao Executivo central unha "auditoría" e un "expediente sancionador" á concesionaria polas "colas, atascos e abusos" aos que, ao seu modo de ver, "condena" aos galegos e aos usuarios da AP-9.

"Estamos a entrar no verán e o normal é que teñamos atascos sen que se levanten as barreiras. Queremos que se asine un protocolo que obrigue a Audasa a abrilas cando haxa colas", urxiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta