Morre o actor e director teatral Xoán Cejudo

Recibiu diversos premios como actor e director de teatro, entre eles, en 2011, o Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/09/2018 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

Faleceu o actor, autor e director de teatro Xoán Cejudo. Unha morte que sorprendeu no mundo da cultura pola súa longa traxectoria profesional e o seu compromiso co teatro. “Recordo cando chegaches de Madrid para apoiar aquel nacemento do CDG. Fuches unha das mentes máis preparadas para afrontar aquela etapa… a túa pegada estivo sobre os excenarios moito tempo… o teatro profesional en Galicia sempre estará en débeda contigo”, escribía nas súas redes sociais o tamén actor Morris Durán.

Xoán Cejudo
Xoán Cejudo | Fonte: aaag.gal

A traxectoria profesional de Cejudo comeza a mediados dos 60 co grupo “O Facho”. Tras traballar con diferentes compañías, en 1984 comeza a colaborar co CDG tanto interpretando como dirixindo diferentes produccións. Tamén foi profesor de teatro no Liceo Angloespañol de Madrid nos anos oitenta. No medio audiovisual producíu unha curtametraxe en 1975. Así mesmo, traballou como actor e guionista en longametraxes desde a segunda metade dos 90, e como intérprete en series de ficción da TVG a fins desta década.

Dirixiu para o CDG “A Pousadeira” (1987), “Da Vinci levaba razón” (1987) e “A burla do galo” (2000). Como director de escena, tamén dirixiu máis dunha vintena de pezas, entre as que destacan, ademais das xa mencionadas, “Códice clandestino” (1989), de Quico Cadaval para a compañía O Moucho Clerc, pola que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Director; “Na fraga do conde”; e “Galimatías”, coa mesma compañía.

Ademais, como actor de teatro participou en numerosos espectáculos de compañías como Teatro Circo, Teatro Tranco, Malbarate Teatro e na produción “Truenos y Misterios”(Matarile Teatro, 2007), creada e dirixida por Ana Vallés. Pero foi o seu papel protagonista en “Tío Vania”(Factoría Teatro, 2005) de Antón Chejov, baixo a dirección de Cristina Domínguez, co que acadou o Premio María Casares 2006 ao Mellor Actor. No 2008 recibiu o Premio María Casares ao Mellor Actor secundario polo seu traballo en “Noite de Reis, ou o que queirades” do Centro Dramático Galego. E no 2011, o Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Loisc

Conocino en Mareas Vivas e na última etapa da súa vida persoal por cousas das nosas vidas. Gran actor e excelente persoa. Descansa en paz Xan.

1 Teatreira

Un gran construtor do teatro galego, unha excelente persoa e un magnífico amigo. Sempre no corazón, Xan.