O lume nunha nave do Porriño obriga activar o protocolo transfronteirizo de emerxencias

O lume foi controlado sobre a unha da madrugada e declarouse extinguido ás tres da mañá.

Por E.P. | VIGO | 12/09/2018 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

Un incendio declarado en Xesnatura, unha nave de tratamento de lixo do Porriño (Pontevedra), obrigou a activar na noite deste martes o protocolo de colaboración transfronteiriza en materia de emerxencias, Ariem 112, que permitiu mobilizar medios de extinción de incendios da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal.

Un bombeiro tenta sofocar o incendio a través dunha  ventá
Un bombeiro tenta sofocar o incendio a través dunha ventá | Fonte: Miguel Núñez

Segundo informou o 112, un veciño deu a primeira alerta sobre estes feitos pouco antes das 22,00 horas do martes, a partir do que a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) activou o protocolo polo que se desprazaron até o lugar efectivos de bombeiros de Baixo Miño, O Salnés, O Morrazo, Vigo e Valença do Miño.

Así mesmo, mobilizáronse os membros dos GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) da Guarda e Ponteareas, e os equipos locais de emerxencias de Mos e O Porriño. Tamén o Grupo de Apoio Loxístico da Axega achegou unha cisterna con 32.000 litros de auga e un equipo de iluminación para facilitar os labores de extinción durante a noite.

O lume foi estabilizado sobre as 1,00 horas da madrugada, e deuse por extinguido ao redor das 3,00 horas. A partir deste suceso non houbo que lamentar danos persoais, aínda que si danos materiais "cuantiosos".

Así, o 112 indicou que "boa parte da nave e algún material almacenado nos arredores resultaron calcinados", ao que fontes de Bombeiros do Porriño agregaron, en declaracións a Europa Press, que chegou a arder "media nave". Unha vez extinguido, os traballadores da empresa fixéronse cargo e procederon a remover o material de reciclaxe.

Estas fontes do corpo de Bombeiros lembraron que esta empresa xa ardeu varias veces nos últimos anos. En concreto, en Xesnatura houbo un incendio en novembro de 2008, cando as chamas calcinaron por completo o interior da nave e afectaron á súa estrutura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta