O 68% dos vigueses móstrase satisfeito cos servizos públicos municipais, segundo o barómetro de OSUR

Recollida de lixo, limpeza e subministración de auga, entre os máis valorados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2018 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

O 68% dos vigueses móstrase satisfeito cos servizos públicos municipais, especialmente coa recollida de lixos e a limpeza viaria.

Colectores de lixo en Vigo
Colectores de lixo en Vigo | Fonte: Europa Press

Así se desprende do II Barómetro sobre Satisfacción dos Servizos Públicos impulsado polo Observatorio de Servizos Urbanos (OSUR), que preside Ramón Tamames, e que recolle datos dunha enquisa anual efectuada por Ipsos a máis de 5.000 persoas nas 30 cidades máis poboadas de España.

No caso de Vigo, un 77% dos enquisados deron a mellor valoración ao servizo de recollida de lixos. Así mesmo, o segundo servizo máis apreciado, por 7 de cada dez vigueses entrevistados, é o da limpeza viaria, seguido polo da subministración de auga (un 69%)e o coidado de parques e xardíns (un 61%); e, entre as prestacións que, segundo o barómetro, aínda "teñen marxe de mellora", sitúase o transporte público

No caso da recollida de lixo, o índice de satisfacción aumentou en 10 puntos con respecto ao anterior barómetro e, entre as cuestións máis valoradas polos enquisados están a frecuencia da recollida, a dotación e equipamento para a prestación do servizo, ou o servizo de colectores de recollida selectiva.

Tamén aumentou a satisfacción dos cidadáns de Vigo con respecto á limpeza viaria, e está moi por encima da media de España. Os vigueses perciben positivamente as dotacións e equipamentos destinados a este servizo.

SUBMINISTRACIÓN DE AUGA E COIDADO DE PARQUES

En canto á subministración de auga, os enquisados destacaron como mellores aspectos a xestión operativa (avarías, presión, etc.) cun 72% e a calidade da auga (un 71%), ademais do servizo de rede de sumidoiros.

Tamén valoran satisfactoriamente o coidado de parques e xardíns, cun 61% de aceptación (cinco puntos máis que no anterior barómetro). A calidade das instalacións e o coidado das zonas verdes están entre os aspectos máis positivos.

Finalmente, o transporte público é o servizo que ten peor puntuación, cun 54 por cento de opinións positivas, fronte a un 40 por cento de opinións negativas, e está 10 puntos por baixo da media nacional. Os vigueses valoran a limpeza e bo estado dos vehículos, pero pon pegas ás frecuencias dos buses e ao acceso ás parroquias.

"ÉXITO" NA XESTIÓN

O director xeral de OSUR, Ramiro Aurín, "en Vigo, os datos mostran progresos con relación a 2017 en todos os servizos enquisados". Así, "todas as prestacións aproban e sitúanse por encima da media nacional, excepto o transporte público", constatou.

Segundo Aurín, "o éxito de Vigo na xestión das súas contas esténdese á dos seus servizos públicos mediante a supervisión e o control en busca da eficiencia, e así o valoran os seus cidadáns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta