Corgos di que "en semanas" tomarán posesión "a práctica totalidade" dos técnicos que obtivero praza no concurso de traslados

Así o trasladou este mércores no Parlamento de Galicia o conselleiro de Facenda durante unha resposta á deputada do PSdeG Patricia Igrexas, quen preguntou cal é a solución que dará á "problemática xerada" para garantir que as persoas con máis antigüidade manteñan a praza obtida no concurso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2025 | Actualizada ás 20:26

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asegurou que "en cuestión de semanas" tomarán posesión "a práctica totalidade" dos funcionarios de corpos técnicos da Xunta que obtiveron unha praza no concurso de traslados. Así o trasladou este mércores no Parlamento de Galicia o conselleiro de Facenda durante unha resposta á deputada do PSdeG Patricia Igrexas, quen preguntou cal é a solución que dará á "problemática xerada" para garantir que as persoas con máis antigüidade manteñan a praza obtida no concurso.

A deputada do PSdeG lamentou que o conselleiro prefira "pór o gorro de asesor fiscal" do PP no canto de "atender as reivindicacións" dos empregados públicos da Xunta e criticou á Xunta a "falta de planificación" dos recursos humanos, que "non realice" concursos de traslados dunha forma "regular" e a "inexistencia" de concursos específicos de xefaturas. "Imaxínese nunha cola e que leva horas esperando. De súpeto, chega alguén e colócase por diante de forma provisional, pero pasa o tempo e o provisional convértese en definitivo e vostede, que leva media vida esperando, queda atrás para sempre", exemplificou Igrexas.

Na súa intervención, Corgos apuntou que aos oito afectados que reclamaron por vía xudicial un posto definitivo terán unha "solución individualizada para que poidan ocupar outros postos análogos aos bloqueados". "Cómpre lembrar, sen que sirva de escusa, que a situación actual está moi condicionada pola paralización que supuxo a pandemia durante case tres anos", apuntou Corgos. Así mesmo, o conselleiro destacou que a Xunta, entre 2023 e 2025, convocou 11 concursos de traslados, con máis de 9.000 postos ofertados e catro dos procesos xa están resoltos.

PROTESTAS DIANTE DO PARLAMENTO

Pola súa banda, membros da plataforma Técnicos da Xunta en Loita concentráronse na tarde desta xornada diante do Parlamento para denunciar o que consideran "absolutamente unha inxustiza" derivado dun "incumprimento legal" da Xunta en materia de persoal. Todo iso, sinalou un dos portavoces da plataforma Santiago Fraga Saenz, porque o Executivo galego outorgou prazas provisionais, que xa estaban adxudicadas en concurso de traslados, a persoal de nova entrada. "Sabendo que a asignación de prazas de carácter provisional é ilegal desde que en 2022 o Tribunal Constitucional botou abaixo unha lei en Canarias dicindo que ese carácter de provisionalidade era ilegal porque vulneraba a lei nacional", denunciou Santiago Fraga.

O que sucedeu, continuou, é que todo o persoal que entrou en carácter provisional nas prazas, moitas delas con responsabilidade que eran ofrecidas a persoal con experiencia e formación, presentaron recursos xudiciais e os tribunais déronlle a razón e a praza en definitivo. "O que esiximos ás Xunta é que, xa que vulnerou a lei, busque unha solución para que o persoal con experiencia na Administración non quede fóra", sentenciou.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta