SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2018 | Actualizada ás 19:30 por EUROPA PRESS
Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) consolidou en 2017 unha facturación de 230 millóns de euros, nos que destacan os máis de 76 de Feiraco Lácteos e os preto de 28 de Acolat-Clesa, segundo se puxo de manifesto no seu I Encontro de Socios, celebrado este sábado en Santiago de Compostela, con máis de 700 participantes.
A cooperativa de segundo grao CLUN, que naceu en xaneiro de 2017 da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, conta con 3.500 socios de máis de 30 municipios do centro e norte de Galicia.
Segundo se resaltou no Encontro, o pasado ano transformou 160 millóns de litros e produciu 200.000 toneladas de alimentación animal. A súa cifra en investimentos ascendeu en 2017 a máis de 5,5 millóns de euros, en maquinaria de última xeración e melloras no Centro de Alimentación de Vacún de Ribadeo (CAVI), novos envases, sistemas de información e novas tecnoloxías, ademais de proxectos de I+D+i, como Cattlecare, Milkcoop, Tecopaga ou Gescarro.
No Encontro de Socios, o director xeral da cooperativa, José Luís Antuña, asegurou que Galicia ten condicións para consolidarse como a "principal potencia láctea de España con papel relevante na Unión Europea nun contexto de competencia aberta" e animou a buscar "masa crítica para crear alianzas que xeren valor".
Antuña, que agradeceu aos socios, familias, consello reitor, traballadores e técnicos o seu "inmenso esforzo colectivo", asegurou que CLUN está aberto "ao futuro, ao crecemento e á integración se ten sentido para a mellora".
"Ser máis grandes, innovadores, competitivos, rendibles e felices vivindo e traballando no campo e para o campo é a nosa meta", apuntou.
Pola súa banda, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco, lembrou que se trata dun proxecto que suma a tres cooperativas de referencia en Galicia", e que marca o "camiño do cooperativismo do século XXI", contribuíndo a "fomentar o orgullo de pertenza ao medio rural e a estimular o traballo colectivo" dos socios.
"Somos o maior proxecto galego de integración cooperativa e estamos a facer as cousas ben como proban os recoñecementos que xa recibimos, froito do traballo, esforzo e implicación de todos vós", engadiu.
No encontro fixáronse tres grandes obxectivos estratéxicos: a integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, a optimización das subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír ao seu estructuración.
CIFRAS E MARCAS
A súa actividade configúrase ao redor de tres grandes seccións produtivas. En primeiro lugar, a división de Servizos, que prové ao socio do que poida necesitar para a xestión eficiente da súa gandaría, desde apoio na xestión económica-financeira, asesoramento técnico, até servizos como xestoría administrativa e seguros, comercialización de carne, horta, maquinaria ou taller de reparacións.
En segundo lugar, de Subministracións, que proporciona ao socio os produtos necesarios para a súa actividade. E en terceiro lugar, a división de Lácteos, que produce, envasa e comercializa leite e derivados.
Desde CLUN destácase que o pasado ano a entidade foi a primeira láctea con envases con certificación de 'Carbón neutral', permitíndolle deixar de emitir ao redor de 1.650 toneladas de dióxido de carbono. CLUN destinou máis de 3 millóns de euros ao lanzamento destes novos envases.
A cooperativa comercializa produtos lácteos de Galicia baixo as marcas de Feiraco, leite Premium Únicla, iogures e sobremesas lácteas Clesa e os queixos Arquega.
No capítulo de internacionalización, o sueste asiático e o norte de África consolídanse como primeiros mercados exteriores e focalizan o eixo de crecemento da cooperativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.