María Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, escritura e paixón

Esta profesora e investigadora galega, unha das maiores especialista na figura de Rosalía de Castro do mundo, falecía este luns. María Xesús Lama López, tamén investigadora do Departament de Llengües i Literatures Modernes i d'Estudis Anglesos da Universitat de Barcelona, lembra a esta prolífica e importante autora galega.

Por Galicia Confidencial | Barcelona | 25/09/2018 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Dicía Wordsworth no prologo ás súas Lyrical Ballads que a capacidade de emocionar a mente humana é o mellor servizo que un escritor lle pode prestar á humanidade en calquera momento da historia porque, ao poñer de manifesto e ampliar esa nosa capacidade de emoción, permítennos percibir máis intensamente a beleza e dignidade da nosa condición, educan a nosa sensibilidade e contribúen a mellorar os indivíduos e por ende a sociedade. 

A investigadora María Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda
A investigadora María Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda | Fonte: TVG

Todos experimentamos con algunha lectura esa poderosa sensación de ter que apartar as páxinas do campo de visión da nosa ollada para recuperar o pulso e o alento, invadido o corazón pola forza da empatía cuns personaxes zarandeados polo destino ou momentos de intensa pulsión poética.  

Mais, quen pensa que o ensaio académico pode aspirar a tal obxectivo? A miña primeira lectura da pluma de María Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda logrouno, e podo dicir que é o único caso que lembro dun ensaio que me fixo chorar e parar a lectura para recobrar o alento: “Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a inclusa de Santiago de Compostela e o caso de Josefa Laureana de Castro”, publicada na revista A trabe de ouro 39, no ano 1999.

Baixo ese título aparentemente anodino de puro descritivo escóndese un relato de moi dosificada calidade literaria que nos mergulla nun tempo tan próximo como descoñecido, a vida real do século XIX habitada, sen ir máis lonxe, polos avós dos nosos avós, e sen embargo tan afastada da nosa. Só unha labazada de realidade puntillosamente documentada pode conseguir trasladarnos a aquel mundo xa inimaxinable, onde as criaturas entraban no orfanato polo torno xa medio mortas despois de horas ou días de viaxe coa esperanza de salvarlles só a alma cun apresurado bautizo in extremis; onde os choros dos nenos famentos atronaban as rúas próximas ao Hospital Real ou as crianzas que chegaban aos 5 anos eran expulsas ao mundo das duras rúas compostelás para loitar pola supervivencia expostos a calquera abuso, e onde as mulleres dos arredores tiñan que obedecer ordenanzas para aleitar orfos sen tasa.

Dese inferno, explicaba a autora, librouse Rosalía de Castro, a máis coñecida das nenas que pasaron pola inclusa de Santiago, porque súa nai estaba moi lonxe de querer abandonala en tales condicións. Esta pioneira descrición das circunstancias e o contexto en que se produce o nacemento da escritora completouse ao longo dos anos con outras moitas achegas fundamentais para a comprensión da formación da personalidade Rosaliana, e polo tanto da súa obra, historicamente lastrada polo peso de interpretacións vencelladas coa súa biografía, unha biografía en boa parte inventada, especialmente nas súas derivas psicoloxistas.

O artigo é unha porta aberta para entrar na vida cotiá daquela época, e tamén unha contundente demostración do cálido entorno afectivo que lle permitiu a Teresa de Castro Abadía afrontar con afouteza unha maternidade condenada socialmente, máis tamén unha xoia literaria do xénero ensaístico. A partir de aquí toda a serie dos seus artigos rosalianos son achegas substanciais que removen tópicos asentados a forza de repeticións acríticas.

Auténticos achados baseados sempre no levantamento de nova documentación descoñecida ou olvidada, entre os que destacaría de novo a vibrante reconstrución das actividades da mocidade liceísta en “Rosalía de Castro actriz: noticias e documentos”, primeira da súa serie de contribucións no Boletín de estudios rosalianos. 

A profesora Álvarez Ruíz de Ojeda foi unha digna seguidora da xeira iniciada por Bouza Brey na investigación de arquivos e fontes para desvelar os misterios que rodearon a biografía rosaliana. Neste país noso de patrimonio arquivístico tan esquecido e disperso, ela demostrou unha vez tras outra que cómpre explorar nas fontes documentais para descubrir os indicios que conducen a versións máis fiables da nosa historia cultural. Nese ámbito o seu exemplo iluminaranos sempre. Pero a súa obra inclúe achegas valiosas máis aló do rosalianismo, sempre dende o rigor filolóxico no campo da edición (Lamas Carvajal, Blanco Amor, Carles Riba), o estudo de epistolarios (Curros Enríquez, Eladio Rodríguez, Blanco Amor...) ou as completas bibliografías (Murguía, Luís Seoane, Alonso Montero). Traballos sempre impregnados dun perfeccionismo que abrolla en exposicións claras e sinxelas, coa profundidade do traballo filolóxico clásico, que require unha dedicación e autoesixencia que só se pode soster na paixón polo obxecto de estudo e o goce no camiño de busca do coñecemento. Paixón e goce que xeran beleza e dignidade, e que as transmiten, coma un galano, para quen queira ler e aprender a percibir máis intensamente a súa propia condición humana. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta