O peculiar Entroido de verán de Trives enche de festa as rúas un ano máis

Música tradicional, produtos gastronómicos, artesanía, campionatos de billarda, desfile de folións... Unha morea de actividades amenizaron na fin de semana este peculiar entroido estival.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela a | 13/08/2018 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O X Entroido de verán, organizado pola asociación cultural A Caniceira, encheu de xente as rúas de A Pobra de Trives nunha intensa fin de semana repleta de actividades de diverso tipo.

O pistoletazo de saída dábase coa IX edición dos Cantos de Taberna: oito grupos tradicionais percorreron once establecementos de hostalería do municipio, levando música a cada recuncho do pobo e facendo desfrutar a unha multitude de persoas do patrimonio inmaterial galego. Ademais da música, tamén houbo espazo para os produtos gastronómicos e artesáns: doces de castaña, aceites, viños, queixos, camisetas, obxectos de adorno, complementos, prendas de vestir, artesanía en madeira, instrumentos musicais... 

Un instante do Entroido de verán de Trives
Un instante do Entroido de verán de Trives | Fonte: A.C. A Caniceira

As xornadas estiveron amenizadas por diversos grupos e actuacións musicais, nunha oferta moi variada e orixinal: As Macizas Centrais, Os Iñigos, Son do Sil... fixeron bailar e cantar a centos de persoas. Non faltaron tampouco actividades como o campionato de billarda, actividades para nenos e nenas, o desfile de folións, etc. Dende a asociación organizadora aseguran que se senten agradecidos por todas as persoas que se achegaron a desfrutar e fixeron posible que a X edición do Entroido de Verán fora un goce.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta