Lídia Senra demanda máis control no emprego de lodos de depuradora na agricultura

A eurodeputada presentou 16 emendas ao proxecto de regulamento europeo. A UE está a modificar os procesos a través dos que concretar as obrigas de notificación das políticas medioambientais adoptadas polos Estados

Por Galicia Confidencial | Santiago | 03/09/2018 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

Lídia Senra presentou hoxe un total de 16 emendas ao proxecto final do informe sobre a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á adaptación das obrigas de notificación no ámbito da política de medio ambiente. Varias das achegas rexistradas enfocáronse na Directiva 86/278/CEE, relativa á protección do medio ambiente e, en particular, dos solos, cando se utilizan lodos de depuradora na agricultura.

Lidia Senra
Lidia Senra

Senra é responsable no seguimento deste informe para todo o Grupo da Esquerda Verde Nórdica- Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) dende a Comisión de Agricultura. Entre outras consideracións, a europarlamentaria galega subliñou coas súas emendas a necesidade dunha cooperación máis eficaz entre institucións comunitarias. Demandou tamén que a Comisión presente cada dous anos ao Parlamento Europeo e ao Consello propostas que garantan unha maior protección dos solos e do medio ambiente.

Sobre as pautas de emprego de lodos na actividade agrícola, ademais de lembrar a necesidade de respectar os prazos estipulados entre a aplicación dos lodos e o acondicionamento das leiras, Senra solicita a prohibición do emprego destes lodos nos cultivos hortícolas e de froitas durante o período de vexetación. Tamén demanda que calquera tipo de autorización para o emprego agrícola de lodos de ndepuradora estea supeditado á garantía de que as persoas usuarias dispoñan previamente dunha formación axeitada, avalada e supervisada polas administracións. “Pedimos que sexa necesario contar cun carné expedido pola administración competente”, concretou.

Ademais, a coordenadora do GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural
incidiu coas súas emendas na necesidade de controlar a calidade dos alimentos resultantes: “É fundamental que, ademais de tódolos controis e precaucións previas, aqueles alimentos de orixe animal ou vexetal procedentes de chans onde se utilicen lodos de depuradora sexan sometidos a unha completa análise de residuos de metais pesados antes de proceder á súa comercialización”.

Asemade, na liña de apostar por ferramentas propias que permitan á Comisión Europea verificar o correcto cumprimento das directivas, a eurodeputada galega reiterou a pertinencia de que a Comisión Europea dispoña dos mecanismos precisos para realizar inspeccións, de xeito que conte con información propia para contrastar os datos facilitados polos Estados membro.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta