Abanca e os comercios coñecerán os hábitos de compra dos clientes a través dunha nova ferramenta dixital

'Alavuelta' é o servizo dixital, de venda online e mercadotecnia, en colaboración con comercios locais, que operará a finais de xaneiro e "podería ser exportable a outros mercados".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/11/2018 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Unha ferramenta de Abanca para o comercio de proximidade reproducirá os hábitos de compra dos clientes galegos mediante as técnicas de big data que usan as grandes empresas para tomar as súas decisións. Trátase da nova ferramenta "Alavuelta".

Abanca presenta unha ferramenta para comercios, 'Alavuelta'
Abanca presenta unha ferramenta para comercios, 'Alavuelta' | Fonte: Europa Press

O banco prevé lanzar esta plataforma, que agora ten en formato piloto cun reducido número de comercios, a finais de xaneiro. En concreto, ofrece un servizo dixital de big data, venda online e mercadotecnia para comercios e hostalaría. Esta nova ferramenta foi presentado este martes polo director de innovación de Abanca, Eduardo Aldao; o de mercadotecnia, intelixencia e dixital, Jorge Mahía, e a coordinadora de analítica avanzada, Marta Pou.

Antes da rolda de prensa, a entidade financeira reuniu a representantes de máis de 40 asociacións de comerciantes e hostaleiros para darlles a coñecer a iniciativa. A ferramenta está enfocada "a axudar ao comercio galego no mundo da innovación e da dixitalización", así como apoialo na súa modernización para que "empezo a atoparse máis cómodo aínda neste mundo tecnolóxico", en palabras de Mahía.

Pola súa banda, Marta Pou explicou que "este é un modelo que lle dá --aos comercios-- unha visión do seu negocio pero non só do seu negocio", senón que "vai máis aló" e "sitúalle no sector no que compite".

Deste xeito, os comerciantes e hostaleiros poderán consultar datos de facturación e tamén outras variables como os lugares onde máis tirón teñen os seus produtos ou servizos, "sempre garantindo o anonimato tanto dos comercios como dos clientes", destacou Pou. Mentres, Eduardo Aldao valorou que "este é o primeiro paso que dá Abanca para traballar con big data e ofrecerlles cousas distintas aos posibles clientes". "Imos chegar a aqueles clientes que son máis afíns ao produto", sinalou.

A plataforma, que conecta coa clientela a través dunha aplicación, está concibida como "unha parte que sexa gratuíta e outra parte premium que teña un custo moi razoable" para os comercios. "A nosa estratexia neste caso é de densidade, de alta concentración de comercios e alta concentración de cliente final", expuxo Jorge Mahía.

En calquera caso, estes aspectos relativos á comercialización están "pendentes" de pechar coa vista posta en que o día de "mañá" a ferramenta "podería ser exportable a outros mercados".

TRES MÓDULOS

A solución está composta por tres módulos: 'Alavuelta descubre', 'Alavuelta atrae' e 'Alavuelta fideliza', para apoiar aos comercios "en todo o proceso de xeración de negocio". Cada comercio poderá contratar un ou varios servizos segundo as súas preferencias e necesidades.

"O que queremos é pór a disposición dos comercios a tecnoloxía de última xeración e as técnicas de big data que usan as grandes empresas para tomar as súas decisións e, así, dotar aos comercios galegos de capacidades dixitais para xerar máis beneficio. O obxectivo é axudarlles a crecer proporcionándolles ferramentas que llo faciliten", destacou Jorge Mahía durante a súa intervención.

A idea é "coñecer mellor" á clientela a través das compras, "coidar as súas necesidades e captar novos clientes". Ademais, os comerciantes contarán cunha plataforma de xestión que permitirá ofrecer programas de fidelización, cartóns regalo e unha tenda de comercio electrónico.

Con 'Alavuelta descubre' os comercios accederán a información estatística sobre os seus clientes, as súas vendas e o seu negocio. Entre outras cousas, poderán coñecer a evolución das vendas con respecto ás da competencia ou saber o posto de facturación do comercio con respecto ao sector.

Ademais, o dono do negocio disporá de información agrupada do sexo e a idade dos grupos de clientes que compran no comercio e poderá coñecer cando compran máis os clientes. Se queren dar un paso máis, o servizo ofrece a posibilidade de contratar 'Alavuelta atrae' que lles permitirá conectar cos seus clientes actuais e potenciais.

Mediante unha web, o comercio poderá enviar notificacións a todos os seus clientes potenciais cando teña unha oferta, novidade ou comunicación que queira compartir con eles. Abanca conectará este servizo cos seus modelos de recomendación de compras ao cliente final, "conseguindo así afinar o público obxectivo ao que cada comercio se dirixe".

Por último, o servizo dixital complétase con 'Alavuelta fideliza', unha ferramenta que lles permitirá aos comercios fidelizar aos seus clientes. Con ela, o dono do negocio disporá de programas de fidelización dixitais, cartóns regalo e outros servizos.

Este módulo incorporará unha plataforma de comercio electrónico, de tal maneira que o cliente final poderá realizar o proceso completo: construír o seu propio escaparate, recibir ofertas personalizadas e realizar a compra online do produto seleccionado.

Os clientes dos comercios tamén poderán descargarse unha aplicación móbil que personalizarán en base aos seus gustos e intereses. Nesta 'app' poderán ter todos os programas de fidelización dos seus comercios favoritos, comprar cartóns regalo dixitais, personalizar as ofertas e novidades que queren recibir e realizar a compra de maneira dixital.

MEDIANTE ALGORITMOS

'Alavuelta' deseñouse ao completo en Abanca e está ideada desde o seu inicio pensando en comercios e negocios. Matemáticos, físicos, enxeñeiros e xestores financeiros traballaron no desenvolvemento desta solución global para os negocios.

O servizo analiza a información de toda a operativa dos TPV de Abanca e o patrón de compra de todos os seus clientes con cartón. Mediante algoritmos matemáticos automaticamente seleccionará o público obxectivo do produto e da oferta e finalmente, cunha ferramenta moi sinxela, o comercio poderá deseñar e manter as súas ofertas e a súa propia tenda de comercio electrónico na aplicación móbil do cliente final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta