O Concello de Vigo apoia a manifestación pola "dignidade" da Atención Primaria

O grupo socialista e Marea de Vigo votaron a favor no pleno, mentres que o PP non participou. Profesionais do sector apuntan á "saturación" dos PAC e sinalan que a situación "vai ir a peor"

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/12/2018 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Vigo aprobou unha proposta do alcalde en apoio da manifestación convocada para este xoves por un grupo de médicos de familia da área, entre os que figuran os 25 xefes de servizo dimisionarios. A protesta ten como lema 'Pola dignidade da Atención Primaria'.

Protestas de médicos de Atención Primaria en Vigo.
Protestas de médicos de Atención Primaria en Vigo.

Na sesión plenaria celebrada este mércores, a doutora do Punto de Atención Continuada (PAC) de Vigo Elisa Ausín explicou a situación de "saturación" da Atención Primaria na área sanitaria de Vigo, que segundo vaticinou "vai ir a peor".

Ausín sostivo que esa "saturación" nas urxencias non hospitalarias provoca un "aumento" da "posibilidade de cometer erros" e "diminúe a calidade asistencial". Todo iso súmase a que os profesionais sofren "maior tensión" e teñen "menos tempo" por paciente.

Esta médica destacou que "os traballadores da PAC poden aumentar a súa xornada laboral practicamente até o infinito" e que a "conciliación" para os médicos destes centros de urxencias extrahospitalarias da área de Vigo é "imposible". "Algúns pedimos redución de xornada por conciliación este verán e a xerencia negóunola por necesidades de servizo", expuxo Ausín.

O PP NON PARTICIPA

Despois da intervención de Ausín, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, propuxo unha votación que estaba fóra da orde do día do pleno para apoiar a mobilización deste xoves que resultou aprobada cos votos do grupo socialistas e de Marea de Vigo. O grupo municipal do Partido Popular non participou na votación.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, apuntou que "a situación da PAC é análoga á da Atención Primaria" e que no que vai de ano "3.200" médicos solicitaron a homologación dos seus títulos para irse fóra de España. "Os médicos escapan pola situación de destrución da sanidade pública", aseverou.

Pola súa banda, o concelleiro 'popular' Ángel Piñeiro manifestou que hai que "atraer" aos médicos e "mellorar as condicións laborais". Nese sentido, sinalou que "se están implementando medidas". "Necesitamos resolver con efectividade unha situación que está a durar demasiado tempo", afirmou.

SANIDADE PARA A "BENEFICENCIA"

Na súa quenda, o concelleiro da área de Cultura, Cayetano Rodríguez Escudeiro, sostivo que a intervención de Elisa Ausín reconcíliao "co mellor do sistema público" e que a loita dos médicos é "lexítima".

Así, Rodríguez Escudeiro asegurou que "se os profesionais marchan é porque as condicións de contratación son peores" e afirmou que o resto "é mentir por mentir". "Pretenden deixar que morra o noso sistema sanitario e deixalo só para a beneficencia", sinalou en referencia á Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Iremos á manifestación en apoio dos 25 valentes demisionarios !!! Non esquezamos que no ano 2015 houbo unha manifestación en defensa da Sanidade Pública capitalizada por Abel Caballero que o único que fixo nestes 4 anos foi abrir un parking no Cunqueiro e vendernos a moto de que as súas políticas son distintas ás políticas neoliberales Feijoo... Agora parece que todos os políticos que levan anos durmindo queren sacarse a foto en Vigo. Os únicos valentes foron os 25 xefes de servizo que puxeron pé en parede para denunciar as MISERIAS do Sergas !!! Esas 25 persoas son as que merecen todo o noso apoio e por elas estaremos na manifestación !!! Os políticos farían mellor agochándose nas covas tuiteando as súas propias miserias !!! Se non houbese tanto colaboracionista a Sanidade Pública estaría moito mellor do que está a día de hoxe Grazas aos Xefes de Servizo por DICIR A VERDADE e actuar en consecuencia !!!