Lembranzas do verán 2018

Cando xa non quedan moitas xornadas do presente verán, ofrece un complexo pracer o acto de enumerar as explosións de luz que cada un de nós tivo a sorte de experimentar.

Por Galicia Confidencial | Ribeira | 15/09/2018 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Coa venia dos lectores de Galicia Confidencial, velaquí un pequeno compendio de emocións vividas por quen isto escribe durante esa época estival da cal tanto se espera.

A secuencia. Hai que intentar ser xustos, e neste verán confeso que a secuencia televisiva que máis me gustou chegou de onde non a esperaba. Un anuncio de Turismo de Galicia emitido ata a saciedade ten un glorioso segmento final que non cansa por ser tan acertado: unha muller que xa non é nena corre coa ilusión dunha nena cara a unha balconada. O seu vestido vermello - creando no mundo das asociacións un contraste coa rapaciña tráxica da película de Schindler - flota na carreira desta moza romántica cando vemos dende atrás como ela corre e case voa cara á beleza que lle pode ofrecer a nosa terra. É un momento precioso que simboliza unha esperanza de felicidade, fuxindo á carreira da vida gris do día a día.

A imaxe. Tamén chegou dunha fonte inesperada a miña imaxe favorita vista por primeira vez neste verán. Foi, en concreto, na entrega de agosto da revista Telva, onde chama a atención un instante captado en branco e negro: unha modelo con certa frialdade, Vera Van Erp, vese perdida e conmovida nunha aldea masai no Val de Ngorongoro en Tanzania. O cambio de mundos, da riqueza consumista á máis estrita humildade, é demasiado poderoso e parece tocar unha fibra no corazón da moza. A fotografía é obra de Tomás de la Fuente.

A música. En canto a música, o verán comezou cando escoitei a David Bowie cantando a versión orixinal de “The Man Who Sold The World”, que me emocionou, pois estaba afeito á outra fraxilidade, a da versión acústica de Nirvana. Transitei por moita música reggae, como a de Linval Thompson, desembocando nunhas gravacións de ensaios de The Police que son coma un Santo Grial para os fans do grupo. Apareceron ducias de cantautoras interesantes que non coñecía no medio do estío (notablemente o dúo The Pierces), pero curiosamente entrou un gusto/necesidade de asirme a voces que nos seus rexistros recentes soan graves e feridas, como as de Graham Nash, John Prine, Ian Siegal ou Bill Wyman.  Tamén trouxeron refuxio da tormenta artistas amados durante anos - Echo and the Bunnymen, Midge Ure, The Cardigans – ou algúns que son novos para min: White Denim, Shemekia Copeland, Unkle, ou Viva Suecia. Finalmente, xa en setembro, levei unha sorpresa cando vin que a miña canción do verán procedía de alguén que non me atraera nunca: Iggy Pop, que se xuntou con Underworld nun hotel e gravou catro cancións. Unha delas é “Get Your Shirt”. Con letra ridícula, a redención vén no apartado musical: unha marea de sintetizadores que parecen de Jean-Michel Jarre en estado de graza serven de colchón á voz de Iggy, que canta como se estivera falando na sala de estar da súa casa, tal é a confianza que transmite, e despois entra a maxia. Este ingrediente musical é unha voz feminina gozosa que podería ser Liz Fraser dos Cocteau Twins, ou Enya, ou a irmá desta, Moya Brennan, creando os sons dunha nena saltando libremente por un prado heidiano. Unha mención especial para a adictiva “Lover” de Roxy Music e para o tema instrumental de Bert Jansch chamado “Magdalina’s Dance”, que lembra a Milladoiro.

Os concertos. Vin tres concertos. Para o primeiro, houbo que esperar nunha longa ringleira que abrazaba á renovada Catedral en Compostela. Era para admirar na praza da Quintana a unha estrela que se percibe como destinada a chegar ó máis alto do firmamento musical mundial. A moza Rosalía parecía Beyoncé, xa que primaban na súa actuación as coreografías dela coas súas fadas e o sentido do espectáculo. Non houbo lugar para o estremecemento íntimo dos seu disco “Los ángeles”, xa que non se distinguían ben as palabras. É posible que ela decidira acabar antes de tempo a súa actuación ó ver con desmaio como a xuventude que colapsaba a praza non paraba de falar. O segundo concerto, na praza de Fefiñáns en Cambados, foi o da cantautora Guadi Galego. Demostrou ter moita clase, en especial no dueto realizado coa vocalista portuguesa Ana Bacalhau. Despois de Guadi actuou, con absoluta emotividade, unha artista local que empezaba chamada Pauliña. O terceiro concerto foi o de Enrique Bumbury nas festas da Peregrina en Pontevedra.  Coa posible excepción de Morrissey cos Smiths en Manhattan, nunca vin a un artista que fixera tantas poses no escenario, e eran magníficas, herdeiras talvez da súa época de rock duro. Aínda que moitas das cancións non me gustaron, algunhas pezas novas, e moi especialmente as do seu paso por Héroes del Silencio, sentíronse como elevacións do espírito. Tal foi o caso de “Maldito duende” e “Héroe de leyenda”, ambas coreadas polo público, gratamente sorprendido pola cortesía e á seguridade do aragonés e pola modestia dos seus músicos, causando impacto a melancolía do guitarrista rítmico.

Os libros. O verán, como o ano enteiro, estivo marcado polo efecto demoledor dun único libro: “Ordesa”, de Manuel Vilas. Tiven ocasión de escoitar, e de falar durante segundos con este autor durante a súa presentación na librería Cronopios de Santiago, e penso escribir sobre ese breve encontro algún día. A obra de Ordesa é un cumio autobiográfico dentro do que coñezo da literatura española, e os sentimentos que provoca son moi fortes e profundos.

Unha das praias galegas
Unha das praias galegas | Fonte: turismo.gal

Co fervor da nostalxia, visitei este verán por primeira vez unha edición íntegra na editorial Anaya da que foi – xunto con “Miguel Strogoff” do mesmo autor – a novela favorita da miña infancia: “A volta ó mundo en 80 días” de Jules Verne.

O libro máis desexado é “Los fantasmas de mi vida”, de Mark Fisher, autor británico que se suicidou en 2017 aos 48 anos.

As revistas. Durante o período estival, soamente merquei algúns números de catro revistas, que me encantaron: ICON, El País Semanal, Telva e MOJO.

Os inspiradores. Pola súa lucidez, pola súa coherencia e polas súas valiosas mensaxes, o ex-Presidente uruguaio José Mujica é a celebridade que máis me inspirou recentemente.

No plano persoal, tiven a sorte este verán de ver como nacía a amizade cun admirado veciño, unha persoa de extraordinaria intelixencia e amabilidade. Trátase do pensador, escritor e editor Roberto Abuín, un faro en movemento da cultura galega.

As paisaxes. Non tendo ocasión de viaxar, houbo poucas oportunidades de contemplar novas panorámicas. A máis emocionante foi a vista da praia de Queiruga no concello de Porto do Son. Hai dunas de antesala e unha longa liña de areal. As augas son perigosas e nelas morreu anos atrás un mozo intentando salvar a outro. A visión do astro rei e a súa estela nas augas durante o solpor será probablemente a miña “postal” definitiva do verán de 2018.

Os sabores. Os dous sabores recordados deste verán foron obsequios que se agradecen moito, en especial ás dúas da noite! Consistiron nun vaso de queimada na festa de San Clemente, preto de Caldas de Reis, e rosca e churros xunto cun vaso de chocolate quente na festa que se celebra en San Roque de Deiro, cerca de Vilanova de Arousa.

Os amores. No, non chegou o amor, por desgraza. Pero si houbo varias ocasións nas que percibín o sabor dese doce sufrimento. A primeira xa foi descrita no meu artigo do 25 de xullo para GC, titulado “Dous segundos en Queiruga”. Alí estaba a deusa branca, que volvín a ver fugazmente durante a participación con música gravada da eficaz Soraya nas festas de Noia. Ás outras dúas mozas que me gustaron, non sabendo os seus nomes, busqueilles  semellanzas do seu rostro cos de mulleres famosas para podelas lembrar: son “Isabel Sartorius” nos Aflixidos de Lestrobe e “Kate Winslet” no San Roque de Deiro.

O evento. Despois de escribir con ambición de ser publicado durante 23 anos, este verán quedará marcado na miña vida por ser o que trouxo a primeira publicación dun libro escrito con estas mans. Trátase da novela titulada “Rebeca no val das sombras ardentes”, e teño que agradecer á editorial Toxosoutos de Noia que apostara polo nacemento público de Rebeca.

É todo, paciente lectora, paciente lector. Se queres, podes facer coma min un álbum de lembranzas para contemplalo con detemento estando xa na vida laboral e nos tempos máis fríos, que nos envolveran mentres facemos ós poucos un castelo de ilusións pensando en como será o seguinte verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta