O MARCO de Vigo: o Museo de Arte Contemporánea sen arte contemporánea

No Museo de Arte Contemporánea de Vigo non hai director e non hai arte contemporánea. Agora dirixe o concello. GC fala coa Comisión Xestora dos Amigos do MARCO, agrupación creada case simultáneamente ao museo no 2002, e co artista Javier Fernández Pérez de Lis. Nun debate que xa non se sabe se é cultural ou é político.

Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 21/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O día que afundía o Prestige nas costas galegas inaugurábase o MARCO: o 19 de novembro de 2002, cando partía en dous o buque e o chapapote desencadeaba o berro grande de Galicia, na rúa Príncipe concedíase unha nova vida ao que fora o Cárcere e o Palacio da Xustiza de Vigo. O edificio de calabozos, salas de visita e patios interiores acollería arte contemporánea. O edificio acollería cultura e libre expresión en plano panóptico. 

Visita dos Amigos do MARCO á Fundación Manolo Paz de Arte Contemporánea
Visita dos Amigos do MARCO á Fundación Manolo Paz de Arte Contemporánea | Fonte: Cedida

E inaugurábase coas exposicóns "Cardinales" e "Atlántica", unha homenaxe ao grupo precursor da renovación do panorama artístico de Galicia. Agora, en cambio, pódese visitar "Metrópolis" e unha homenaxe a Julio Verne. E se cadra é difícil definir que é arte contemporánea pero, de primeiras, poderíase dicir que é a arte actual. Algo que nin é "Metrópolis" nin é Julio Verne. Pero é que o MARCO, logo de dimitir Iñaki Martínez Antelo o ano pasado (e anunciar que non renovaría o contrato no 2016), quedou sen director. Aínda que si ten alcalde, Abel Caballero, que declarou que non era necesario un director para o museo e que así "se aforraban cartos". 

Tampouco ten responsable de exposicións, pois Agar Ledo dimitiu este ano. E Daniela Serraíno, a presidenta da Agrupación Amigos do MARCO, tamén dimitiu. E o 50% dos socios.  Porque, afirmaban, hai unha "deriva e indefinición do modelo da institución e unha ausencia de vías de diálogo coa alcaldía". Unha viraxe de rumbo na que, segundo o colectivo artístico, non hai rumbo. Un modelo "populista" que responde ás "ocurrencias do señor alcalde".

Así, a raíz da dimisión da presidenta, un grupo de sete amigos do MARCO constitúe a Comisión Xestora e dirixe a agrupación, logo de que aprobaran en Asamblea admitir esa proposta, xa que ninguén tiña tempo extra para dedicar cen por cen á dirección. Reúnense todos os martes na sede que teñen no Museo e, levando a cabo unha xestión transparente e democrática, insisten en que "estamos abertos a todas as propostas que veñan dos membros".

Sinalan que a cultura non esperta paixóns que mobilicen. Pero que, en calquera caso, "houbo unha recollida de firmas a pé de museo cun resultado importante de participación; ata 7.000 firmas nas que non só está representado o corpo artístico local, galego e español, senón que mereceu xestos de solidaridade de asociacións de veciños, xentes da sanidade, da ensinaza e das fábricas".

O MARCO de Vigo cando colocaran a pancarta 'Winter is comingo'
O MARCO de Vigo cando colocaran a pancarta 'Winter is comingo' | Fonte: Twitter @beaviana1

Un apoio que non é suficiente para que Abel Caballero acceda a unha reunión cos axentes implicados. Unha ausencia de diálogo que estallou precisamente na inauguración da exposición en homenaxe a Julio Verne, cando un socio de Amigos do Marco "increpou" ao alcalde. Porque Abel Caballero censurou as preguntas na rolda de prensa e vetou a dito socio que quixo preguntar. "Había polo menos tres persoas con disposición de preguntar ao edil cuestións relativas ao funcionamento e ao futuro do centro", sinala o artista Javier Fernández Pérez de Lis.

O artista, autor do libro de fotografía "Catro ventos", prosegue: "foi un esperpento. As que presenciamos o acto saímos avergoñadas por una actitude autoritaria por parte do alcalde de Vigo, así como unha total 'colaboración' ou 'facilitación' polo actual xestor do Museo. Paréceme inapropiada a actitude tomada polo señor Caballero, vanagloriándose e saíndo da sala con xesto de vitoria despois de ternos faltado o respeto". "Calar unha voz discrepante non é unha resposta democrática", conclúen dende a Comisión Xestora.

E o "espontáneo" recordaba, o mesmo día que O Faro de Vigo publicaba as fotografías do incidente, que hai medio siglo probablemente el e o edil militaban na mesma opción política. Que lle custaba crer que un loitador coma el, que plantara cara á ditadura, tivera evolucionado até o punto de impedir preguntas nunha rolda de prensa. E que mentres ocupara un cargo público, non debía silenciar as preguntas dos seus cidadáns. 

DEMOCRATIZACIÓN DA ARTE?

Dende o Concello de Vigo declararon que o malestar derivado do cambio de rumbo do MARCO obedecía a unha falta de control do museo por parte dun grupo de presión ben identificado e que, a costa de dar cabida a unas tendencias, outras estaban invisibilizadas. Sobre se esta viraxe de rumbo responde a unha "democratización" do museo, a Comisón Xestora sostén que "é unha acusación insostible": "a dirección do MARCO estivo a cargo de profesionais competentes na súa faceta artística que se viron obrigados a dimitir polas interferencias ás que se viron sometidos. O resultado da súa marcha, e non da súa substitución profesional, é a falta de rumbo actual".

E proseguen: "é moi chamativo que non se convocara ningunha reunión para discutir o seu futuro, nin tampouco para modificar o seu obxecto estatutario. O violar sistemáticamente a norma fundadora non pode considerarse unha práctica democrática, o non responder ás multiples solicitudes de reunión por parte de AAM é unha falta de respecto democrático".

Doutra banda, Javier Fernández de Lis sinala que "a arte contemporánea non é popular. Partindo de aí, considero que é difícil chegar ás masas, e que por outro lado, os números non deben lexitimizar un centro ou un museo". E que "participar, visitar, e mergullarse nunha proposta de arte conermporánea  pode requerir a mesma atención que a de mergullarse noutro campo. Ás veces comprendemos as cousas, outras veces non, pero no fondo, penso que se trata de aprender. E para iso a Arte Contemporánea é unha fantástica ferramenta". Porque ás veces asóciase a arte contemporánea ao elitismo e, segundo a Comisión Xestora "non pode considerarse elitista un museo céntrico, gratuito, e no que hai múltiples obradoiros con vocación pedagóxica e divulgativa". 

"Pareceume absurda a construción dunha Cidade da Cultura que desfondou o gasto en cultura ao CGAC, as dotacións da Xunta ao Marco ou a calquera proposta artística"

REDE MUSEOGRÁFICA 

No foco do debate tamén está se tres museos/ centros de Arte Contemporánea son demasiados para Galicia. Se cómpre reconfigurar a rede museográfica galega. Ante esta cuestión, tanto a Comisión Xestora de AAM como o artista concorda. Pola súa banda, Javier Fernández Pérez de Lis opina que "tendemos a pensar as cousas unha vez feitas. Desvirtuar os efectivos que funcionan para derivar cartos a outras propostas paréceme absurdo. Pareceume absurda a construción dunha Cidade da Cultura que desfondou o gasto en cultura ao CGAC, as dotacións da Xunta ao Marco ou a calquera proposta artística". E que todo o sistema cultural de Galicia adolece desas decisión políticas. Que o debate non está en se precisamos máis ou menos centros de arte, senón en "dotar correctamente os xa existentes". 

"Iso obedece a unha política de fabricación de 'continentes' e 'rivalidades' entre cidades que ten tamén os seus expoñentes no ámbito dos aeroportos ou universidades. O lóxico sería non competir, senón coordinar e especializarse. Unha razón máis para esixir unha xestión profesional da cultura que non desperdicie medios", apuntan dende a Comisión.

QUEN PAGA, MANDA

"O máis triste é que o Concello e en concreto a Alcaldía está ocupando o espacio baleiro que deixaron outros fundadores que desatenderon o MARCO non asistindo ás reunións convocadas do Patronato e reducindo as súas aportacións a mínimos irrisorios", sinalan dende AAM. Porque o problema foi o financiamento e a lóxica: quen paga, manda. E o Concello de Vigo é quen máis aporta así que se fixeron valer os estatutos e "adxudicouse" o poder de decisión.

"A Arte Contemporánea fala do noso tempo e de nós mesmos, porque crea e desenvolve linguaxes que poden explicar, de maneira nova, o mundo que nos ten tocado vivir e do que a miúdo só rozamos a superficie"

Pódese reverter a situación? O primeiro, din os Amigos do Marco, sería que todos os socios da Fundación asumiran as súas funcións. Que se convocara unha praza para a dirección artística do MARCO por un profesional, porque é "absurdo" que Abel Caballero se xacte de aforrar ese soldo ao pobo de Vigo. Porque "ese soldo non é un gasto senón unha inversión e a súa ausencia orixina perdas na calidade cultural da cidade. E que "a existencia dunha AAM participativa, activa e crítica é un valor postitivo en democracia, e un trazo característico desta cidade que sempre tivo un xesto desafiante e insumiso e ten unha gran canteira de asociacións que seguen mantendo vivo o pulso".

E achegan unha aproximación sobre arte contemporánea, a de Helga de Alvear, que engade: "a Arte Contemporánea fala do noso tempo e de nós mesmos, porque crea e desenvolve linguaxes que poden explicar, de maneira nova, o mundo que nos ten tocado vivir e do que a miúdo só rozamos a superficie". E Javier Fernández Pérez de Lis di que se escoitan nomes, ideas que rondan nomear a un director, a marcha atrás nas ideas de alcaldía...pero que "o dano está feito".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

A "canteira de asociacións" deben estar de "vacacións permanentes" ou senon beben da man de Abel Caballero que leva 12 anos subvencionandoas moi coidadosamente para que saiban quen é o Patrón !!! Algo tan elemental coma VigoDenuncia nin siquera conta con novos membros dende hai máis de dous anos !!! https://www.flickr.com/groups/vigod... En Vigo estanos matando o SILENCIO cómplice de moitos que deberan falar alto e claro e NON o fan (prefiren cobrar a final de mes!)

1 Xoán Manuel.

Moi coherente coa impolítica cultural do Concello, agás o Marisquiño con final tráxico por todos - as coñecido.