Abel Caballero denuncia o intento do Concello de Mos de "mover os marcos" e "anexionarse" parte de Vigo

Abel Caballero denuncia o intento do Concello de Mos de "mover os lindes" e "anexionarse" parte de Vigo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/12/2018 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este mércores o intento do Concello de Mos de "mover os marcos e "anexionarse" parte do termo municipal vigués, en concreto, case 50.000 metros cadrados no límite entre ambas as localidades, no chamado polígono do Rebullón.

Segundo explicou o rexedor olívico en rolda de prensa, o concello veciño notificou ao goberno municipal vigués un acordo plenario para o inicio dun expediente de deslinde e a creación dunha comisión para ese efecto. Dita medida afecta a unha parcela de 49.674 metros cadrados, nos que están instaladas unha vintena de naves empresariais.

De feito, detallou Caballero, existe un contencioso en marcha porque Mos leva anos cobrando o IBI a esas empresas, a pesar de que o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal non as inclúe dentro dos seus límites territoriais. Así, o Concello de Vigo reclama ao consistorio veciño uns 20.000 euros dese imposto cobrado nos últimos 5 anos.

Abel Caballero advertiu de que "de ningunha maneira" o Concello olívico vai tolerar esa "manifesta ilegalidade", e cuestionou mesmo se ese acordo plenario podería supor a nulidade da PXOM de Mos. "Que se esquezan", proclamou, e lembrou que os límites municipais son fixados polo Instituto Xeográfico Nacional e polos propios plans de ordenación de cada concello.

"Menos mal que non lles deu por chegar á Porta do Sol", ironizou o alcalde, quen sinalou que o Concello de Vigo xa trasladou a súa oposición a esta decisión "medieval" tanto a Mos como ao propio Instituto Xeográfico Nacional. "Á vista disto, enténdense moitas outras cousas", sentenciou o rexedor vigués.

Abel Caballero, no concerto de Dorian
Abel Caballero, no concerto de Dorian | Fonte: Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta