Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/12/2018 | Actualizada ás 18:35
Nenos e nenas de entre 8 e 10 anos plasmaron en fotografías a súa particular mirada sobre a flora e a fauna do río Rato (Lugo). Agora, a Deputación Provincilal vén de inaugurar unha exposición que recolle 38 desas imaxes, nacidas a raíz dun curso organizado o pasado mes de xullo. A mostra poderá visitarse no Centro de Interpretación Terras de Miño ata o vindeiro 21 de abril, en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.
O Deputado de Medio Ambiente no ente provincial, Argelio Fernández Queipo, participou na presentación da exposición infantil 'A natureza, retratamos flora e fauna no rato'. A mostra fotográfica "é o resultado dunha actividade que se converte nunha ferramenta de concienciación medioambiental", asegurou Fernández Queipo, "é a contribución da arte á conciencia ecolóxica". Salientou que as imaxes que se expoñen foron recollidas logo da observación que fixeron os propios nenos e nenas acerca daquilo que os rodea.
"É unha forma de reforzar o vínculo dos nosos cativos coa natureza", proseguiu, para logo engadir que os cursos de fotografía da Deputación son útiles no sentido de que axudan a descubrir a contorna natural e cultural, ademais de fomentar o traballo en equipo. "Favorece que os escolares se emocionen e establezan un vínculo afectivo coa contorna, impulsando ao mesmo tempo a Reserva da Biosfera", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.