Por Gabriel Rei-Doval | Black Hills (South Dakota, USA) | 04/10/2018 | Actualizada ás 11:45
A experiencia das Badlands permitírame conectar coas feridas máis profundas do ser que un home pode experimentar. Wounded Knee tivera ese poder catártico que ás veces posúen as interaccións a medio camiño entre humanas, enerxéticas e emocionais. Mais antes de saír do minguado país dos Lakota tiven aínda tempo de comproba-la forza e círculo vicioso en que as feridas poden entrar ó determe para facer compras en Pine Ridge -nó da arañeira da reserva- e sentir como a miña branquitude era rexeitada de vez, mesmo se proviña dun pobo e unha fala en absoluto relacionadas co home branco que conquistara as Badlands.
A saída apresurada de Pine Ridge aínda me trouxo outra derradeira sensación, xa allea a min, cando pola Highway 18 me sorprendeu o abraiante parecido entre o outeiro Lakota de Oglala e o soriano Alto de Gormaz. Sen dúbida, eran restos dun pasado rematado que o meu ser aínda precisaba deixar marchar plenamente coma na fermosa canción de Nitin Sawhney. Así o entendín e, sen darlle máis importancia, continuei respirando luz como suxería a miña outra canción preferida de Sawhney, coma se cada dificultade trouxese canda ela a correspondente oportunidade de curación e iluminación. Fora un día longo de sensacións sentidas e emocións intensas, e cumpría deixar que primeiro Anapana e logo Morfeo axudasen a rexenera-las correspondentes enerxías na noite de Hot Springs.
A mañá seguinte realicei a transición entre as Badlands e os Black Hills, coma se no cambio de día me acompañase aínda a escuridade e sombras que acostuman preceder o encontro coa luz. En realidade, a beleza da paisaxe e a intensidade das sensacións semellaban confirmar tan atinada impresión. Así que concentrei a atención na música e mailas paisaxes do Parque Estatal Custer, coas impresionantes agullas e túneles escavados na rocha ó longo das Highways 16A e 87. Foi tamén o meu primeiro encontro cunha fauna salvaxe que por momentos cruzaba na estrada e obrigaba a deter ou ralentiza-la marcha.
As paraxes de lagos, outeiros e lugares de acampada mesturábanse harmoniosamente en estradas locais populadas por moteiros en parella, motos con sidecar e coches de época a gozar dun soleado sábado que había rematar en treboada anunciada. Mais o goce da paisaxe era polo demais pleno.
Todo americano medio louva a importancia de manter parques nacionais e estatais, adoito atacados por incendios forestais de verán, como cicatrices no monte que porén marcan coa súa pegada e ritmos a necesaria rexeneración do medio natural. Diferentes alturas, sobre todo de piñeiros e abetos, salientaban as ofensivas da natureza e mailos correspondentes esforzos dos coidadores que repoboan os montes para devolvelos a un estado de certa normalidade. A loita contra o lume desatento deu como resultado ata algunha raíz completamente desgarrada do chan, formando o que nunha imaxinación centrada no medo serían figuras abominables emerxendo das profundidades, cal das fonduras da mente máis oculta ó comportamento humano obvio.
En realidade, calquera forma antropolóxica pode cativa-lo ollo e a imaxinación humanas que a observa, e mesmo condicionar e forma-la súa percepción do mundo circundante. Así acontece ó detérmonos tralo Needles Eye Tunnel para olla-la imaxe dun cuadruplamente presidencial Mount Rushmore. Nestas faraónicas obras deixou clara o home branco a súa capacidade para facer transitable unha estrada de caprichosas configuracións xeolóxicas e asemade para converte-la natureza en persoal e intransferiblemente histórica.
A miña devoción por Uncle Sam porén non foi abonda para visitar tan histórico monte, mais si deu para renderme á igualmente impresionante e xigantesca escultura de Crazy Horse, nas aforas de Custer. A fin de contas, Crazy Horse homenaxea o mundo e o espírito nativo-americanos, nun proxecto onde varias xeracións e a fundación xerada ó seu arredor levan preto dun século modelando un monte para aproximalo á fisionomía do mítico líder indio a cabalo que, inda sendo asasinado polas forzas leais ó Tío Sam, prometera nunca irse para sempre senón ficar co seu pobo en formato pétreo. E, como lenda feita realidade, o teimudo labor dunha familia de orixes polacas e sensibilidade india leva xeracións dando forma a tan magno labor. Malia o seu estado inacabado, Cabalo Tolo segue vivo e volve cabalgar polos Outeiros Negros dos Lakota, for en pétreo lombo equino for en cromatismo azulado áureo.