CC.OO. denuncia o inicio do curso en Galicia con 58 aulas e 90 profesores menos

O sindicato insiste en que as prazas de Secundaria se adxudican "moi tarde" e pide á Xunta reducir o horario dos docentes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2018 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

De igual modo, o sindicato alerta do "incremento" en 103 das prazas de materias impartidas por docentes afíns e non especialistas. Nun comunicado, a central de traballadores asegura que o ano académico comeza con 27 aulas menos en Educación Infantil e 31 menos en Primaria, mentres que se reduciron, segundo as súas cifras, 41 prazas de docente en Infantil, 28 en Primaria e 21 especialistas.

Inicio do curso escolar de secundaria en Galicia. XUNTA
Inicio do curso escolar de secundaria en Galicia. XUNTA

Así mesmo, CC.OO. critica tamén que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria modificou o catálogo do corpo de mestres "de forma unilateral, sen sequera negociar", ademais de que "faltan" catalogar prazas que "sistematicamente son cubertas de forma provisional". "Ademais, outros postos pasaron de estar a tempo completo nun centro a ser compartidos por máis dun centro", tal e como esgrime a organización.

En canto á adxudicación de prazas en Secundaria, a principal crítica do sindicato é que se produce, "un ano máis", de forma "moi tardía": "O profesorado chega ao centro, practicamente, cando o alumnado". Este asunto provoca, ao seu modo de ver, "que haxa pouco tempo para organizar o inicio de curso". "Outro problema grave (...) é a asignación dos módulos comúns da FP Básica ao profesorado das especialidades propias da FP. Isto vulnera a normativa autonómica e estatal e xa o denunciamos ante a Consellería", explica CC.OO.

CONDICIÓNS LABORAIS

En relación coas condicións laborais, o sindicato lamenta "a continuidade dos recortes", posto que o Goberno central "aínda non ten alternativa" ao Real Decreto-Lei de 2012 que incrementou os rateos e o horario lectivo dos docentes --en Secundaria, pasaron de 20 horas semanais a 18, mentres que en Primaria pasaron de 25 a 21--. No entanto, CC.OO. subliña que o Executivo estatal "deixou en mans das Comunidades Autónomas" volver á anterior situación. Por iso, a organización insta á Xunta a realizar este cambio "tal e como están a facer" outras autonomías.

Como "único avance" en educación, o sindicato destaca o acordo retributivo asinado o pasado mes de marzo co Goberno --polo cal se incrementa un 1,75 por cento a retribución de todos os traballadores públicos--, e do convenio ratificado en xullo coa Xunta polo que se incrementarán, de maneira progresiva até 2021, un total de 90 euros mensuais para todos os corpos de profesorado.

OPOSICIÓNS

Con respecto ás oposicións, froito doutros acordos en Galicia e no Estado, conseguiuse a convocatoria dun "gran" concurso-oposición no que se ofertou "o maior número de prazas da última década" (1.764) para "reducir a taxa de interinidade" para que "antes de tres anos se sitúe ao redor do 5 por cento".

"A pesar do anterior, CC.OO. xa denunciou que algúns tribunais non fixeron efectivo o concurso-oposición que regula o proceso selectivo, senón que o adaptaron unicamente á fase de oposición", tal e como afirma o sindicato. Por iso, a primeira proba, prosegue, "só foi superada por un número igual ou inferior ao de prazas ofertadas", de modo que "non puideron aplicarse finalmente" a fase de concurso. Neste sentido, CC.OO. insiste en que a Xunta "debe dar instrucións claras aos tribunais".

PERSOAL NON DOCENTE

Ademais, o persoal non docente sofre tamén "redución de postos nos últimos cursos", posto que, segundo cifras do sindicato, diminuíron en 134. Por iso, reclama a cobertura de todas as vacantes que están na relación de postos de traballo (RTP) e, "por tanto, orzamentadas".

"Non cubrilas fai que o resto de persoal sufra un importante aumento da carga de traballo", afirma CC.OO., á vez que denuncia que este corpo de persoal complementario, "ignorado e desprezado pola Consellería", "está nunha situación moi precaria" con cotas de temporalidade "do 40 por cento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta