A Festa do Albariño deixa 160 positivos por alcol e outros 24 por drogas no dispositivo de tráfico

Dous detidos por condución neglixente e temeraria, mentres se instrúen dilixencias a outros dous por negarse a facer as probas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2018 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

A Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizou durante o operativo especial da Festa do Albariño 2.906 probas de alcoholemia e drogas na rede viaria do termo municipal de Cambados (Pontevedra). Nestes controis detectáronse 160 condutores que deron positivo en alcol e outros 24 en drogas. No ámbito penal procedeuse á detención de dous condutores por conducir de forma neglixente e temeraria, instruíronse dilixencias xudiciais a outros dous por negarse a someterse a realizar as probas e a un terceiro por conducir tendo retirado o carné por perda de puntos.

Concerto na festa do Albariño de Cambados. CONCELLO DE CAMBADOS
Concerto na festa do Albariño de Cambados. CONCELLO DE CAMBADOS

Dos 160 condutores que deron resultado positivo nas probas de alcoholemia, 148 foron denunciados por vía administrativa. Aos outros doce instruíronselles dilixencias por superar a taxa de 0,60 miligramos por litro en aire expirado. Os axentes da Garda Civil tamén procederon á detención de dous condutores que trataron de eludir os controis de alcoholemia. Un deles adiantou na súa fuxida a outros vehículos pola beiravía e tentou sacar fóra da calzada ao vehículo oficial que o perseguía. O outro condutor quedou co seu coche no interior dunha leira ao saír da estrada.

BALANCE INSATISFACTORIO

Desde a Garda Civil de Tráfico considérase que "aínda que son unha minoría" os condutores que deron resultado positivo sobre o total dos que foron sometidos ás probas, "o balance non é satisfactorio, en canto aos resultados obtidos e derivados do consumo destas substancias psicoactivas, tendo en conta que o desexable para a seguridade viaria é formalizar o menor número de actuacións posibles derivadas do consumo destas sustancias". Dentro dos aspectos positivos, a Benemérita destaca a inexistencia de ningún sinistro grave nas vías interurbanas limítrofes a Cambados durante eses días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta