Nace en Galicia un disco colaborativo con temas que buscan "sacar á luz" o "tabú" das enfermidades mentais

'Disorders' trata de dar a coñecer os problemas de saúde mental coa colaboración de Feafes e do programador Carlos Morales.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2019 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

Nace en Galicia 'Disorders', un disco colaborativo impulsado polo programador web afeccionado á música Carlos Morales Pereira e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes), no que cada unha das cancións que o compoñen están inspiradas nun trastorno mental, un "tabú" que o seu creador pretende "sacar á luz".

Carlos Morais, impulsor do disco 'Disorders'. FEAFES GALICIA
Carlos Morais, impulsor do disco 'Disorders'. FEAFES GALICIA | Fonte: Europa Press

O proxecto, que busca normalizar estas enfermidades, naceu hai catro anos da man de Carlos Morales, un programador web freelance que puxo en marcha un proxecto baixo o nome 'Fear of Missing Out' para dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa a través dun disco como proposta inicial.

A partir dese momento, tal e como sinala o creador nun comunicado de Feafes, a iniciativa "tomou vida propia" e derivou en 'Disorders', un proxecto artístico multidisciplinar no que participan "múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo".

Ademais, recentemente púxose en marcha unha campaña de 'crowdfunding' para dar visibilidade ao proxecto e recadar fondos para o movemento asociativo de saúde mental en Galicia. Aqueles que fagan as súas doazóns, recibirán diversas "recompensas", moitas delas elaboradas por usuarios das asociacións de Saúde Mental Feafes Galicia.

Segundo explica Carlos Morales, 'Disorders' "é moito máis que un disco: é un proxecto colaborativo inspirado pola saúde mental". Cada unha das cancións do proxecto musical está inspirada nun trastorno diferente, "un tema tabú que este disco pretende sacar á luz con normalidade, respecto, empatía e agarimo".

A iniciativa, coa que Carlos Morales pretende "achegar un gran de area na loita contra o estigma que pesa sobre os problemas de saúde mental", é un disco "de metal progresivo/ambiental no que tamén colaboraron músicos de diferentes bandas como 'Quaoar', 'Stoned at Pompeii' ou 'Sweet Death'. As letras do disco, "que falan sen reviravoltas sobre depresión, esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros", foron escritas por persoas que coñecen de primeira man os problemas de saúde mental e que colaboraron voluntariamente no proxecto.

Saúde Mental Feafes Galicia tamén participou na iniciativa con varios usuarios das súas asociacións, que "ilustraron" algunhas das cancións que forman parte do libreto e a portada do disco.

FEAR OF MISSING OUT

'Fear of Missing Out', o proxecto no que se enmarca o disco 'Disorders', é unha proposta na que Carlos Morales "leva traballando moito tempo" e na que se encargou de compor, contactar cos letristas, gravar guitarras, teclados ou voces.

Na batería contou co artista Héctor Agulla do grupo 'Loiros' e no baixo con Antón F. Piru, de 'Stoned at Pompeii' e 'Mooncresta'. No disco tamén participaron Aitor Malamute Zorriketa de 'Quaoar' e 'James Room & Weird Antiqua', Xela Riveira do grupo 'Sweet Death' e Víctor Castro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta