Temas: DATOS

Cae o número de títulos editados en Galicia e en galego

As edicións na nosa comunidade diminuíron nun 5,9%, o que supón unhas 118 obras menos. Ademais, case o 20% das publicacións en galego foron editadas fóra de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2018 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Os títulos editados durante 2017 en Galicia alcanzaron os 1.872, o que supón unha caída en 118 obras, do 5,9%, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta cifra representa un 3,1% do total de títulos editados ese ano no conxunto estatal. Asemade, tamén baixan os títulos editados en galego, até 972.

Computador portátil en biblioteca, estudar, estudante, centro escolar, libros. XUNTA
Computador portátil en biblioteca, estudar, estudante, centro escolar, libros. XUNTA | Fonte: Europa Press

No caso das edicións en galego, o ano anterior foran 976 e só outros dous exercicios na última década baixaran do milleiro (2014 con 860 e 2013 con 739). Dos 1.872 títulos editados en Galicia en 2017, o 47,9% foi editado en castelán, o 41,8% en galego, o 0,5% en catalán, o 2,5% noutros idiomas e o 7,3% en dous ou máis idiomas.

Mentres, o 2% dos títulos casteláns do conxunto estatal editáronse na comunidade galega, así como o 80,6% dos que están en galego. Isto quere dicir que case o 20% de obras escritas en lingua galega se editaron fóra de Galicia: en Madrid foron editados o 9,5% dos títulos en galego do 2017; en Cataluña, o 3,4%; en Aragón, o 2,3%; en Andalucía, o 1,3%; e no País Vasco, o 0,7%.

DATOS ESTATAIS

Un total de 60.185 títulos editados depositáronse na Biblioteca Nacional de España durante o ano 2017, polo que o volume de títulos editados aumentou un 1% respecto de 2016, segundo a estatística da Produción Editorial de Libros correspondente ao ano pasado.

Esta cifra supuxo 1,3 libros por cada 1.000 habitantes. Deles, o 86,1% foron libros e os 13,9% folletos. Como en anos anteriores, o tamaño máis habitual dos títulos situouse entre as 101 e as 200 páxinas (o 32,2% do total). Os títulos editados neste formato aumentaron un 8,6% respecto de 2016. Por detrás situáronse os títulos de 201 a 300 páxinas (o 18,2% do total) e os de 49 a 100 páxinas (15,0%). Pola súa banda, os volumes máis extensos (máis de 1.000 páxinas) representan o 0,9% dos títulos.

Do total de títulos editados en 2017 en España, o 94,5% corresponderon a primeiras edicións e o 5,5% a reedicións. O tema máis editado en 2017 foi Literatura (co 40,3% do total de títulos e un aumento do 13,8% respecto ao ano anterior), seguido de Ciencias Sociais (co 14,4% do total e unha baixada anual do 1,9%) e Ciencias Aplicadas (co 11,1% do total e un descenso do 9,2% respecto de 2016).

As comunidades autónomas con maior produción editorial en 2017 foron Madrid (co 32,3% do total), Cataluña (30,8%) e Andalucía (10,5%). Os maiores incrementos no volume de títulos editados rexistráronse en Estremadura (26,0% máis que en 2016), Comunidade Foral de Navarra (21,5%) e Illes Balears (18,3%). Pola contra, os maiores descensos déronse en Aragón (-9,2%), Comunitat Valenciana (-9%) e Comunidade de Madrid (-8,5%).

En canto á distribución por temas,  Madrid destacou coa edición do 57,5% dos títulos de Ciencias Puras, o 50,9% de Ciencias Aplicadas e o 48,9% de Xeralidades (fronte ao 22,2%, 21,9% e 23,9%, respectivamente, de Cataluña). Pola súa banda, en Cataluña editouse o 38,1% dos títulos de Literatura, fronte ao 22,2% de Comunidade Madrid.

O estudo precisa que o 88,3% dos títulos se editaron en 2017 en linguas oficiais e linguas propias de rexións españolas (53.146 títulos). O castelán foi a lingua maioritaria (74,1% do total), seguida do catalán (10,2%), o galego (1,6%), o eúscaro (1,3%) e o valenciano (1,1%). O 8,6% dos títulos editáronse en dúas ou máis linguas (5.154 títulos). A combinación máis frecuente foi  a de castelán/inglés, que supuxo o 5,9% dos títulos editados e o 68,8% dos títulos bilingües.

As linguas estranxeiras supuxeron o 3,1% do total de títulos editados en 2017 (1.885 títulos). Destacaron as publicacións en inglés (o 62,6% do total en linguas estranxeiras) e francés (16,2%). Pola súa banda, os títulos traducidos constituíron o 20,1% da produción. A metade deles (51%) foron traducións do inglés.

CATALÁN EN ILLES BALEARS

Analizando a produción de cada comunidade autónoma, en todas elas a maioría de títulos saíron en castelán, coa excepción de Illes Balears (que editou o 45,1% da súa produción en catalán, fronte ao 34,2% en castelán).

En Galicia, editáronse o 41,8% dos títulos en galego; en Cataluña, o 26,4% en catalán; en País Vasco editáronse en eúscaro o 28,6% dos títulos; na Comunidade Foral de Navarra, o 7,6%; e en Comunitat Valenciana, o 18,5% da súa produción editorial saíu en valenciano. Analizando a produción total de cada lingua, os títulos en castelán editáronse principalmente en Comunidade de Madrid (o 33,2% do total) e Cataluña (27,3%).

Para o resto de linguas oficiais a maior parte da edición concentrouse nas comunidades autónomas de orixe, aínda que tanto na Comunidade de Madrid como en Cataluña publicáronse unha cantidade significativa de títulos en todas as linguas oficiais.

Así, do total de títulos en catalán, o 79,7% editouse en Cataluña, o 9,6% en Comunidade de Madrid e o 5,5% en Illes Balears. Do galego, un 80,6% editouse en Galicia, un 9,5% en Comunidade de Madrid e un 3,4% en Cataluña.

LIBROS INFANTÍS EN EÚSCARO

Por outra banda, as publicacións infantís e xuvenís representaron o 12% dos títulos editados en 2017. Este tipo de publicacións caracterizouse polo seu reducido número de páxinas. De feito, o 55,7% foron folletos (de cinco a 48 páxinas) e case a totalidade da edición (o 97,7%) destinouse a Literatura.

As comunidades con maior número de publicacións infantís e xuvenís foron Cataluña (50,4% do total), Madrid (20,6%) e Comunitat Valenciana (5,2%). Nos títulos en eúscaro observouse unha maior proporción de libros infantís e xuvenís ca no resto de linguas oficiais (representaron o 34,1% da edición total en eúscaro). A continuación, situáronse os títulos en galego (25,8%) e catalán (25,3%). O 45,4% dos títulos infantís e xuvenís foron traducidos. Deles, case a metade (o 42,1%) traducíronse do inglés.

Doutra banda, as publicacións destinadas a libros de texto representaron o 6,8% dos títulos editados en 2017. O formato máis habitual foi de 101 a 200 páxinas (35,4% do total). Os temas máis editados foron Ciencias Sociais (34,2%), Ciencias Puras (16,3%) e Filoloxía e Idiomas (12,9%).

En canto ás publicacións oficiais supuxeron o 9,5% do total dos títulos editados en 2017. O tamaño máis habitual foi entre as 101 e 200 páxinas (o 27,0% do total).Os temas que máis destacaron foron Ciencias Sociais (20,7% do total), Artes (22,9%) e Ciencias Aplicadas (13,8%). Por comunidades autónomas destacaron Comunidade de Madrid (22,2% do total), Cataluña(20,3%) e Andalucía (12,9%). Dous de cada tres títulos editáronse en castelán (o 66,3%).

Temas: DATOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta