Traballo social, traballo invisible

A acción de educadores e traballadores sociais é unha das máis invisibilizadas de cara á sociedade. O seu traballo é unha tarefa que segundo algúns deles din “non se quere que se vexa”. As condicións laborais deste persoal repercuten tamén sobre os e as menores que atenden. Falta de medios, xornadas extensas e poucos recursos, así se pode resumir en parte a situación de educadores e traballadores sociais.

Por Moncho Mariño | Santiago | 02/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A invisibilización consiste nunha falta absoluta de coñecemento sobre sectores sociais e tamén sobre aspectos sociais que están inseridos na vida cotiá. Son persoas e labores cunha existencia imperceptible a maioría do tempo. Só saen á luz cando as circunstancias son excepcionais ou moven certos sectores reivindicativos da sociedade. Entre os labores ou traballos invisibilizados está o de educador social e o de traballador social.

Servizo de Familia e menores da Xunta en Ourense
Servizo de Familia e menores da Xunta en Ourense | Fonte: paxinasgalegas.es

Cal é a diferenza? Segundo Millán Brea da Universidade de Vigo, “un traballador ou traballadora social sería quen abre un expediente cun caso determinado e de aí deriva o caso á sección correspondente. O educador ou educadora social pode ser unha desas persoas ás que te deriva o traballador social. O labor do primeiro é case que burocrático mentres que o segundo está máis enfocado á educación en valores para cambiar determinadas dinámicas sociais que estarían erradas”.

As dúas definicións son unha parte do total que sería o traballo social, que realmente é un mundo, porque a atención social implica desde menores a persoas dependentes e outros sectores. No caso dos menores a invisibilización do traballo deberíase a que “o tema de menores non é prato de bo gusto, os menores non votan e a sociedade non quere ver que hai xente que pasa por diferentes crises persoais e familiares” di Ramón Vidal da UGT.

O TRABALLO

“No caso de traballadoras e traballadores sociais, no que son algúns centros e en concellos están case exclusivamente para tramitar axudas de dependencia” din fontes da Central Unitaria de Traballadores (CUT). “A cuestión é que se vas onda os traballadores sociais con asuntos non relativos á axuda social, ás veces non poden atenderte polo colapso que existe só en trámites para estas axudas”. O motivo apuntado pola CUT para este colapso é “un brutal envellecemento da poboación en Galicia e que unha traballadora social pode estar atendendo un ratio de cen usuarios dependentes, adultos, anciáns e infancia”. 

Persoa dependente
Persoa dependente

“Se ben a traballadora social está atendendo unhas necesidades por así dicilo, burocráticas, a educadora ten un traballo de intervención para mellora de habilidades sociais e este traballo de educadora social ten un horario de 24 horas” sinalan desde a CUT. O ideal neste caso é que traballadora e educadora puidesen traballar xuntas, pero dado o colapso e a falta de substitucións para cubrir prazas, non se pode aplicar este principio. Non obstante, o traballador social é obrigatorio nos concellos por determinado número de habitantes, dependente duns fondos que ten o concello. A figura do educador non é obrigatoria, pero dependendo das partidas orzamentarias pode haber un nun concello. Pero desde a crise económica esta figura non existe.

Cos recortes desapareceron programas como “Preescolar na Casa”  e tampouco se pensou en escolas para nais e pais. Este tipo de programas e intervencións poderían axudar á mellor educación dos pequenos e así non converterse no que algúns expertos denominan “pequenos emperadores”. Estes serían fillos e fillas que pedirían máis e máis ata un punto que se converten en violentos contra os seus proxenitores. “De fondo as familias non trasladan estas cuestións porque denunciar ao fillo ou filla é algo que dá vergoña” di Ramón Vidal.


SALARIOS E CONVENIOS

“Unha base salarial serían 1.400€, pero un ratio medio serían 900€ dependendo desde a empresa para a que traballas e se é pública ou privada. Na pública é por convenio laboral, aínda que xa apuntan casos de novecentos ou novecentos e algo” din desde a CUT. O caso é que revisando a Disposición 6266 del BOE núm. 155 de 2016, a última á que puido acceder Galicia Confidencial, os salarios de 900€ e mesmo superando escasamente os 1.000€, serían salarios correspondentes a outras categorías e grupos profesionais dentro do ámbito do traballo social.

Delegados sindicais da CIG apuntan que “hai persoas que teñen un salario mínimo de 1.200 euros, pero con descontos quédalles en algo máis de 1.100 euros. Por outra parte ha persoal que cobra 900€ no sector privado e onde lle din que as extras e outros pluses vanlles prorrateados”. Desde as mesmas fontes apuntan tamén que as xornadas laborais “serían de 39 horas por semana, se non se fan máis horas é porque non as pagan por falta de diñeiro”.  Actualmente existe un III Convenio Colectivo Estatal de Reforma Juvenil y Protección de Menores. O anterior era de 2012, que se seguía aplicando ata a aprobación do novo. O novo convenio recolle que a persoa educador ou educadora social debe ter un título que así o acredite. Non obstante, fontes sindicais apuntan que “algunhas partes xa dixeron que non van facer tal cousa”.  “Hai unha visión do Terceiro Sector como unha área onde todo debera ser cuestión de voluntariado, como que ese tipo de traballos non terían por que estar remunerados” apunta Millán Brea.

Outra cuestión é que coa última reforma laboral aprobada durante o goberno de Mariano Rajoy, algunhas entidades do terceiro sector e dentro do marco de dita reforma, poden crear os seus convenios propios por debaixo do estatal. “Isto permite ás empresas ou organizacións implicadas pagar menos que o marcado no convenio estatal” din da CIG. “O que chama a atención é que non exista un seguemento dos proxectos no que toca aos salarios” sinala a CUT que tamén destaca “só se sabe dun concello no que se fixo un seguemento e avisouse á empresa que cumprise coas súas obrigas laborais”.

EXPERIENCIA LABORAL

O traballo social implica moitas veces ter que facer quendas de noite, fin de semana e outros horarios que deberan ser compensados economicamente. Pero dentro do sector privado recolléronse casos de abuso laboral que acabaron nos xulgados. Desde a CUT falan de casos típicos como “traballar corenta e oito horas nas fin de semanas, facer que esa persoa despois participe en actividades como reunións de equipo, que poden durar horas, unha xornada laboral e que finalmente non é remunerada”. Outras fontes sindicais apuntan “a falta de persoal que cubra máis quendas” e ademais os salarios, de 1.000€ para fins de semana e tamén noites, incluían os pluses de nocturnidade nalgúns casos.

Isto estaría en liña co apuntado sobre os convenios laborais. Salarios baixos onde figurarían prorrateadas as pagas extra correspondentes a quendas, nocturnidade e outros extras. “O que acontece nalgúns casos é que non se contrata a ese persoal segundo a súa figura laboral, senón que se fai por unha figura máis baixa, por exemplo como auxiliares en vez da categoría que lle correspondía” din desde a CUT.

NEGOCIO?

O labor de protección e reforma para xente nova é levado pola administración autonómica. Existen centros públicos, pero quizais sexan os de menor número. Algúns centros foron privatizados e pasaron a empresas, asociacións ou ONG´s. Estas reciben diñeiro dos orzamentos autonómicos, no caso galego, que será empregado en diferentes proxectos. Os menores son derivados cos seus expedientes logo de diferentes avaliacións ou por orde xudicial. O caso é que as diferentes organizacións receben eses cartos e a partir de aí, como apuntaban fontes sindicais “non hai un seguemento”. O orzamento pode ser concedido en concurso público, normalmente, aínda que tamén se apuntou a discrecionalidade nalgúns casos.

As fontes consultadas  para esta reportaxe apuntan que, no caso de haber algunha intencionalidade de lucro estaría “en aproveitarse da desgraza das persoas”, segundo fontes da CIG. Doutra parte, Ramón Vidal, UGT, sinala que “o lucro ou o negocio estaría na economía que se faga coa dotación, co material, cos salarios, coas axudas que lle entregan a cada persoa” porque “mentres que no sector público prima o resultado social e profesional, no privado prima un resultado económico”.  “O que está concertado debera ser público” sinala Millán Brea, pois “o que gasta a Xunta nestes centros podería investilo noutros programas e mesmo crear empresas que atendan este sector”.  “Reciben diñeiro da administración porque esta non quere que os rapaces e rapazas saian nos medios” apuntan fontes da CIG, que van máis alá sinalando que “mentres digas que son xente nova en risco, non se fai intervención pero cando se apunta a posibilidade de que acabe delinquindo, entón é cando si se intervén”.

A posibilidade dunha mala xestión dos fondos investidos pola Xunta en centros concertados de protección e reforma, pode aparecer en auditorías que se fagan para tal efecto. “Pero as auditorías tamén as fan entidades privadas, co que é posible que se poña o que máis lle conveña a quen audita, pois ten o risco de ser despedido, se a auditorías fose pública, habería unha sanción” di Ramón Vidal.

En definitiva, a visibilización de traballadores e traballadoras sociais, educadores e educadoras e demais persoal implicado no 3º Sector, é unha tarefa aínda pendente. En tal caso, os motivos para a invisibilización poderían estar, segundo fontes consultadas por Galicia Confidencial, na intención de afastar da sociedade ou ocultar aquilo que non nos gusta ver. Por tanto, iso implica que o traballo que se fai con esas persoas que non queremos ver, tamén estea afastado dos ollos da maioría. O investimento en máis políticas de educación social e sobre todo, a incorporación de educadoras e educadores sociais aos centros de ensino tamén forman parte das reivindicacións dos profesionais deste sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lúa

Tampouco as educadoras sociais da xunta cobramos domingos nin festivod