Unidades de cabalaría da Policía Nacional para a vixilancia e prevención de incendios en Galicia

O delegado do Goberno destaca o labor "fundamental" dos axentes, que tamén actuarán en tramos do Camiño de Santiago.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2018 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Doce unidades de cabalaría da Policía Nacional permanecerán en Galicia até finais de agosto para reforzar os medios autonómicos nas tarefas de vixilancia, prevención e investigación de incendios. Así, a unidade terá dúas sedes: unha en Santiago, que cubrirá as provincias da Coruña e Lugo; e outra en Pontevedra, que se ocupará tamén da provincia de Ourense. Estas unidades foron presentadas este xoves en Santiago, onde o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, indicou que, ao funcionar a lombos dun cabalo, estes axentes poden acceder a lugares nos que os vehículos "teñen limitada a súa presenza".

Javier Losada no acto de presentación das unidades da Policía Nacional. DELEGACIÓN DEL GOBIERNO
Javier Losada no acto de presentación das unidades da Policía Nacional. DELEGACIÓN DEL GOBIERNO | Fonte: Europa Press

Neste sentido, indicou que estas unidades son "fundamentais" para as tarefas de prevención, porque permiten unha "presenza continua" no territorio. Ademais, destacou a súa importancia para "disuadir" e "previr a delincuencia" en tramos do Camiño de Santiago. Ademais, Losada agradeceu o "compromiso" da Policía Nacional na loita contra os incendios e subliñou o traballo que realizarán as próximas semanas pola seguridade dos galegos, a quen pediu a "máxima colaboración" para evitar os incendios.

No acto participaron tamén o director xerente do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez; o comisario principal-xefe rexional de operacións da Xefatura Superior de Policía de Galicia, José Luís Balseiro; o xefe da Comisaría de Santiago, Félix García; e o comisario xefe da unidade adscrita do Corpo Nacional de Policía á Xunta, Fernando Pico.

AUSENCIA DE ALFONSO RUEDA

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen tiña previsto asistir ao acto, non acudiu con motivo da morte do expresidente da Xunta Gerardo Fernández Albor. "Quero desculpar, no seu nome, a ausencia do vicepresidente, (...) quen pediu que, xa que a Policía Nacional fixo un esforzo en vir, se mantivese o acto", expresou Losada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta