Cando Galicia era unha potencia na caza de baleas

A caza da balea en Galicia tivo unha longa tradición ata o século XX, aínda que houbo dúas épocas diferenciadas por cuestións teconolóxicas. Ata o século XVII a peza era a balea franca, que pasaba por diante da costa galega. No XIX e XX as tecnoloxías importadas doutros lugares permitiron perseguir os cetáceos moito máis lonxe.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As primeiras noticias sobre captura de baleas en Galicia veñen do século XIII, cos portos de Prioiro, Bares e San Cibrao como puntos de referencia. O litoral norte galego foi ata o século XVIII, a zona de maior traballo baleeiro debido á presenza de especies de grandes cetáceos como a balea franca e tamén o cachalote. Durante o século XX, coa invención do canón arpoador por parte dos noruegueses, comezou a caza a maior distancia da costa e levar as capturas a terra arrastradas polos barcos de vapor. Así abriron factorías en Vigo, no caso de Balea, en Cee no caso de Caneliñas e en Xove no caso de Morás, onde xa houbera un porto baleeiro e perto do de San Cibrao, un dos máis importantes.

Avistamento de baleas a unhas 25 millas de San Cribrao (Cervo)
Avistamento de baleas a unhas 25 millas de San Cribrao (Cervo) | Fonte: Ramón Rivas.

Todo isto apúntase no libro Los balleneros gallegos: siglos XIII y XX, de Felipe Valdés Hansen. Ademais, existía ao comezo unha caste de monopolío de explotación por parte dos baleeiros vascos, que co tempo foron diminuindo a súa presenza nas costas galegas.  A relación entre galegos e vascos fora de interese mutuo. Non obstante, houbo momentos nos que a baixa cantidade de especímenes trouxo que botasen a culpa uns aos outros ademais de que, co despece das baleas, a auga da costa quedaba chea de sangue e desperdicios, cousa que contaminaba os bancos de peixe e botaba mal cheiro. Chegado o século XVIII os galegos comezaron o monopolio da caza e comerciar co saín ou aceite de balea. Logo deixaron de chegar en grande número para seren só traballadores especialistas como arpoeiros en asociación ou contratados polos armadores.

Hixino Puentes, historiador vinculado ao Barqueiro e ao porto de Bares, di que os contratos para capturar baleas, contratos dos que eran benefiarios os bispos da diócese de Mondoñedo, duraban de novembro a marzo. Estes contratos eran para estableceren sociedades que rematada a tempada quedaban disoltas.

A CAZA

En San Cibrao, así nomeado en textos do século XVI escritos en castelán, existe un penedo chamado A Atalaia. Este topónimo aparece noutros lugares da xeografía da liña de costa pois eran os lugares desde onde se divisaban as baleas pasar diante da costa. Desde os peiraos saían as traíñas con remeiros e un arpoador. Cando se achegaban ao animal, o arpón era lanzado directamente sobre o animal que comezaría a fuxida cara adiante, levando canda si a traíña, desde a que os mariñeiros lle farían cortes para que perdese sangue e ao final acabase morrendo por esgotamento.

As diversas pezas da carne e outros elementos como as barbas coas que as baleas filtran a auga para comer o plancton, acababan tamén no mercado. Por exemplo as barbas servían para as “baleas” dos paraugas, tamén servían para fabricar os corsés femininos durante o século XIX e comezos do XX. Hixinio Puentes sinala que os ósos eran usados para construir tabiques, marcos de portas e xanelas. Un dato curioso é que, ademais de baleas, cachalotes e toniñas, os mariñeiros que andaban ás baleas tamén cazaban peixorro, ou tiburón peregrino. Un animal que o mesmo que os cetáceos vive filtrando a auga para comer o plancton do mar.

SÉCULO XX E MORATORIA

A finais do século XIX e comezos do XX os barcos de vapor e o canón arpoador, permitiron que a caza da balea puidese extenderse moito máis lonxe das costas. Así tamén permitiron cazar en calquera outro lugar que non fosen os tradicionais portos. Así puideron abrirse factorías en puntos da Costa da Morte como Caneliñas,  na ría de Vigo e na Mariña luguesa. O nacemento destas novas factorías acompañadas da construción de baleeiros de ferro a vapor, creou un industria que chegou a ser proveedora do mercado noruegués e logo xaponés.

Os noruegueses foron a potencia baleeira nas últimas décadas do XIX e primeiras do XX. Crearon factorías por todo o mundo alí onde houbese pasos de baleas rocual, e Fisterra era un deses lugares.  Os xaponeses chegaron entre os setenta e oitenta do século XX. O motivo foi que tiñan dificultades para cazar baleas en lugares como o Antártico. Por iso asinaron acordos con países latinoamericanos ou con países como España onde a caza da balea era máis permisiva. Pero ao final, España asinou a moratoria da Comisión Baleeira Internacional, que trouxo ademais cupos de captura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xosé

A caza da balea forma parte do pasado cercano de moita xente hoxe por riba dos setenta anos; un verdadeiro fito na historia industrial do país. A este titular, ou a esta historia, fáltalle sen embargo un pouco de autocrítica. Ser unha potencia na caza dun animal que case se extingue é algo a ter en conta, ou mencionar que houbo que atentar en Marín contra un dos últimos barcos para acabar de ter as cousas claras. Hai tanto de heroico en matar un animal como a balea na costa galega como matar un xato no matadeiro de Rábade en Lugo. Pero afortunadamente ninguén sinte a necesidade de destacar a nosa condición de potencia nisto. Fagamos un esforzo por difundir a nosa historia. Toda a historia. Pasade polo museu Masso de Bueu. Apertas.