A CUT di que o censo electoral de Citroën Vigo está "manipulado" e "inflado"

Denuncia que hai uns 300 traballadores a maiores, moitos do cadro técnico e mandos que "sosteñen" ao SIT

Por E.P. | VIGO | 04/10/2018 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O sindicato CUT impugnou o censo electoral da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën, onde se celebrarán eleccións sindicais os próximos 21 e 22 de outubro, ao considerar que foi "manipulado" e "engordado tendenciosamente" para favorecer determinados resultados. Así o explicou este xoves o delegado do sindicato, Aclamación Mariño, ás portas da delegación territorial da Xunta en Vigo, onde se celebrou un laudo arbitral precisamente por esa denuncia sobre o censo.

Aclamación Mariño, delegado da CUT en PSA Vigo. CUT
Aclamación Mariño, delegado da CUT en PSA Vigo. CUT | Fonte: Europa Press

O portavoz da CUT explicou que se incluíu no censo a "persoas relevantes" do grupo, como os directores das plantas de Madrid ou Portugal, ou o director industrial do grupo en Europa, Juan Antonio Muñoz Codina; así como a outros traballadores que causarán baixa antes do proceso electoral; ou operarios que están en situación de suspensión temporal de contrato.

Mariño reclamou "que este proceso sexa o máis libre e democrático posible" e "que os traballadores voten realmente con liberdade, cousa que non sucede neste centro dende hai máis de 36 anos".

300 OPERARIOS MÁIS

Segundo relatou, o censo inicial presentado cando se realizou o preaviso da convocatoria electoral era de 6.020 traballadores e, na acta posterior, elevouse esa cifra até os 6.320. "Hai 300 empregados máis que non sabemos de onde saíron", indicou, e denunciou que o censo se "engorda" con cadros técnicos, que son os que "sosteñen" ao sindicato maioritario (o SIT) e mandos que, ao seu xuízo, non son persoal elector nin elexible.

Por outra banda, o delegado da CUT denunciou que a mesa electoral constituída "tampouco está lexitimada" porque non está conformada polos traballadores que esixe a lexislación. Nin o presidente é o operario de máis antigüidade, nin está presente o traballador de maior idade, e os técnicos teñen maior representación que os operarios de talleres, a pesar de que son 800 empregados, fronte ao segundo colectivo, formado por 5.300 traballadores.

Finalmente, Aclamación Mariño indicou que a CUT tamén impugnou o pasado setembro varias decisións da mesa electoral central, entre elas a conformación de 44 mesas electorais. Segundo defende o sindicato, a lei establece que se instale unha mesa por cada 250 traballadores, de maneira que debería haber a metade desas mesas, unha reclamación que tamén foi sometida a laudo, e que se resolveu a favor do sindicato.

As votacións para elixir a composición do comité de empresa de PSA Peugeot Citroën en Vigo terán lugar os próximos 21 e 22 de outubro. Actualmente, o comité de está formado por 20 delegados do SIT (central maioritaria na factoría desde hai máis de 35 anos), 6 de UGT, 3 de CC.OO., 2 da CUT e 2 da CIG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta