"Somos os lectores os que temos que soster os medios críticos"

Columnista de El País, ex-xefe de gabinete de Quintana e agora autor do primeiro ensaio sobre a Era Feijo09. GC cuestiona a Manuel M. Barreiro sobre o futuro do Bloque, as difíciles relacións do nacionalismo co 15M e as opcións de Feijóo para suceder a Rajoy.

Por Walter Burns | Santiago | 20/06/2011 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

Que lle levou á aventura de publicar un ensaio sobre o "gris toupa" do Executivo Galego?

Este é un libro que eu prefiría non ter escrito. Nace da derrota do desexo do cambio nas elección do 1-M de 2009 que lle devolveron a dirección do autogoberno de Galicia ao Partido Popular. Recolle artigos nos que fago unha crónica interpretativa do que Feijóo bautizou como o Goberno 10 e que dous anos máis tarde deixa un balance gris toupa e que, de non poñerlle remedio, rematará a lexislatura firmando un bienio negro. Hoxe Galicia padece un Non Goberno que evade as súas responsabilidades e se dedica a administrar a Xunta someténdoa aos intereses particulares do PP para facerse co Goberno do Estado.

Por que adxectiva como "novísima" á dereita que aplica o Goberno Feijóo? Ten algo de renovador?

A dereita de Feijóo é novísima básica e fundamentalmente porque desexa afastarse simbolicamente da dereita fraguista. É unha dereita moito máis belixerante e confrontativa, menos comprometida cos intereses do país e que se mobiliza ao redor dun credo ultraconservador. É unha dereita nihilista e cínica que unicamente cre nun valor: ocupar o poder e manterse nela como sexa. E que só ten unha misión: erradicar o desexo de cambio político en Galicia. 

A miúdo dise que este é  un goberno sen ideoloxía, cun presidente cuxo máximo obxectivo é cultivar a súa imaxe antes de dar un salto a política estatal. Comparte este diagnóstico?

Este é un goberno de perfil liliputense feito para engrandecer ao Presidente. En realidade, Galicia non ten un goberno ten un presidente e a axenda de Feijóo está posta ao servizo non dun proxecto de país senón do seu currículo. Feijóo é un dobre presidente, presidente de Galicia e presidente do PPdeG, en caso de conflito de intereses sempre se impón o presidente do PPdeG. 

Realmente ten Feijóo capacidades para chegar a ser líder do PP en España  ou presidente do Goberno estatal?

Feijóo ten ambición sobrada. E éxitos electorais que xa o colocan no top ten do Partido Popular. A partir de agora terá moita máis competencia: outros líderes conservadores de primeira fila ocuparán executivos autonómicos: Cospedal en Castilla-A Mancha e, se non se equivocan as sondaxes, Arenas pasará a presidir a Junta de Andalucía. Nesta situación, o presidente Feijóo desvalorízase, hai outros territorios vencidos ao que Mariano Rajoy, se é presidente do Estado, lle terá que conceder maior importancia se quere consolidar a hexemonía conservadora e dotarse dunha base electoral estable. O futuro que lle queda a Feijóo ficando en Galicia é ir a menos. Abducido polo seu proxecto de autogoberno mínimo, rematará por ser un presidente mínimo. A súa ambición faralle aspirar a un posto no Gabinete de Mariano Rajoy. Se non é no primeiro, será no segundo.

Dicir que o Goberno Fraga tiña unha "actitude galeguista” debe resultar incómodo para moitos dos seus compañeiros no Bloque. Realmente hai algunha diferencia real entre a política cultural e lingüística desta Xunta e do fraguismo?

Durante os primeiros anos de mandato, Manuel Fraga impulsou unha sorte de “conservadorismo dinámico”, abeirado no que bautizou como políticas de autoidentificación galeguista e na súa proposta de Administración Única. Comparando a actitude respecto da lingua, á parte de comprobar a certeza do refraneiro galego –detrás virá quen bo te fará–, tamén se fai evidente que Fraga e Cuíña tiñan unha idea do PPdeG como un partido rexionalista forte que non era refractario ao galeguismo. 

Pero que é para vostede o galeguismo?

Galeguistas é quen confía nas capacidades do autogoberno de Galicia para xestionar o noso benestar, exercer as nosas liberdades e normalizar a nosa lingua e cultura. O galeguismo debería ser o mínimo común denominador das forzas políticas galegas, desgraciadamente non o é.  

A pregunta máis sinxela que nunca lle fixeron. Como fai o Bloque para cortar a súa sangría electoral?

Recuperando o diálogo cos cidadáns. Cancelando o debate como un asunto doméstico que só implica aos seus dirixentes e militantes. Aceptando que Fox Mulder, o de expediente X, levaba razón e que a verdade está aí fóra, na sociedade, non no noso universo de conviccións ideolóxicas. Creo que así se crean mellores condicións para renovar o proxecto político do nacionalismo e para xerar a ilusión e mobilización de ideas e persoas que é necesaria para a súa recuperación electoral.

Renunciar as concellerías e volver á trincheira é unha involución para o nacionalismo?

É un síntoma de que hai sectores do BNG que non valorizan as experiencias de goberno e que se senten máis cómodos facendo unha oposición de réplica. Hai veces que toca estar na trincheira, pero non se debe renunciar nunca a ser unha oposición que aspira a ser goberno. Facendo desmemoria das túas experiencias de goberno ábrese a porta á marxinalización das túas políticas.

A día de hoxe non hai ningún gran medio de comunicación galego cunha liña editorial próxima ao nacionalismo. Como se chegou até este punto e como se pode dotar o BNG de máis apoios na esfera mediática?

Desde o receo, non hai posibilidade ningunha de influír ou establecer complicidades. Non vexo aos partidos cun papel destacado na conformación de novos medios, hai que facer valer a forza dos lectores. En Galicia hai milleiros de persoas que, respecto a importancia dun medio en galego, viven en permanente estado de necesidade, pero non dan o paso ao estado de compromiso co sostemento de ningún medio en galego crítico. Somos os lectores os que temos que soster os medios críticos e alternativos. Polo de pronto apoiando aos existentes, dándolles audiencia e contribuindo economicamente ao seu sostemento. 

BNG e PSdeG colleitaron uns malos resultados  ...

Malos, por separado. Pésimos no conxunto. Cos malos resultados veñen algunhas evidencias que hai que atender: as estratexias de PSdeG e BNG non erosionaron ao goberno do PPdeG, non permitiron recuperar aos electores progresistas e galeguistas que se abstiveron en 2009 e, debido á falta de colaboración entre as dúas forzas da oposición competindo por separado, desperdiciouse unha boa ocasión para debilitar a hexemonía da dereita en Galicia. En política, o conformismo e a autocompracencia son unha forma indolora de suicido. O que lle piden moitos cidadáns ao PSdeG e ao BNG é que cambien para ser instrumentos político útiles para o cambio político e social de Galicia. 

Como analista político, como ve o movemento do 15M?

O movemento do 15-M focaliza a súa crítica en moitos dos déficits da democracia española, máis aínda denuncia o proceso de desdemocratización que padecen as institucións e os partidos.

None

En particular, como avalía o receo do nacionalismo ante un movemento cidadán que moitos ven dirixido dende Madrid?

Non recoñecer no 15-M parte do ADN cidadá de Nunca Máis ou de Hai que botalos e iniciar unha estratexia de diálogo, colaboración e apoio político por parte do nacionalismo é un erro monumental. O nacionalismo ten futuro se é quen de iniciar una conversa cos cidadáns críticos, desconformes e disidentes ao redor da construción unha nova alternativa desde a esquerda que mobilice políticas democratizadoras, progresistas e galeguistas para o autogoberno galego. Son os cidadáns, como electores, os que capitalizan e dán poder aos partidos, o réxime partitocrático agocha canto pode esta evidencia. Sen o diálogo cos movementos cidadáns non hai Paraíso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 62 comentarios

1 andrea

Este chico siempre es muy listo, pero quizás podría explicar porque el BNG en Ames tuvo peores resultados si el y Candocia capitaneaban el equipo, y además, por lo que dicen, relegaron a una parte del Bloque de Ames. Una cosa es lo que se dice y otra lo que se hace. verdad ?

1 BNGEITOR

"Una cosa es lo que se dice y otra lo que se hace. verdad?" Pois claro que sí Andrea, como facedes os do PPSOE coas vosas receitas anti-crise, hai que dicir A pero facer B.

2 Dores

Que critique iso alguen afin ao bloque vale? pero criticar por criticar non sei a que ven? ti non o voteches por iso? ou intues que non o votaron por iso? E xa sabemos que de resultados algúns entenden moito aínda que teñan o pobo na miseria ,verdade? véxase Lobeira,Bande,Verín, ou Allariz e Pontevedra te´q eu chegou quen chegou.Ou Monforte e Tomiño ou Bueu u tanto do mesmo. Non sexamos cínicos.