A Deputación de Lugo empraza a Xunta a que promova a "pacificación" en Sargadelos

O portavoz do goberno da Deputación, Álvaro Santos, lembrou que "en 2010 a empresa recibiu un millón de euros da Xunta, das arcas públicas, co cal algunha responsabilidade ten que haber".

Por Galicia Confidencial | Lugo | 24/08/2018 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O portavoz do goberno da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, emprazou este venres á Xunta de Galicia a que promova a "pacificación" no conflito laboral aberto na fábrica de cerámica de Sargadelos, no concello de Cervo (Lugo) e que pode acabar co peche da "emblemática" factoría.

Aspecto exterior da fábrica de Sargadelos en Cervo.
Aspecto exterior da fábrica de Sargadelos en Cervo. | Fonte: cultura.gal

Santos lembrou que "en 2010, Sargadelos recibiu un millón de euros da Xunta, das arcas públicas, co cal algunha responsabilidade ten que haber". Por iso, instou a que se produza "algún tipo de intermediación, e desde logo o goberno galego, con competencias en materia de emprego, debe de implicarse na resolución e, polo menos, na pacificación e na chamada á sensatez na xestión deste asunto".

"Non é un tema baladí, alguén ten que tratar de pór sentido e de tranquilizar os ánimos neste conflito. Houbo algúns representantes sindicais que pediron esa intermediación e esperemos que sexa atendida", engadiu.

A xuízo do tamén secretario provincial dos socialistas, "non se pode permitir que se sacrifique un emblema de Galicia, como é Sargadelos, por unha decisión meramente empresarial ou se non hai máis remedio tomada en quente polas relacións laborais dentro dunha empresa, como tampouco se pode permitir que se vulneren os dereitos dos traballadores sen máis".

Ademais, tamén demandou da Xunta que deixe de "enredar" coas residencias para maiores que impulsa a deputación de Lugo, acusando ao PP e ao goberno galego de "apostar por un modelo privatizador, e no canto de crear novas residencias e novas prazas, o modelo polo que optan é por dar cheques a dependentes para que se busquen a vida no ámbito privado".

"O que pasa é que o Partido Popular oponse por todos os medios a que as residencias da deputación poidan funcionar. Primeiro fíxoo atrasando os permisos das que se puxeron en marcha e agora fano desde SUPLUSA (a sociedade do chan provincial) coa súa maioría no consello de administración", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta