Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/12/2018 | Actualizada ás 20:46
O Plan reitor de uso e xestión das Illas Atlánticas de Galicia vén de acadar o visto bo do Consello da Rede de Parques Nacionais, polo que, segundo a Xunta, "Galicia avanza o paso definitivo para conseguir que o único parque nacional que hai na Comunidade galega logre a declaración por parte da Unesco como Patrimonio da Humanidade". Un paso máis na candidatura que impulsa a Xunta, que toma máis vantaxe fronte a que promove o alcalde de Vigo, Abel Caballero para o recoñecemento da Unesco exclusivo das Illas Cíes.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou este fito da Xunta, tras presentar o plan de xestión na reunión do Consello de Parques celebrado este martes en Madrid e que estivo presidido pola ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.
Ángeles Vázquez considerou que a aprobación do PRUX é un claro recoñecemento ao traballo desenvolvido durante meses polo Goberno galego para dotar ao Parque Nacional das Illas Atlánticas dun completo plan de xestión, que rexerá durante a vindeira década. Indicou que se trata dun documento de xestión que é froito do consenso e do traballo coordinado cos diferentes sectores e actores, que puideron expresar as súas demandas e que se tiveron en conta; polo que é “un documento completo que ten en conta todas as visións”, defendeu.
A modo de resumo, explicou que se trata dunha folla de ruta na que se detallarán os obxectivos e os criterios de xestión do parque nacional, establecendo a normativa de protección, a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións expostas para o próximos dez anos en materia de conservación, uso público, investigación, seguimento.
A conselleira de Medio Ambiente salientou que unha das principais novidades é o establecemento por primeira vez dun cupo de visitantes nas Illas Ons; polo que a totalidade de illas que compoñen o Parque Nacional contará cun límite de acceso, tanto na tempada alta como na baixa, co obxectivo principal e primordial de garantir a súa conservación co desenvolvemento dun turismo sostible.
Así, a regulación do uso público en Cíes establece un máximo de 1.800 persoas de visitantes diarios, ao que se suma un máximo de 200 visitantes para grupos e un máximo de 600 campistas; en Ons, por primeira vez, será de 1.300 persoas ao día, 200 para grupo e a zona de acampada estará limitada a 300 persoas diarias; e Sálvora e Cortegada, manteñen o cupo actual de grupos autorizados, 250 persoas ao día.
Outras das novidades son a implantación dunha nova zonificación no parque nacional, tendo en conta a súa dimensión vertical e a profundidade das augas e, polo tanto, é a primeira vez que se aplica este sistema nun parque nacional; e a regulación dos aproveitamentos pesqueiros e marisqueiros, en consenso co sector, para manter as actividades que se viñan desenvolvendo ata o momento, promover o deseño e aplicación dun código de boas prácticas e impulsar unha marca de calidade.
O Plan reitor de uso e xestión estará acompasado polo desenvolvemento dun plan de actuacións con oito liñas de traballo, centradas na conservación da biodiversidade e a paisaxe, a investigación, o uso público, a conservación do patrimonio cultural, a mellora da sostibilidade e a calidade de vida, e a definición dun plan de emerxencias, outro de autoprotección e un de desenvolvemento sostible. Un plan de acción que cada ano implicará investir 2,6 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.