Un documental sobre o escultor galego Francisco Leiro chega ao internacional 'Hay Festival'

Está dirixido por Aser Álvarez, que estreará a continuación da obra en novembro no Festival de Cinema Documental de Bilbao.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2018 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

O documental 'Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro', que aborda o labor creativo do escultor de Cambados (Pontevedra) Francisco Leiro, proxectarase este luns no 'Hay Festival' de Segovia, un evento de artes que se realiza en varios países do mundo, como Colombia, Reino Unido, Perú ou México.

Francisco Leiro. CEDIDA
Francisco Leiro. CEDIDA | Fonte: Europa Press

O director e produtor executivo desta peza audiovisual, o politólogo e xornalista Aser Álvarez, natural de Bande (Ourense), destacou que a obra mostra ao artista galego traballando nos seus talleres de Cambados, Madrid e Nova York durante as "diferentes fases do proceso creativo e en distintas estacións do ano".

Unha primeira parte proxecta o labor de Leiro desde a extracción nunha canteira de Moraña (Pontevedra) de granito negro, "pedra que lle gusta especialmente ao artista", até a elaboración dunha escultura. A segunda ambiéntase en Madrid e o seu proceso de matización no seu taller antes da inauguración dunha exposición; a terceira, mostra a estancia do artista en Nova Iork, antes de volver a Cambados.

"Cada unha das localizacións está gravada con diferentes cámaras e equipos de imaxe porque queriamos buscar diferentes luces, texturas e matices, desde o outono en Cambados, cun vídeo máis íntimo; o estalido da primavera en Madrid, e o inverno en Nova York, cun estilo máis cinematográfico. Levounos case catro anos todo este proceso de indagación audiovisual sobre o seu proceso creativo", apuntou Álvarez.

UNHA OBRA Á ALTURA DO ARTISTA

A idea de crear un documental sobre Leiro nace cando o director desta peza coincide co escultor na gravación do documental sobre Celso Emilio Ferreiro. "Pasámolo moi ben, empecei a ver os materiais que había sobre el gravados e non había ningunha peza audiovisual á altura do artista, que me gustaba desde facía moito tempo; comentámosllo e aos poucos fomos gañando a súa confianza e gravando nos seus talleres", resumiu Álvarez.

Así mesmo, o documental 'Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro' converteuse nun libro DVD "grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra", o cal se presentará "seguramente no Culturgal" —feira das industrias culturais de Galicia—, e "que xa vai quedar como unha peza de referencia sobre Leiro", así como noutros espazos, ademais de ser emitido na televisión autonómica de Galicia.

Desta maneira, Segovia será a sexta parada desta produción audiovisual, que foi estreada no Festival de Cinema de Raindance (Londres) "hai máis dun ano" e foi proxectada en varias cidades galegas, como Cambados, Ferrol, Pontevedra, Vigo ou Santiago, ademais de Glasgow.

"Estar no Hay Festival é un auténtico privilexio; é moi potente, internacional, multidisciplinar, e entenden as artes desde un punto de vista moi amplo e aberto, por exemplo, un proxecto fotográfico que á súa vez sexa un documental audiovisual", resumiu o director da obra.

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA

Ademais da proxección do documental, o proxecto de Arraianos Producións inclúe unha exposición fotográfica con instantáneas que serviron para documentar a gravación do proceso creativo do propio escultor.

"Son fotografías que fun facendo sen intención de que fose un proxecto expositivo; pasado un tempo vímolas e démonos conta de que podiamos facer unha expo moi interesante", apuntou o director.

"O proxecto fotográfico interesou moito no festival porque permite ver o que nunca se viu, os lugares onde Leiro, posiblemente o artista galego contemporáneo con maior proxección internacional, traballa nos seus talleres de Cambados, Madrid e Nova York, o triángulo no que se desenvolve a exposición e o documental", subliñou Álvarez.

A exposición, que se inaugura tamén este luns en Segovia, xurdiu após unha conversa entre o director e a directora do 'Hay Festival', Sheyla Cremaschi, a cal se puxo en contacto "porque lle encantou a peza audiovisual", destacou Álvarez.

"Comenteille que había unha exposición de fotografías sobre o proceso de rodaxe, que fora moi longo, de case catro anos, entre Cambados, Madrid e Nova York, e que a idea era facer unhas fotografías en gran formato en branco e negro que estaría ben expor; aí, xurdiu a posibilidade de facer algo no evento de Segovia e apostaron por iso, polo que inauguramos este luns na Alhóndiga a expo, cunha visita guiada", asegurou.

UN SEGUNDO DOCUMENTAL

O proceso de gravación iniciouse "sen financiamento, sen guión e sen saber moi ben se ía dar lugar a un documental, unha peza de vídeo creativo ou un proxecto fotográfico exclusivamente", desvelou o seu director.

Con todo, serviu para crear tres proxectos paralelos, "independentes e complementarios", xa que, ademais da exposición e a peza audiovisual sobre o labor de Leiro, o equipo creou un segundo documental, 'O purgatorio de Leiro', que mostra un diálogo entre o artista galego e o escultor Txomin Badiola no que conversan sobre o seu oficio.

'O purgatorio' será estreado en novembro no sesenta edición do Festival Internacional de Cinema Documental e Curtametraxe de Bilbao Zinebi, no Guggenheim.

"A obra principia aí a súa andaina, moverémola e a partir de entón seguramente terá un percorrido interesante", avanzou o director, pois se trata dun festival de primeiro nivel e de moito prestixio dentro e fóra de España. Esperamos que poida empezar así o seu percorrido por festivais", concluíu Aser Álvarez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se tedes oportunidade de ver Sísifo Confuso non a perdades, é un espléndido traballo que reflicte marabillosamente a gran Obra de Leiro !!! Agardando xa a segunda entrega !!! O Purgatorio de Leiro debe ser fantástico !!! Parabéns