Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/05/2025 | Actualizada ás 22:00
Cada día comemos alo menos tres veces. Facémolo durante os 365 días do ano. Abrimos unha lata de atún, requentamos un tupper no microondas, mercamos froita en bandexas plastificadas ou levamos un café en vaso de cartón para seguir coa rutina. En cada un deses xestos hai decisións que damos por feitas: confiamos en que os alimentos están en bo estado, que os envases son seguros, que ninguén poría á venda algo que puidera perxudicarnos... Pero, algunha vez nos detemos a pensar que máis hai, ademais de nutrientes e calorías, no que nos levamos á boca? Vivimos rodeados de materiais que tocan os alimentos: plásticos, metais, tintas, adhesivos... Cociñamos, almaceamos, quentamos e comemos usando obxectos que a miúdo non consideramos como parte activa da nosa dieta.
A seguridade alimentaria, en pleno século XXI, xa non se limita a evitar intoxicacións: agora tamén se enfronta a compostos invisibles que, sen que os vexamos nin os notemos, poden rematar no noso organismo. De todo isto falou a investigadora Antía Lestido Cardama, doutora pola USC e membro do proxecto FoodChemPack, na súa conferencia 'Que hai detrás do que nos levamos á boca?', celebrada no café-bar Alborada de Veiga de Santiago de Compostela, dentro do programa de divulgación científica 'Pint of Science', que leva a ciencia a bares para facela máis accesible e próxima á xente. Lestido é especialista na análise dos riscos químicos que poden proceder non só dos alimentos, senón tamén dos seus envases. E a súa mensaxe é clara: hai moito máis do que nos imaxinamos en cada bocado que damos.
"A MIGRACIÓN QUÍMICA É INEVITABLE, O QUE IMPORTA É A CANTIDADE DE SUBSTANCIA QUE MIGRA, A FRECUENCIA DE CONSUMO E SE É TÓXICA OU NON"
"A seguridade alimentaria vai moito máis aló de evitar intoxicacións puntuais: trátase tamén de protexer aos alimentos de posibles perigos, tanto crónicos como agudos, que poden volvelos perxudiciais e un risco para a saúde do consumidor", explica a investigadora, sinalando diferentes tipos de contaminantes químicos que poden atoparse nos alimentos: dende refugallos de pesticidas e praguicidas ata substancias migradas dende os materiais de envasado. "Un contaminante é calquera substancia química que hai no alimento e que non debería estar nel, pero que chegou ata el como resultado das distintas etapas da cadea alimentaria", matiza. E é que aínda que adoitamos pensar no chumbo do peixe ou na bacteria E. coli como principais ameazas, Lestido alerta de que os materiais en contacto cos alimentos --sarténs, coitelos, tuppers...--- son unha das maiores fontes de contaminación química, por enriba dos praguicidas. "Non pensamos nun garfo ou nunha sartén como un risco, pero todos os materiais deseñados para tocar alimentos poden transferir substancias", sinala.
No caso dos envases alimentarios, o reto é maior: están pensados para conservar o alimento durante a súa vida útil, resistindo calor, luz, humidade e, a miúdo, levan aditivos que melloran as súas propiedades de conservación. "As empresas sempre están adaptando os envases ao estilo de vida da sociedade", sinala Lestido, que resalta que, na actualidade hai moitos envases pensados para o 'take away' ou para ser prequentados no forno. Todo iso require que os materiais dos que están feitos teñan unhas características concretas que só se poden conseguir engadíndolles certos aditivos. Pero algúns deses aditivos, como os plastificantes ou antioxidantes, poden migrar do envase ao alimento, sobre todo se este é graxo e se se quenta. "Esa migración química é inevitable", recoñece a investigadora, que pon o foco noutro punto: "O que importa é que cantidade de substancia migra, con que frecuencia o consumimos e se esa substancia é tóxica ou non". E sinala un dos casos máis soados de contaminación química: o bisfenol A (BPA). "Atópase, por exemplo, recubrindo o interior das latas e pode causar alteracións metabólicas, na reprodución, no desenvolvemento e mesmo aumentar o risco de desenvolver algúns tipo de cancro", sinala.
OS PERIGOS DO BISFENOL A NOS BIBERÓNS DOS BEBÉS E A NON INOCUIDADE DOS ENVASES BIODEGRADABLES E COMPOSTABLES
O emprego BPA nos envases dos alimentos xa foi restrinxido pola Unión Europea en produtos como biberóns de plástico dende o 1 de xuño de 2011, pois era moi empregado, especialmente nas partes de plástico duro. En 2018 estableceu un límite de migración de 0,05 mg/kg. Pero, máis recentemente, a Comisión Europea ampliou esta prohibición. A partir do 20 de xaneiro de 2025, prohibiu tamén o emprego e comercio de BPA, as súas sales e outros bisfenois perigosos en materiais en contacto con alimentos en toda a UE. Isto inclúe envases de alimentos, botellas de plásticos, utensilios de cociña... Adoitaba estar presente en botellas reutilizables de policarbonato como as que se empregan para ir ao ximnasio ou no recubrimento interno de latas de conservas e bebidas para evitar a corrosión do metal. "Hai moitos bulos, como que todos os plásticos conteñen BPA, e iso non é certo, depende do tipo de plástico, a maioría dos tuppers actuais non o conteñen, e tampouco as botellas do ximnasio, que adoitan estar feitas de polietileno", aclara Lestido.
Outro mito que desmonta tamén é o dos envases biodegradables e compostables. "Que un material sexa de orixe natural non significa que sea inocuo", apunta Lestido. O feito de que estean deseñados para descompoñerse de maneira máis respectuosa co medio ambiente, non garante que sexan seguros para a saúde humana, especialmente se están en contacto cos alimentos. Moitos envases biodegradables están feitos a partir de amidón, cana de zucre, celulosa ou ácilo poliláctico (PLA) e, aínda que soe natural, estes materiais adoitan levar aditivos para mellorar a súa resistencia, flexibilidade ou duración. Entre eles pode haber: plastificantes, antioxidantes, colorantes, estabilizantes térmicos e outros. Ademais, ao provir de fontes vexetais, tamén poden arrastrar, como indica Lestido, metais pesados, pesticidas ou micotoxinas se a materia prima non foi cultivada ou procesada con controis estritos. Iso si, segundo a lexislación europea, estes envases deben cumprir os mesmos límites de migración e estándares de seguridade alimentaria que os demais.
A CRISE XERADA POLA MELAMINA NOS ANOS 2007 E 2008: 6 BEBÉS, 1.950 GATOS E 2.200 CANS MORTOS POR CONTAMINACIÓN QUÍMICA
A investigadora explica que o seu grupo, FoodChemPack, traballa tamén con ensaios acelerados para simular como se comportan os envases durante toda a vida útil do alimento. E non se limitan a ver se a substancia migra, senón que tamén estudan que acontece con ela cando a inxerimos, se pasa ao torrente sanguíneo ou se se elimina polos ouriños. Así, cando se detecta un risco real nun dos envases analizados, entran en xogo organismos como a Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESA) ou o Sistema Europeo de Alerta Rápida para Alimentos e Pensos (RASFF), que poden ordear a retirada do produto en cuestión. De feito, Lestido cita un caso recente no que se detectaron niveis excesivos de melamina nunha vaixela procedente de China, superando o límite legal de 2,5 mg/kg de alimento. En relación, lembrou o escándalo alimentario que houbo nos anos 2007 e 2008 coa melamina --que pode formar cristais no tracto urinario, causando cálculos renais e, nos casos máis graves, insuficiencia renal--.
No 2007 produciuse unha crise na industria de alimentos para mascotas porque se detectou que algúns destinados a cans e gatos estaban contaminados con melamina e ácido cianúrico, o que levou á formación de cristais nos rils dos animais, causando insuficiencia renal aguda. A Administración de Alimentos e Medicamentos de EE.UU. (FDA) recibiu máis de 17.000 queixas de consumidores e estimouse que alo menos 1.950 gatos e 2.200 cans morreron debido a esta contaminación. Un ano máis tarde, no 2008, descubriuse que varias empresas lácteas chinas adulteraran leite en pó para bebés con melamina para simular un maior contido proteico nos controis de calidade. O impacto foi devastador: 294.000 nenos resultaron afectados e alo menos 6 faleceron. A maioría das vítimas eran menores de 3 anos.
"O VIDRO E AS LATAS SON COMPOSTOS INORGÁNICOS E TEÑEN MENOS RISCO QUE O PAPEL OU O PLÁSTICO, QUE SON ORGÁNICOS, DE REACCIONAR CO ALIMENTO"
"Aquilo mudou a lexislación europea e reduciu os límites de migración desta substancia permitidos", subliña Lestido. A día de hoxe eses límites están fixados nos 0,15 mg/kg en preparados líquidos para lactantes; 1 mg/kg en preparados en po para lactantes; e 2,5 mg/kg en alimentos en xeral. A investigadora, a xeito de peche, deixa unha mensaxe clara: "A maioría destes compostos químicos que están presentes nos envases están regulados e controlados, pero a investigación debe continuar para anticipar riscos, mellorar os materiais e protexer aos consumidores". E tamén, por que non, para que a próxima vez que abramos un envase ou metamos un prato no microondas, saibamos que detrás do que nos levamos á boca pode haber toda unha historia química por descubrir. "O vidro e as latas son compostos inorgánicos e teñen menos riscos que o papel, o cartón ou o plástico, que son compostos orgánicos, de reaccionar co alimento", conclúe, como reflexión final, a investigadora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.