Lista de espera para entrar no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras

Carballos, castiñeiros, eucaliptos, sequoias... Até 43 exemplares e formacións arbóreas singulares agardan entrar nesta exclusiva catalogación. Científicos da Universidade de Santiago presentan os 'suplentes' que aspiran ser protexidos.

Por Alberto Quian | Madrid | 16/11/2018 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

Un total de 43 especies e formacións arbóreas agardan ser incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. De entre elas, destacan por número os carballos, con oito, e castiñeiros, con sete, aínda que tamén se propoñen exemplares singulares de tres especies de eucalipto non incluídas aínda. Esta lista de espera foi elaborada por investigadores do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos da Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, e publicada en Cuadernos de la Sociedad Española de Ciencias Forestales.

Sequoias da Leira Forqueiros (Bueu, Pontevedra), plantadas por Gaspar  Massó en 1927. Na imaxe, dous exemplares de 50 metros de altura
Sequoias da Leira Forqueiros (Bueu, Pontevedra), plantadas por Gaspar Massó en 1927. Na imaxe, dous exemplares de 50 metros de altura | Fonte: Bernárdez Villegas, G. et al | Cuad. Soc. Esp. Cienc. For. 44(1) (2018) 1-10.

Desde o ano 2006 –cando se comezaron os traballos de campo relacionados co Catálogo  Galego de Árbores Senlleiras, no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e a Universidade de Santiago de Compostela–, foron visitados, medidos e fotografados máis de 1.100 exemplares e formacións por toda a xeografía galega que corresponden a 153 especies. De entre os exemplares estudados, os científicos destacan agora 43 individuos ou grupos, que corresponden a 25 especies, que deberían ser incluídos no catálogo por reunir méritos suficientes para iso. As especies cun maior número de rexistros, entre todos os exemplares estudados e entre os 43 que se propón incluír no catálogo son o  carballo (Quercus robur L.) e o castiñeiro (Castanea sativa Mill.).

En canto ás dimensións do arborado proposto, propuxéronse cinco exemplares e formacións de máis de 40 metros de altura, maior parte deles, a eucaliptos de diferentes especies. A excepción neste grupo de xigantes atópase na avenida de sequoias vermellas de Bueu (Pontevedra), que superan os 50 metros de altura, sendo as coníferas de maior altura de Galicia.

Entre os exemplares con maior perímetro de tronco destacan os castiñeiros, pois os seis exemplares de maiores dimensións propostos pertencen a esta especie, superando os tres maiores os 10 metros de perímetro normal. As seguintes posicións son ocupadas por  carballos, pero ningún deles alcanza os oito metros de perímetro normal, estando sempre por enriba de catro metros.

A familia cun maior número de exemplares ou formacións que optan a entrar na listaxe é a das fagáceas, con 18 propostas (42%), seguida de lonxe polas mirtáceas, con cinco exemplares (12%). As demais familias achegan un ou dous exemplares á listaxe de suplentes para o Catálogo.

A provincia que achega un maior número de exemplares e formacións é Pontevedra, con 15 (35%), seguida de Lugo con 11 (25%), A Coruña con 10 (23%) e Ourense, que achega 7 exemplares (16%) .

Todos os exemplares de  carballo e castiñeiro atópanse nas provincias de Lugo e Ourense, mentres que Pontevedra e A Coruña achegan o total de eucaliptos e especies ornamentais, agás a parella de palmeiras canarias de Lourenzá, na provincia de Lugo.

Os investigadores salientan que a maior parte destes exemplares propostos presentan bo estado de conservación, fóra dalgúns que mostran problemas graves, como o salgueiro negro da illa de Cortegada (Vilagarcía de Arousa), con serias dificultades para sobrevivir pola forte competencia cos loureiros da súa contorna

A maior parte das árbores e formacións propostas para o catálogo son consideradas polos expertos monumentos naturais pols súa dendrometría (diámetro normal e altura total) e monumentalidade, que nalgúns casos se complementa con outros valores históricos, científicos, culturais, relixiosos, etc. 

BOA CANTEIRA

Os científicos afirman que Galicia ten unha boa canteira de novos exemplares para incorporar ao Catálogo e celebran que a información e os datos obtidos indican que o futuro desta listaxe está asegurado.

Por exemplo, sinalan que hai 30 castiñeiros repartidos por toda a xeografía que probablemente serían catalogados se crecesen en calquera outra comunidade autónoma, pero matizan que a nómina de castiñeiros monumentais en Galicia é tan elevada que, precisamente por iso, os requisitos esixidos a esta especie para entrar a formar parte do Catálogo son moi altos.

Todos os exemplares de castiñeiro incluídos na lista teñen ou superan os 10 metros de circunferencia á altura normal, agás aqueles que foron incluídos por motivos históricos, como o Castiñeiro da Capela, en Begonte (Lugo).

No caso dos  carballos, sinalan que a situación é bastante parecida, xa que existen decenas de exemplares extraordinarios localizados e medidos que non forman parte do Catálogo porque os xa incluídos puxeron o nivel de esixencia moi alto.

Os investigadores subliñan o caso do salgueiro negro da illa de Cortegada, con máis de cinco metros de perímetro basal, sendo o de maiores dimensións dos coñecidos en Galicia, polo que tamén podería formar parte da lista de exemplares protexidos.

En canto ás especies exóticas, destaca a boa nómina de exemplares e formacións que deberían ser incorporados ao Catálogo, como é o caso das sequoias vermellas da leira de Massó, en Beluso (Bueu), unha formación composta por nove exemplares de 90 anos de idade e de ata 50 metros de altura e máis de sete metros de perímetro basal; ou os eucaliptos da familia Eucalyptus delegatensis de  Acebedo (Guitiriz, Lugo), conxunto cualificado como único na xeografía española, con alturas superiores a 50 metros.

Detectáronse tamén individuos que en breve cumprirán os requisitos para ser considerados singulares.

O Catálogo Galego de Árbores  Senlleiras inclúe actualmente un total de 156 árbores e 38 formaciones arbóreas.

ÁRBORES SENLLEIRAS DESAPARECIDAS

Varios exemplares e formacións arbóreas que se catalogaron no seu día desapareceron por diversos motivos. Os científicos lembran, por exemplo, o casos do chopo branco do Balneario de Cuntis (Pontevedra) ou unha das faias singulares do Parque de Castrelos en Vigo. Pero tamén recordan que houbo ábores que sufriron deterioracións considerables, como o ciprés de Meis (Pontevedra), a nogueira de Santa Eulalia de  Licín no Saviñao (Lugo) ou os cipreses do Malecón de Ortigueira (A Coruña).

Outros moitos desapareceron antes da súa catalogación, como o castiñeiro da Costa en Casaio, Ourense ou o abeto grego do Parque de Rosalía de Castro en Lugo. E mesmo houbo algún caso no que o exemplar foi cortado durante os trámites previos á súa catalogación, como foi o salgueiro negro de Vilalba (Lugo), por exemplo. 

LISTAXE

Esta é a lista de exemplares e formacións arbóreas que agardan entrar no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (* indica parella de árbores e ** formacións; os cadros sen asterisco refírense a exemplares individuais).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 zymx

Home, Galicia está chea de árbores, os árbores en Galicia non son precisamente una peza de museo; pero é certo que hai demasiados eucaliptos, e cada vez menos carballlos. pero non é consecuencia de que non haxa una " política coherente de repoboación", senón porque moitos donos talan carballos e prantan eucaliptos. Xa sei que é algo evidente, pero parece que hai xente que non se decata ou non se quere decatar da evidencia: a xente, para algún, nunca ten culpa de nada, a culpa é sempre da ausencia dunha poítica etc.

1 uu1

Desta maneira Galiza o pais das arvores terá pelo menos 43. Não há ninguém que está a pensar numa política coerente de reprovação florestal para que as nossas crianças cheguem a ver Galiza como o pais das arvores e não tenham que ir a ver uma arvore como uma peça de museu. “Val máis unha Terra con albres nos montes que un Estado con ouro nos Bancos.” Cita do Sempre em Galiza de Castelao.