Bescansa e Gómez-Reino votan nas primarias e apelan á participación para que Podemos Galicia "lidere o cambio"

Bescansa defende a súa candidatura "feminina e feminista" mentres Gómez-Reino valora o traballo do seu equipo no Parlamento galego e no Congreso

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2018 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

Os candidatos á Secretaría Xeral de Podemos Galicia, Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino, formalizaron este domingo o seu voto para o proceso interno —que concluirá este martes— durante a III Asemblea Cidadá, que se celebrou no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. Os tamén deputados no Congreso apelaron á participación para configurar unha organización "forte e de futuro" e que saiba "liderar o cambio" en Galicia.

Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino.
Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino.

Carolina Bescansa asegurou que a súa candidatura, "encabezada por dúas mulleres" e seguida doutras dez persoas —na súa maioría, mulleres—, apoia o "sentido feminino e feminista" das propostas de Podemos.

Ademais, explicou que o seu proxecto ten "como primeiro punto principal transformar o modelo produtivo galego" para "modificar o mercado de traballo", "dar saída á xente formada" e que os mozos "non se teñan que marchar" de Galicia. Para iso, Bescansa insistiu no "imprescindible" que é "porlle fin ao caciquismo e á corrupción".

Así, a candidata apostou por "abrir unha nova historia no país" que poña fin á "triste etapa de Feijóo" na Xunta. Neste sentido, aínda que chamou "forzas irmás" ás demais formacións que conflúen en En Marea, Bescansa suxeriu que Podemos ten a "responsabilidade" de "liderar o cambio" en Galicia.

Pola súa banda, Gómez-Reino valorou a "cita tan importante" para a organización que é a III Asemblea Cidadá, o inicio dun "cambio" que "levan moito tempo buscando, demandando e tratando de construír". "As bases solicitábano", asegurou.

En canto á súa candidatura, defendeu que os seus integrantes "levan moito tempo traballando" para Galicia tanto desde o Parlamento autonómico como desde o Congreso, "trasladando as demandas da cidadanía".

Así mesmo, Gómez-Reino chamou a que o proceso de primarias "enriqueza a organización" e a que, a partir da proclamación de resultados —este mércores, 25 de outubro— se poida "contar con todos os compañeiros e compañeiras".

"Queremos un Podemos Galicia que saiba construír maiorías sociais. Evidentemente, o desafío fundamental para 2019 é consolidar o cambio nas cidades, pero sobre todo pór sobre a mesa un proxecto para botar, dunha vez por todas, a Feijóo e ao PP do Goberno da Xunta", manifestou.

XORNADA

A III Asemblea Cidadá abriuse cunha presentación da xornada e os discursos de varios candidatos a integrar os Consellos Cidadáns Autonómicos do partido en Galicia, que tamén están chamados á renovación neste proceso.

Ao Palacio de Congresos e Exposicións, onde estaban incluídas as urnas para a votación presencial —a participación a través de Internet permanece aberta desde o xoves—, acudiron representantes políticos como a secretaria xeral saínte de Podemos Galicia, Carmen Santos, os deputados no Parlamento galego Paula Quinteiro, Marcos Cal e Luca Chao, así como a deputada no Congreso Ángela Rodríguez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 anonimo

Seica os galegos estamos devecendo por una revolución para convertir Galicia en algo así coma Albania nos 60. Por favor. Hai sistemas que fracasaron históricamente,e ninguén os desexa. Os cubanos ou os de Corea do norte viven moito, moitísmo peor que a inmensa mayoría dos galegos,

1 Marga

Lemos o mesmo artigo? Albania, Cuba, Corea...? Non te trabucas de destinatarios?

3 anonimo

Tanto un coma o outro "Gatopardismo"

2 lóstrego

O cambio foi no 82 co PsoE e non cambiou ren. O voso como moito serán reformiñas de andar pola casa. Revolución ou barbarie!

1 Ferriño

Puala Quinteiro con quen vai? Pode ser indicativo de cal é a mellor candidatura