O alquimista das verbas, Aquilino Iglesia Alvariño

Se hai un poeta de formación clásica e de expresión coidada nos canons grecolatinos da rima, ese é Aquilino Iglesia Alvariño, o predicador de Seivane.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 29/06/2011

Comparte esta noticia

A difusión deste colleiteiro da lexicografía(onde estará aquel dicionario que seica prometera?) é minúscula. Tantas verbas anotadas e explicadas nos seus meticulosos versos que tornan da creación literaria unha columna triunfante da fala popular. Foi un metalúrxico que fundiu a lingua dun pobo humilde nunhas letras maiúsculas irrompíbeis no parnaso da república das letras galegas.

Acudamos ao 50 cabodano de Aquilino cun feixe dos seus poemas. Fagámolo segundo o padal de cadaquén: se queremos sentir o saudosismo tras o maxisterio do paisaxismo de Noriega Varela (corrente tan viva na Galiza de preguerra) pois vaiamos á súa primeira obra, Señardá (1930); se queremos rozar o creacionismo botemos man de Corazón ao vento (1933); se nos presta o hilozoísmo no rego de Amado Carballo, collamos algunha páxina dos seus Cómaros verdes (1947) e se queremos a expresión madura, dun home que mira polo retrovisor o longo pasado, que sufría a éxtase da súa doenza crónica (o existencialismo), valería Lanza de soledá (1961).

Nos meus petos levarei algunha das súas nenias, tan belidas cando son tan fúnebres. Cantigas de honra, odas á Galiza personificada. A dedicada a Castelao é dunha formidábel calidade e dun contido evocador. Tamén as de Luís Pimentel ou Ramón Cabanillas. O bo Ramón do Salnés, o mestre artúrico das Irmandades da Fala. Aquela Xeración do 16 que tanto fixo por nós!

O Aquilino da etapa de Mondoñedo, o agora fregués da poesía e do nacionalismo pérdese nas aventuras da vangarda. Con Cunqueiro e Vidarte crean a Oficiña Lírica do Leste Galego que Rodríguez Fer bautizou como “Factoría vangardista”. En Lugo colaboraría nas revistas Yunque e Resol. O Lugo dos anos 30 era unha marmita a gurgullar verdadeiros escritores.

O alquimista das verbas dirixiu A Nosa Terra cando este era voceiro do Partido Galeguista, onde militaba na súa ponla máis conservadora pero fiel cando outros fomentaron a escisión. Conservador e fondamente relixioso. Pro tamén nacionalista, de pulmón galeguista e querenza pola cultura. Que, tras a guerra, non fose un home integrado nas dinámicas do Grupo Galaxia ou cos activistas máis dinámicos non resta en nada o denantes afirmado. O seu grupo era o do parladoiro os “Catorce de Osebe”. Porén Aquilino participou no acto da fundación da Editorial Galaxia ou do Padroado de Rosalía de Castro. E o seu poemario Nenias (1961) inaugurou a colección Salnés da devandita editorial.

O seu camarada, Álvaro Cunqueiro, dixo da súa obra: “unha poesía que non tivo nin ten par entre nosoutros”. Dixo naquel 1947 cando Aquilino colaboraba asiduamente en La Noche, xornal que volvía xuntar a un monllo de galeguistas silenciados polo feixismo. Daquela altura vénlle un alcume: “O señor das palabras”.

A obra de Aquilino conta con importantes seareiros, con estudos densos (como os de Luciano Rodríguez) e o recoñecemento da súa influencia en escritores que posteriormente serían outas voces da nosa literatura. Pro non se socializou e non foi quen de ser autor de referencia para os lectores. Cantes reedicións coñeceu a súa obra? Quedou recluído. Ás veces incluso nos círculos de investigación literaria. Queda coma reliquia dun santo.

Mais haxa ou non moreas de seguidores ou lectores da súa produción literaria, Aquilino conseguiu xustificar a súa existencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)