Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2018 | Actualizada ás 20:02
A Asociación Nacional de Estacións de Servizos Automáticas (Aesae) valorou positivamente a decisión da Xunta de facilitar a apertura de gasolineiras automáticas en Galicia, ao entender que permitirá "aumentar a competencia" e diminuír os prezos dos carburantes. Nun comunicado emitido este martes, Aesae afirmou que a modificación permitirá incrementar a competencia co que sosteñen que os prezos do carburante poderán diminuír unha media de 10 céntimos o litro.
O presidente da patronal, Manuel Jiménez Perona manifestou que é unha "buenísima noticia", xa que se converterá nun "mercado con competencia real". De igual modo, este cambio permitirá ás familias galegas aforrar unha media de 320 euros anuais, segundo apuntou o presidente.
No entanto, Jiménez Perona declarou que "seguirán moi perto o asunto", porque "non sería a primeira vez que a Xunta di algo e que logo non o cumpre". Nese sentido, a asociación lembrou que nunha reunión coa Consellería de Economía o pasado marzo prometéuselles a aprobación de "un código de boas condutas para axilizar as aperturas en breves", pero esta aínda non se creou.
Por outra banda, a patronal declarou que, "se as expectativas se cumpren", non levarán á Administración galega ante a Comisión Europea, como anunciou o pasado xuño nunha rolda de prensa. Así mesmo, a entidade de gasolineiras automáticas apuntou que as "trabas lexislativas" provocaron "perdas importantes de investimento" e que a normativa galega vixente "espanta futuros investimentos que van en beneficio do consumidor".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.