Por Galicia Confidencial | Carballo | 19/11/2018 | Actualizada ás 22:00
O DOG deste luns publicaba unha resolución abrindo expediente sancionador en materia de verteduras de augas residuais a Leitosa, S.A.U., a empresa que xestionaba a mina de Monte Neme, entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños. Unha explotación abandonada que contén millóns de lodos tóxicos depositados en varias balsas.
Sen embargo, todo parece indicar que Augas de Galicia está a comunicarse cunha empresa que non existe. Leitosa SAU acabou suspendendo pagos en setembro de 2012, antes de aplicar plan de restauración na zona. O xuíz ordenou entón a disolución da concesionaria. No auto de conclusión do concurso, especificaba que Leitosa, empresa no seu momento vinculada á familia Cotino do PP valenciano --que tamén está salpicada pola trama Gurtel-- non tiña bens cos que poida atender a débeda cos seus acredores.
A data da resolución xudicial do Xulgado do Mercantil de Valencia foi de xullo do 2015. O auto concluía o concurso por inexistencia de bens, extinguía a sociedade e cerraba a súa folla de inscrición no Rexistro Mercantil.
Con todo, e a pesar de deixar débedas, esta empresa contou con cuantiosas axudas para a posta en marcha do seu proxecto mineiro en Galicia. Polo menos, 600.000 euros, entre elas, dúas subvencións do Igape entre os anos 2002 e 2003 por un valor conxunto que superou o medio millón de euros.
GRAN SUSTO EN 2014
Tras o seu abandono, Monte Neme segue sendo un perigo en potencia pola gran cantidade de lodos tóxicos que contén e pola fraxilidade e a falta de mantemento ou rexeneración deste espazo abandonado. De feito, en 2014 xa houbo un gran susto. Unha das súas balsas fendía e provocaba o vertido de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos mineiros as parroquias coruñesas de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica). Aqueles danos foran valorados preto de 1,5 millóns.
De feito, o Goberno galego encerellouse coa aseguradora, AXA, para que cubrisen o plan de restauración, pois a Xunta é responsable civil subsidiaria das desfeitas ambientais causados. Tras a desfeita, a Xunta iniciou unha tímida rehabilización pero que, co tempo, quedou en nada.
DESASTRE ANUNCIADO
O da rotura da balsa de Neme era un desastre anunciado. En abril de 2013, o concello xa alertara xa da posibilidade dun desbordamento desta balsa polas intensas chuvias. Falouse entón coa Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta que enviou un técnico que, xunto co xerente da empresa e persoal do concello de Carballo trasladaronse á balsa para analizar a situación. Detectaron, in situ, problemas de fraxilidade na estrutura.
Entón Minas anunciou un plan de seguridade para a zona e a reparación da balsa para o verán de 2013. Un plan que, como agora, tampouco foi realizado a pesar de que o Concello de Carballo ten asegurado que ese problema pode solventarse "cuns tubos e unha canalización".
Tanto Salvemos Cabana, coma a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) teñen denunciado o perigo que supoñen as balsas abandonadas do Monte Neme “por ser residuos de alta toxididade". Mesmo alertan da posibilidade de que se produza un novo Aznalcóllar no Esteiro de Anllóns.
Este mesmo luns a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo instaba á Xunta a asumir a execución subsidiaria da restauración mineira do Monte Neme e “deixar de perseguir panaceas e empresas que xa non existen”. “Agora tócalle á Xunta asumir a súas responsabilidades dunha vez por todas”, apuntou tras coñecer o expediente sancionador a unha empresa que xa non existe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.