Enfermeiros nos centros escolares: unha maneira de facer fronte á obesidade infantil?

O Sindicato de Enfermería de Galicia cre que se se implantase a figura da enfermeira nos colexios melloraría a información dos mozos sobre hábitos de vida saudables. E é que España é o segundo país europeo cunha maior porcentaxe de nenos obesos, un problema que tamén se relaciona con outros como a baixa autoestima, o acoso escolar ou o mal rendemento escolar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2019 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermería de Galicia (Satse) pon o foco na educación para que os menores adquiran hábitos de vida saudables. Así, reclaman ás distintas administracións públicas distintas "medidas efectivas" neste senso, como omo a implantación da figura da enfermeira escolar nos colexios de Galicia co obxectivo de "acabar coa obesidade infantil".

Unha muller con problema de obesidade
Unha muller con problema de obesidade | Fonte: Wikimedia.

A través dun comunicado de prensa, Satse explica que as conclusións do informe 'Health and Glance: Europe 2018' da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) "constatan, unha vez máis, que o noso país non está a desenvolver unha adecuada estratexia xeral de promoción da saúde pública e prevención da enfermidade entre os nenos e novos".

Segundo este informe, logo de Chipre, España é o país europeo cunha maior porcentaxe de nenos obesos. En concreto, un 18% de menores con idades comprendidas entre os 7 e 8 anos son obesos, mentres que a media da Unión Europea é un 12 por cento.

O citado informe, que presenta unha análise comparativa do estado de saúde dos cidadáns da Unión Europea e o rendemento dos sistemas sanitarios dos Estados membros, conclúe que os nenos con sobrepeso ou obesos "corren un maior risco de ter unha mala saúde na adolescencia e anos posteriores".

"A obesidade entre os nenos a miúdo tamén se relaciona con problemas psicosociais como a baixa autoestima, o acoso escolar, o baixo rendemento escolar, os trastornos alimentarios e a depresión, o que leva a problemas de saúde e económicos na idade adulta, apunta", explica Satse.

O Sindicato de Enfermería recorda tamén que a Organización Mundial da Saúde (OMS) advirte de que a obesidade na infancia e adolescencia "converteuse nos últimos anos nun dos problemas mundiais de saúde pública máis graves, ante o que se debe actuar desde distintos ámbitos de actuación, sendo un dos máis importantes os centros educativos".

LABOR INFORMATIVO

Por iso, este sindicato demanda en todas as comunidades autónomas "que as respectivas administracións competentes implanten de xeito xeralizado a figura da enfermeira escolar". "Na actualidade, aínda son poucos os colexios públicos en España que contan con esta figura", lamenta.

Ademais de atender as necesidades sanitarias dos escolares -como administración de tratamentos, control da alimentación, asistencia en caso de enfermidade ou accidente--, "os profesionais de Enfermería poden desenvolver un labor informativo e formativo fundamental para a adquisición de hábitos saudables en nenos e mozos no concernente á súa alimentación, actividade física...", concreta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta