Retratando a fenda entre as personalidades destacadas e as invisibilizadas socialmente

Como se constrúe a identidade social das persoas diversas? A Sede Afundación da Coruña acolle a presentación da exposición fotográfica "Como me presento?", un catálogo que invita á sociedade a cuestionarse a forma na que se constrúe a identidade social.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/07/2018 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

Un proxecto para descubrir a arte inclusiva que supón unha  proposta de "coidada linguaxe e estética" a través de 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA (Trasatorno do Espectro do Autismo). Isto é "Como me presento?": un convite á sociedade a cuestionar a construción da identidade. Así, este proxecto retrata os encontros que tiveron lugar entre personalidades destacadas na sociedade galega, como o actor Luís Tosar, a cantante Sés, o científico Ángel Carracedo ou o cociñeiro Pepe Solla, e persoas invisibilizadas socialmente, representadas neste caso en persoas con TEA. 

Exposición «Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA» / Afundación. 'Como me presento?'/ Cedida
Exposición «Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA» / Afundación. 'Como me presento?'/ Cedida

O proxecto é obra do colectivo de fotógrafos La Diapo, conformado por Esteban de la Iglesia e Manu Suárez, que presentan este mércores 18 de xullo ás 12:30h o catálogo. O acto  contará coa asistencia dos autores das fotografías; a comisaria da mostra, Monse Cea; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación. A exposición poderase visitar ata o 28 de xullo.

O PROCESO

Para cumprir o seu obxectivo, os artistas recrearon a acción de presentación, o acto social que marca o comezo dunha relación entre persoas descoñecidas co fin de coñecerse e recoñecerse no outro a pesar das súas diferenzas. Mentres isto sucede, de la Iglesia e Suárez retrataron coas súas cámaras a situación, e retrátanse á súa vez mutuamente rexistrando o momento. O propósito final: promover o coñecemento das persoas con TEA a través das imaxes resultantes deste proceso creativo afastados do ámbito terapéutico, familiar ou educativo aos que a imaxe pública destas persoas se asocia habitualmente.

O resultado é unha obra de arte contemporánea que toma a fotografía como eixe conceptual e formal e como vehículo artístico de comunicación e inclusión. "Este traballo serve ao desexo de devolver o carácter significativo á fotografía profesional en xeral e ao retrato de persoas en particular", sinalan.

Doutra banda, as 28 fotografías e o vídeo que conforman a montaxe verase reflectido: os protagonistas retratándose entre si e os fotógrafos retratando estes encontros, desvelando así os mecanismos de xeración da imaxe

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta