Estudan accións civís polos numerosos atoamentos na AP9

A última actuación de oficio do Valedor do Pobo sobre os atoamentos na ponte de Rande insiste que a concesionaria debe levantar barreiras das peaxes cando as retencións sexan importantes. Os atoamentos son consencuencia das obras para mellora da autoestrada nesa zona. O seguinte paso desta actuación foi a remisión á Fiscalía Provincial de Pontevedra das queixas de oficio para estudar accións civís polos prexuízos causados a usuarios e usuarias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2018 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A institución do Valedor do Pobo concluíu a súa queixa de oficio aberta a pasada primavera logo de novos atoamentos na AP-9 no tramo que vai entre Pontevedra e Vigo por mor das obras de mellora nesta autoestrada. A Oficina do Valedor do Pobo remarca que o servizo nunha autoestrada de pagamento ten que ser óptimo de maneira permanente. A petición da Fiscalía Provincial de Pontevedra  estuda emprender accións civís polos prexuízos ocasionados aos usuarios e usuarias, ademais de ter remitido as dúas actuacións de oficio abertas en 2017 e 2018 respectivamente.

Atasco na AP-9
Atasco na AP-9

O contido das dúas queixas de oficio tramitadas pola valedoría nos anos 2017 e 2018 tamén son referentes aos atoamentos dos usuarios da AP-9, tendo que aboar igualmente os importes das peaxes. Estes dous informes foron remitidos á Fiscalía Provincial de Pontevedra, que así o requiriu para estudar accións civís polos prexuízos ocasionados. A oficina do Valedor do Pobo puxo ao dispor do órgano xudicial a análise sobre este problema que se realizara no Informe Anual 2017 do e enviada ao Parlamento. A valedora do pobo informou ao órgano xudicial de tramitacións de queixas individuais nestes dous anos e informa que os prexudicados poderían dirixirse á fiscalía.

A institución alertou á Fiscalía da relevancia do asunto “posto que se trata de problemas que se ocasionan de forma continuada e non recibiron unha resposta adecuada pola concesionaria e pola administración competente”.  A valedoría volveu actuar a pasada primavera xa que o problema de atascos nese tramo de autoestrada reproduciuse de novo, motivado pola execución de obras. Isto trouxo a correspondente perda de tempo a usuarios sen que a concesionaria lles eximise do aboamento das peaxes ante os prexuízos ocasionados.

Igual que ocorreu en 2017, os responsables da autoestrada non abriron as barreiras como unha consecuencia lóxica de reacción ante a imposibilidade de manter un servizo adecuado nunha estrada de pagamento. A institución dirixiuse de novo a Audasa que non contestou. Na investigación previa non aceptara a liberación das peaxes ante as colas que se repetían ano tras ano.

Tamén se solicitou un informe da Delegación do Goberno. A pesares do criterio da Delegación do Goberno, que considerou que “o contrato de concesión non contempla en ningún caso a supresión ou rebaixa da devandita peaxe, e en particular durante a execución de obras”,  desde a institución do Valedor do Pobo considérase que o servizo nunha autoestrada de pagamento ten que ser óptimo de forma permanente, e en caso de non ser así perde sentido utilizala como alternativa máis rápida e segura que a vía convencional.

Se ben existe o criterio de que a cidadanía, con carácter xeral, debe sufrir as consecuencias das obras de mellora en todas as infraestruturas públicas, este non debe ser aplicado co mesmo alcance ás autoestradas de peaxe. O desenvolvemento de obras prexudiciais para o servizo debería ir acompañado de medidas compensatorias aos usuarios que ven aumentar os tempos nos seus desprazamentos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta