Feijóo respalda o pacto con Vox en Andalucía

Asegura que "todo o mundo sabe o que pactaron tres partidos" e non cre que teña custe electoral os acordos coa ultradereita; "veremos no futuro". Tampouco descarta pactar con Vox en Galicia; "haberá que ir vendo partido a partido".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse "tranquilo" e apoiou o pacto asinado este mércores entre o PP e Vox para que Juan Manuel Moreno goberne en Andalucía e defende que os populares, con este acordo, non dan "nin un paso atrás" en materia de violencia de xénero. 

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na roda posterior ao Consello. XUNTA
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na roda posterior ao Consello. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así respondeu o tamén líder do PP de Galicia, quen destacou a Moreno como un político "fiable, centrista" e no que "confía plenamente". "Atópome tranquilo e seguro de que o que vai facer é razoable e é o que podemos subscribir calquera persoa como militante do Partido Popular", engadiu na rolda de prensa posterior á reunión do Consello.

Ademais, negou que manteña discrepancias coa dirección nacional do seu partido no ámbito da violencia de xénero, posto que, ao seu modo de ver, a súa opinión é "perfectamente compatible co dito" polos seus compañeiros. De feito, insistiu en que o que el dixo se mantén porque o PP non vai dar un "paso atrás" en violencia de xénero e ve "compatible" o asinado con Vox porque esta cuestión "non se tocou".

"Todo o mundo sabe o que asinaron os tres partidos", suliñou ao incluír no acordo a C's, aínda que este partido insiste en que non formou parte do pacto. "Isto é como quen come unha tortilla de patatas. A todos lles gusta pero logo ninguén quere facela", suliñou ao lembrar que a presidenta da Cámara andaluza, que é de Ciudadanos, foi apoiada polos tres partidos.

PACTO CON VOX EN GALICIA

Sobre se este mesmo pacto poderíase dar en Galicia tras as eleccións autonómicas previstas para 2020, Feijóo apelou a "ir vendo partido a partido". Neste sentido, insistiu en que, por agora, "non hai ningún pacto máis importante" que o que mantén "cos galegos" na súa terceira maioría absoluta na Comunidade.

Neste sentido, descartou que pactar coa ultradereita teña "custes electorais" para o PP. "Haberá que velo no futuro", dixo en alusión a futuras citas electorais, aínda que quixo deixar claro que os populares non renegaron de ningún dos seus principios programáticos.

Así mesmo, destacou que "todo o mundo sabe" o contido do pacto de gobernabilidade da Xunta de Andalucía, o que contrapuxo ao acordo "inédito" que sostén a Pedro Sánchez no Executivo estatal: "Ninguén sabe por que os independentistas cataláns, nacionalistas vascos e podemos pactaron co presidente do Goberno".

CRÍTICAS DE VILLARES

O portavoz de En Marea, Luís Villares, cualificou como "tridente da reacción" o pacto en Andalucía entre PP, Cidadáns e Vox, un acordo que, di, "escandaliza a Europa" e converte aos populares "no primeiro partido que se dicía democrático que pacta coa extrema dereita".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lóstrego

Agora xa non dís aquela parvada de que goberne a lista máis votada?