Case 7.000 persoas máis vivirán soas en Galicia dentro de 15 anos

O IGE estima que a nosa comunidade perderá arredor de 138.000 habitantes de aquí ao 2033. A poboación da Coruña e Pontevedra baixará en case 83.000 habitantes, pero sumarán 9.000 novos fogares.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/12/2018 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

Case 7.000 persoas máis vivirán soas dentro de 15 anos en Galicia, ata situar o total en 243.545, segundo as proxeccións do Instituto Galego de Estatística (IGE). Nese momento, en 2033, a poboación galega situarase en algo máis de 2 millóns e medio de habitantes, tras diminuír en 138.096 persoas.

Xente andando pola rúa. ÓSCAR DEL POZO
Xente andando pola rúa. ÓSCAR DEL POZO | Fonte: EUROPA PRESS

Estes datos, que veñen a actualizar esoutros difundidos recentemente polo Instituto Nacional de Estatística (INE), destacan tamén o incremento do número de fogares que se agarda en Pontevedra e A Coruña (8.684 máis), malia que estas provincias perderán 82.909 persoas.

Así, a proxección do IGE fixa a poboación galega en 2.565.194 habitantes no 2033, un 5,11% menos que neste ano 2018, repartidos entre o máis dun millón da Coruña (1.073.931), algo menos dun millón en Pontevedra (905.571), pouco máis de 300.000 en Lugo (304.240) e menos desa cifra en Ourense (281.452).

Mentres, con 234.004 nacementos e 495.756 defuncións, o saldo vexetativo será negativo en 261.756 persoas, mentres que o migratorio resultará positivo, con 123.658. Por áreas xeográficas, sobresae a taxa de variación negativa do sur de Ourense, onde a poboación descenderá nun 17,26%, ata 65.132 persoas.

FOGARES

En canto á evolución dos fogares, estes crecerán ata o ano 2023, pero despois baixarán e farano máis pronunciadamente, xa que no global do período o número rexistrará unha caída do 0,7%, ata 1.054.219.

Xunto ao incremento do dato de fogares cun único habitante,  Estatística tamén estima un aumento do número de fogares de maior tamaño (seis ou máis persoas), que será do 3,81%, segundo as súas previsións.

Haberá tamén máis fogares con parellas sen fillos, ao pasar en quince anos de 229.211 a 240.463. Diminuirán, pola contra, os fogares con parellas con fillos, de 358.470 a 337.357 e tamén as unidades monoparentais, de 100.375 a 98.590.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta