Temas: SOLO FORESTAL LUME

Montserrat Díaz, investigadora: "O noso solo é cada vez menos profundo, menos diverso e máis pobre"

Como se atopan os solos queimados a día de hoxe? Canto tardan en rexenerarse e cal é o proceso a seguir? Por que a terra galega é tan produtiva? Son algunhas das preguntas ás que a investigadora do CSIC Montserrat Díaz dá resposta nestra entrevista.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 03/08/2018 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Montserrat Díaz é membro da Sociedade Española da Ciencia do Solo, unha asociación sen ánimo de lucro que se dedica ao estudo do solo. Ademais, esta compostelá traballa no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia e forma parte da asociación FuegoRED, unha Rede Temática Internacional sobre os efectos do lume sobre os ecosistemas forestais. Precisamente arredor disto, do impacto dos lumes sobre o solo, un dos nosos bens máis prezados, xirou esta entrevista. Como boa divulgadora científica e sendo consciente da necesidade de que a sociedade comprenda o valor da nosa terra, estas foron as súas respostas. 

Montserrat Díaz, investigadora científica do CSIC
Montserrat Díaz, investigadora científica do CSIC

Hoxe en día, nove meses despois desa última vaga de incendios que asolou o país, cal é o estado dos solos queimados?

Iso vai depender da severidade que tivera o incendio en cada zona. Canta máis temperatura, maior probabilidade hai de que o solo non se recupere. Tamén depende das condicións meteorolóxicas e da topografía: as chuvias fortes en zonas de moita pendente producen escorrentías e erosión, e isto provoca, á súa vez, perdas irreversibles de solo e nutrientes. As cinzas, mesmo pode que cheguen ao mar, como aconteceu no 2006. O noso solo cada vez ten menos profundidade e é máis pobre e menos diverso, porque os lumes fan que perda a capa de materia orgánica, a base da fertilidade dos solos galegos. Se perdemos esa capa, perdémolo todo, porque son a razón da súa produtividade e porque sen solo non hai vexetación. En consecuencia, as árbores coma os carballos ou os pinos cada vez teñen menos profundidade para poder medrar e son desprazadas por outro tipo de prantas con raíces menos profundas - a matogueira -. Por suposto, o tipo de vexetación tamén inflúe no grao de severidade dos incendios.

No caso máis grave, por exemplo, canto pode tardar en rexenerarse o solo?

O solo tarda millóns de anos en formarse e só un ou dous días en destruírse por causa dos incendios. No caso dunha zona cha a vexetación herbácea, o solo pode tardar un ano en rexenerarse. En solo cha de vexetación arbustiva, entre tres e cinco anos. En zonas arboradas de pino e eucalipto, 20 anos, e no caso das carballeiras pode chegar a 100 anos. Agora ben, en zonas de pendentes agudas e con erosión, pode tardar tres ou cinco veces máis ca nos casos de zonas chairas. Mesmo 15 ou 20 veces máis se a erosión é moi forte. E se só quedou rocha no lugar afectado, a recuperación directamente non vai existir. Por iso é importante en determinados casos acudir a medidas de actuación post-incendio.

Agora mesmo, estanse levando a cabo esas medidas para rexeneralo?

Dende o ano 2006, con esa ondada de incendios tan dramática, houbo un shock na poboación   e iso concienciounos. Dende a Xunta pediron ao noso Grupo de Investigación (IIAG-CSIC), conxuntamente co Centro de Investigación Forestal de Lourizán, buscar solucións post-incendio a curto prazo e probamos dúas técnicas: a da semente, é dicir, a implantación dunha cuberta vexetal rápida; e a do mulching, que consiste en crear un amolfadado con palla, restos de madeira... que impida o arrastre. Esta última, e especialmente a da palla, é a máis eficaz para reducir a erosión porque a validez das sementes depende tamén das condicións climáticas e do solo. Por iso lle recomendamos o alfomadado ("mulching") á Xunta e dende aquela dedícase unha partida pequena a este tipo de medidas, pero son moi caras. A palla custa uns 3000€ por hectárea e só se están implantando naquelas zonas onde máis urxe. 

Tras esta última vaga de incendios, moita xente decidiu sementar no monte queimado. Estas actuacións particulares son positivas?

Todas as prácticas deben estar asesoradas polos xestores. A xente ía ao monte sen control e hai que saber ben o que hai que facer. Non se pode pisar a terra queimada e non ten sentido plantar landras porque antes da árbore sae a vexetación herbácea. Unha landra tarda moito en medrar. O descoñecemento ás veces fai que actuemos de maneira contraproducente, por iso debemos estar asesorados polos axentes forestais, que son quen saben. Ademais, as zonas como os parques naturais precisan dun especial coidado: non se poden introducir nelas especies non autóctonas e hai que intentar que o material empregado no mulching sexa galego. 

Precisamente nos parques naturais, onde hai máis especies autóctonas, nótase moito a diferenza entre os montes a eucalipto queimados e os montes a carballos ou castiñeiros. Por que unha fraga é máis resistente ca unha plantación de eucaliptos ou pinos?

As fragas teñen árbores con moito porte, non adoitan presentar matogueiras e son resistentes de por si aos incendios. Cando o lume pasa por debaixo delas, pasa rápido e case non afecta ás árbores e ao solo, entón recupéranse sen problema. Ademais tamén inflúe que os carballos se plantan máis espazados. No caso dos pinos ou eucaliptos, están moi cerquiña os uns dos outros, debaixo deles hai unha capa de matogueira enorme e arden moi rápido porque é un combustible potente. Especificamente os eucaliptos tamén absorben moita auga e os solos están máis secos. 

Ata onde poden chegar os efectos dos lumes?

Os incendios afectan mesmo a zonas ás que non chegaron as lapas. Os efectos visibles son na atmosfera, a destrución da vexetación e a morte de animais, aos bens materiais das persoas e incluso á vida. Pero tamén afecta ás augas superficiais e subterráneas, que poden chegar a contaminarse. Os lumes teñen un impacto ecolóxico e económico, sobre o sector silvícola, o marisqueo, a pesca, o turismo. Desta maneira, os principais sectores produtivos galegos están afectados. E non podemos esquecernos da produción de alimentos, enerxía, fibras, resinas... nin dos efectos a nivel social e paisaxístico. Este problema é moi grave. 

Un problema moi grave que precisa, quizais, dunha solución máis radical. Onde está a orixe dos incendios forestais? 

Hai que ir á raíz do problema: os montes agora non se limpan, non se están xestionando ben, e os monocultivos de árbores de rápido crecemento - eucalipto ou pino - tan estendidos tampouco axudan. Tería que haber discontinuidades: zonas de monte con matogueira, zonas de cultivo, zonas arboradas con distintas especies... e respectar as marxes dos ríos e das casas. Hai que atreverse coa xestión forestal e hai que cambiar as partidas para investir máis en prevención, porque aínda que haxa barreiras contraincendios, cando os ventos sexan fortes, as muxicas poden voar moi lonxe. A clave está na ordenación do monte, ademais da necesidade de ir contra os incendiarios - o 90% dos incendios son provocados - e adquirir unha conciencia ambiental. As novas xeracións, sobre todo, deben saber o que estamos perdendo: estamos queimando o presente e hipotecando o futuro de Galicia. Teñen que comprender que os montes son fonte de riqueza. Eles serán os futuros políticos, mestres e propietarios e xestores da terra. 

Temas: SOLO FORESTAL LUME
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 stop plaga eucaliptos

Pois si que o eucalipto seca o terreo, porque se o plantas en zona pantanosas secan o terreo. E o digo eu que teño terreo no monte e traballo no monte. O malo e que o negocio e o negocio e como todo ai que defendelo. Pero non señores non o eucalipto arde mais que o bien eu que levo mais de 10 anos traballando na extincion dos lumes e son fillo de leñador de toda a vida. E que gotea tamen gotea polas mañan as ventanas da miña casa, que cousas se dicen todo por la pasta. PUES NO TODO POR LA PASTA NO.

2 kom

Eu non estou dacordo en absoluto, recalco que o monte se rexenera solo como sempre fixo, non fai falla contratar a ninguén para que vexa como nacen as herbas. Baixo os eucaliptos hai matorral (si non se limpan), igual que baixo os carballos, as nogueiras e todo iso, calqueira que saia ó monte o pode ver. Por iso é tan importante ter os montes limpos, mais importante que a especie de arbol que se planta. Fálase moito do tema das follas do eucalipto polo chan, pois que alguén mire as follas baixo os castiñeiros en outono (cando ainda pode haber incendios). E por último, que o eucalipto reseca o terreo, gustaríame que escoitara o sonido de goteo dos eucaliptos nas noites de neboa na seca do 2012, sonaban mismamente como si fora choiva. Basta xa de atacar ó rural galego, os que queiran facer experimentos que compren montes.

1 kom

En Galicia levamos toda a vida con incendios forestais e o chan sempre se regenerou solo. Os incendios forestais son un proceso natural no ciclo do bosque galego, e peor ainda, antes os montes se lles facían rozas e cousas así, o efecto era como un incendio forestal contínuo. Eu penso que todo o que se está dicindo aquí é totalmente supérfluo.