Tres eran tres

“Wall Street, Wall Street/ lameiro luminoso/ nádega poderosa/ do mundo.” (Do poema Crónica Bursátil, Antipoemas, Celso Emilio Ferreiro).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 15/11/2018

Comparte esta noticia
Os promotores da Marca España están tan ocupados en facer méritos para gañar o campionato mundial da chafallada que, ao non ter vagar sequera para facer de ventre, a obstrución intestinal acaba por danarlle o cerebro dun xeito inexorábel. Mira que era difícil superar o listón das estulticias, alcanzado no asunto do procès. Pero, mercé á incólume teimosía dos afanados cociñeiros da xustiza, obsesionados en converter os “resultandos” e “considerandos” en chistes insípidos, maxestosamente empratado nos acordos e trasacordos da sentenza sobre o imposto das hipotecas, xa ninguén dubida de que España se fará co cagallón de ouro na competición internacional da ridiculez, onde é ben sabido que os que non adestran ata xemer non teñen nada que rañar. 
 
Visto o visto, seica hai plumas ben documentadas que, malia seren acusadas de antiespañolas, non deixan de trecolear que, entre tres dos principais piares do Estado –Tribunal Supremo, Goberno e patronal da banca– é posíbel que non houbese acordo pero, dende logo, o que si houbo foi o habitual trasacordo. Nun santiamén, os tres argallantes de marras trataron de meternos gato por lebre e, como adoita acontecer nos guisos destes fochicadores do nabo, o resultado foi unha potaxe que, ao ser cociñada por mans mal lavadas, cheas de cotra, é difícil de dixerir, por causa do cheiro fedorento que desprende, capaz de contaminar tanto o ambiente que, quen pretenda emprender unha rexeneración sostíbel, debe madrugar de carallo.
 
Ah! Di o meu tío Lisardo que o trasacordo do imposto das hipotecas só foi un simple ménage à trois, outro de tantos, entre a banca, o poder xudicial e o goberno, no que os de sempre seguirán gozando no poscoitum, tanto coma no propio coito, sen asumir consecuencias, mercé ás precaucións adoptadas e á anorexia sexual da xente do común que, malia pensar que esta brincadeira lle vai saír de balde, por arte de virlevirloque, seguirá apandando, coma sempre, cos gastos das súas transaccións, iso si, incrementados no importe daqueloutras que antes non se pagaban. Vaque si?

Banco Santander
Banco Santander
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.