Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 14/10/2018 | Actualizada ás 10:00
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra dará a coñecer esta semana de xeito internacional o seu modelo de calmado de tráfico a través dos redutores físicos de velocidade (Plan Móvese) e a súa Estratexia 3.0 para as estradas provinciais baseada na seguranza viaria. Será no VI Congreso Ibero-Americano de Seguridad Vial (CISEV) que se celebrará en Lima (Perú).
Segundo apunta a institución provincial nun comunicado, o obxectivo da intervención pontevedresa, auspiciada pola Asociación Española de la Carretera, é aportar solucións para facer estradas máis seguras en todo o ámbito de actuación do Instituto Vial Ibero-Americano, organizador do congreso. "De feito, non só serán representantes políticos de administracións os que coñezan o traballo da Deputación, senón tamén persoal técnico que coñecerá as propostas concretas aplicadas na rede viaria da nosa provincia", indica.
"MOBILIDADE 3.0"
A presidenta provincial, Carmela Silva, participará na primeira xornada do congreso, nunha mesa redonda dentro do panel ‘Visión Cero, un obxectivo para o novo decenio’, xunto a representantes de diferentes ministerios do goberno do Perú, Arxentina, Colombia, Chile, Panamá e o Banco Mundial, ademais da Dirección Xeral de Tráfico. A quenda do deputado de Mobilidade Uxío Benítez chegará o mércores 17, dentro da sesión ‘Políticas pública de seguranza viaria’, onde disporá de tempo para explicar o modelo da Deputación a través da ‘Estratexia de Mobilidade 3.0’ e para proxectar un vídeo sobre as actuacións na provincia de Pontevedra.
Ambos destacarán o modelo da Deputación como centrado nas persoas de xeito prioritario e subliñarán o bo funcionamento do Plan Móvese, que prevé xa coa súa segunda fase acadar máis de 1.000 redutores de velocidade na rede provincial cun investimento de máis de 5,5 millóns de euros.
A VI edición do CISEV céntrase na análise de solucións e o debate construtivo para conseguir estradas e cidades máis seguras e máis sustentables en todos os países. O obxectivo de fondo é axudar a reducir a sinistralidade no ámbito urbano, un propósito que se enmarca dentro das prioridades do Decenio de Acción para a Seguridade Viaria 2011-2020. Ademais, hai outro grande reto: expor metas para a próxima Década de Acción da ONU -ante a proximidade do horizonte temporal 2020-2030 e seguir insistindo na importancia de que as estratexias de mellora da seguranza viaria se incorporen ás grandes políticas de estado dos países da rexión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.