Arredor da circunscrición única

Os seguintes apuntamentos fareinos sen a óptica dun nacionalista. Con isto pretendo evitar que os argumentos expostos contra a circunscrición única poidan relacionarse cos intereses concretos do nacionalismo.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 29/05/2011

Comparte esta noticia

Se cadra, noutro lugar, conviría falar dende este prisma para explicar a repercusión sociolóxica da proposta en voga nestes días.

Parece que é unha das reclamacións fortes do movemento 15-M e, sobre todo, das máis concretas e viábeis que os medios de comunicación difunden. Concreta porque esixe a reforma da lei electoral nun artigo determinado e viábel porque só precisa dunha maioría simple para a súa modificación.

Vaiamos ao miolo.

A circunscrición única ten dous grandes antagonistas: o PP e o PSOE. É falso que o nacionalismo saia prexudicado con esta fórmula (na actual relación de deputados en Madrid perdería un ou dous deputados o PNV e Nafarroa Bai mentres BNG e ERC subirían un). Polo tanto estar en desacordo con esta fórmula non se reduce a unha dicotomía de nacionalistas e estatalistas.

Aclarado isto, indiquemos por que non é xusto este modelo.

O primeiro que cómpre ter en conta é que a circunscrición única dota dun peso extraordinario ás localidades con maior poboación. Se xuntamos as cidades de Barcelona, Madrid, Sevilla e Valencia xa teríamos un cuarto dos deputados no congreso. Quere dicir isto que a súa relevancia sería enorme porque, evidentemente, teñen máis habitantes. Pero acaso sería xusto fortalecer un modelo que reforza as grandes urbes fronte á decadencia dos pequenos núcleos? Se se pretende construír unha sociedade máis equilibrada non deberíamos permitir a concentración de poder nas capitais.

O segundo punto refírese ao propio deseño do estado das autonomías. A circunscrición única rompería coa representatividade das comunidades. Que quere dicir isto? Poñamos un exemplo: na circunscrición única votamos a un partido que tería unha longa listaxe de deputados (hoxe en día votamos aos deputados da nosa provincia). O partido “Váleme calquera nome” non ten un só galego entre os seus 15 primeiros candidatos. Pasadas as eleccións consultamos os datos dos resultados e comprobamos que en Galiza unha maioría votou por “Váleme calquera nome” (imaxinemos un 20% de Galiza que poderían corresponder a varios deputados no modelo actual) pero que este partido non pasou de acadar 12 deputados (ningún deles, entón, galego). Polo tanto, a situación sería que o devandito partido tería moita forza na nosa terra pero ningún representante propio en Madrid.

Para aclarar. A circunscrición única resta o peso dos problemas concretos de cada comunidade que, a priori, deben ser responsabilidade dos deputados elixidos nas provincias que a compoñen. Supostamente, digo, deben ser os deputados das comunidades os que fagan de elo entre as organismos centrais dos partidos estatais coas organización federais ou rexionais (segundo sexa o esquema). Ben, sabemos que a maioría deses representantes de Galiza impórtalles ben pouco pero o discurso do movemento 15-M non é contra a política senón contra a actuación dos políticos. Pois neste caso, igual: a culpa será destes candidatos que non cumpren coa defensa dos intereses galegos.

O terceiro punto atinxe ás cuestións de estado. A importancia da presenza de deputados por comunidades é relevante nas decisións dos grupos parlamentares. Poñamos o caso da defensa dos intereses españois en Bruxelas para a construción naval ou a pesca. Cómpre que haxa quen defendan os intereses galegos fronte aos intereses doutras comunidades porque, ás veces, son contrapostos. Se non hai deputados galegos nese grupo parlamentar, quen os defenderá?

Pero non quedemos só na crítica. Fagamos unha proposta.

Nos foros das acampadas de Galiza hai xente que postula diferentes modelos alternativos ao actual e contrarios á unicidade. Son intermedios. Nós propomos o seguinte:

A circunscrición debe ser única na comunidade: votaremos aos representantes de Galiza (como comunidade autónoma) e, de paso, desfacémonos das provincias e das deputacións, auténticos entes insostíbeis e ficticios na realidade galega (xa que falamos de democracia participativa que mellor que o recoñecemento das parroquias e dos barrios? Debería ser un dos puntos a reclamar polas asembleas galegas).

Rebaixar a barreira do 5% para a entrada nas institucións e blindala no 3%.

Limitar o gasto electoral que estaría suxeito a unha normativa e a un control estrito.

Regular os horarios e tempo de emisión da propaganda electoral nos medios públicos. Non é xusto que na TVE poñan ás 16h a PP e PSOE e ás 4 da madrugada as opcións minoritarias.

Na procura da proporcionalidade e da xusta representatividade pódese coller como modelo de sistema electoral o alemán baseado en dúas votacións por parte do elector: un voto para escoller, en listas abertas, ao deputado da comunidade; outro voto para escoller o partido que nos represente. Sobra reincidir que o marcamos como un bosquexo de sistema electoral que debería adaptarse á realidade estatal, polo cal, deberían terse en conta determinados matices que abrirán unha discusión técnica. Segundo algúns estudos e traballos, o resultado sería un ascenso dos partidos minoritarios, descenso dos maioritarios e un achegamento entre o electores e os electos.

Vaian, pois, estes apuntamentos en positivo para afondar no debate do sistema electoral e para deter certos tópicos sobre o “democrático” da circunscrición única.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)